10/09/2008

Arumes, besbe e a CNT (Woody Allen por diante)

Que se é unha postal, que se non deixa de caer nos tópicos, que se a voz en off, que, en definitiva, vaia fraude de película. Pois a min gustoume e por un momento comparei a Woody Allen con Stephen King en canto á facilidade que teñen ambos de imaxinar os seus mundos, as súas historias, dun xeito que ata parece fácil.

Vicky, Cristina, Barcelona é iso, o que é Barcelona para os que non viven na cidade e para os que van de turistas: o aeroporto, Miró, Gaudí e o parque Güell e a Pedrera, Miró, a fonte máxica e Montjuïc, a burguesía catalana e o barrio de Pedralbes, as Ramblas, a estatua de Colón, o Tibidabo, o catalán, os extranxeiros...e o que pode acontecer nunha cidade ou noutra (Oviedo e os carbayones, e Santa María del Naranco e unha fabada) mentres bebes viño, escoitas tocar unha guitarra (que nunca está de máis, pero tamén son casualidades atopar tantas guitarras) e te sorprendes coas persoas coas que te xunta a vida.

Trailer de Vicky, Cristina, Barcelona



Barcelona non é maís que o marco no que se conta unha historia que tanto ten que acontecese en Londres, ou Manhattan, San Petersburgo ou na Coruña, o que se vai buscando é encadrar nalgún sitio o que todos facemos e a todos nos pasa: seducir, namorarnos, botar un ferrete, comezar unha relación, plantexarte outra, cuestionar o futuro na compaña de alguén, decidir continuar co que xa tes, decidir ser infiel, saber o que non queres e buscar o que colme a insatisfacción, decidir que as etiquetas homosexual/heterosexual/bisexual non sempre son correctas, querer a alguén e namorarte doutro alguén, cuestionarte a monogamia, cuestionarte a vida en parella...e todo o que iso implica cando non se comparten puntos de vista, cando a moralidade che impide tomar certas decisións, cando as eleccións non son "correctas", cando che da igual o que digan os demais, cando non atopas o que queres, cando ves que as túas decisións están influenciadas polos demais e optas por deixar que iso sexa así ou todo o contrario.

A película non soluciona nada, pódese dicir que é un cliché de pensamento e ata podo aventurar que sexa unha película a programar nas tardes dos domingos en calquera cadea de televisión, o cal me parecería xenial: ver con naturalidade certas maneiras de vivir a vida, a sexualidade, que non son as convencionais e sementar unha dúbida en milleiros de cabezas.

O que máis me gustou é que a historia é presentada así tal cual, non xulga, non critica, non condiciona, so mostra o que hai e cada un que escolla, porque á fin, a vida hai que vivila e das túas escollas vai depender a túa vida. Gustoume porque é sinxelo identificarse con cada un dos personaxes.

E a banda sonora tamén foi do meu agrado: http://www.myspace.com/giuliaylostellarini

adicado a arume dos piñeiros, gustoume máis Pe que Scarlett e non me decatei do cartel da CNT, débolle un libro...


10/07/2008

E se hoxe rematase todo...

Vía acedre chégame o meme que Mario atopou por aí, aló vamos:

Se fose a fin do mundo...

1. Que canción che gustaría escoitar?

Ningunha en especial e todas en xeral, tirando de last.fm escollería tags tales como mowtown, twee, britpop, sweden ou algo semellante.

2. A que libro lle botarías un ollo?

Non creo que se me dese por ler, se acaso rematar o último que ande a ler, por iso de non morrer coa intriga. Pero non ían ser os libros os que me preocupasen nese intre.

3. Con quen che gustaría falar?


Con quen estivese ao meu carón, neste caso J., adicar unhas palabras á familia e unhas mensaxes aos amigos, que supoño que estarían tamén preparándose para a fin do mundo.

4. Que che gustaría comer?

Chocolate ou xeado de limón ou pipas e café ou licor café ou cervexa ou zume de laranxa (é que agora mesmo ando de sobremesa e se vai rematar o mundo é o que me apetece)

5. Que farías e que che queda pendente por facer?

Pois collería o coche e tiraría cara Fisterra ou cara San Andrés de Teixido ou cara algún sitio con mar lonxe da cidade, coa música e comida/bebida anteriormente escollida e cun libro de poesía para non ler no asento de atrás. Supoñendo que chegase ao sitio escollido, pois disfrutar da compaña e acompañamentos.

Se remata o mundo non creo que me arrepinta de nada nin pense no que me quede por facer, a día de hoxe quero facer moitas cousas, tantas, que xa me pesa non telas feito antes...pero se hoxe remata todo, tede por seguro que non me vou amargar pensando nelas.

Living la vida loca



10/03/2008

Steiner, non máis fracasos

A estas alturas a polémica xerada por Steiner semella xa auga pasada, con todo no grupo de Literatura Galega de anobii.com adoptamos a este home "experto" en literatura comparada como padriño.



Polo menos ata o de agora, antes de que apareza outro que faga máis méritos (Gloria Lago e compaña non contan por cansinos, que estou farta de ver cartas ao director en La Voz de Galicia cun claro diagnóstico de manía persecutoria).



10/02/2008

Dinosaurios e blogueiros en 3D

O martes fomos a ver a proxección para blogueiros de Dinosaurios na primeira sala en 3D en Galicia, na Domus da Coruña. O evento foi organizado polos Museos Científicos da Coruña e Galinus e como dixo Xosé Antón Fraga, unha experiencia piloto do que agardaba que fose o primeiro de moitos máis encontros que habían facer pensando nos blogues. Logo da súa presentación Enrique Criado, de Enxebre, empresa que se encargou de adaptar a sala, falou sobre a orixe e futuro das 3D e despois xa procedemos a ver a película e unha curta que produciu Enxebre. Tras o pase, pinchos e o mellor destes eventos: conversa e intercambio de opinións.

A pega que lle vexo eu a isto das 3D é, por incrible que pareza, a adaptación da vista a ver as cousas como supostamente xa as ve, pero comentaba tamén un dos rapaces de Galinus que el probara unhas gafas electrónicas para 3D e que a visión era perfecta, así que supoño que isto mellorará a aceptación, e pensando nos videoxogos é de supoñer que será un éxito.

Falamos con Sole e con algún dos membros de galinus das aplicacións das 3D, que se emperraban en facer películas e igual tiñan que centrarse tamén noutros campos. J. comentaba que para o seu traballo podían virlle moi ben para realizar exposicións nas súas terapias de psicoloxía, por iso dun "entrenamento á experiencia real" no caso de fobias e outros transtornos. Sole comentounos o caso das persoas que teñen fobia a montar en avión e o programa que ten Aena para estes casos, que conta cun simulador de voo real, así que teñen campos abondo para explorar e sacarlle partido a isto das 3D.

Experiencias en 3D xa tivemos ocasión de comprobar aquí en Galiza noutros ámbitos, como é o caso da exposición Galicia Dixital.

Ao final falouse do que se tiña que rematar falando: mestura internet, ocio e 3D e seguro que a palabra "porno" non tarda en aparecer...nada de HD, o que seguro que trunfará serán as 3D, ou que??

Paseino ben, encantoume voltar a ver a moitos compañeiros que había tempo que non vía, coñecer a outros, desfrutar das vistas dende a Domus e coñecer á xente de galinus. Agardo que repitan este tipo de experiencias e a miña noraboa.

Donnie Darko estivo alí