8/26/2007

Rematando

Unha semana máis e rematan as vacacións. Íllome, literalmente.

8/22/2007

Y dime si, si

Miguel Bosé-Nena


Mira que eu non son fan de Miguel Bosé pero teño que dicir que o concerto en Pontevedra estivo xenial: puntual e case dúas horas cantando que los chicos no lloran, contando as diabluras de don diablo, berrando seré tú amante bandido e dicir bien, bien, bien, nadie como tú me sabe hacer un café. Paseino pipa entre o abarrote da xente.

O mellor do concerto foi poder ver e escoitar a Mili Vizcaíno, a rapaza da dereita, que o acompaña nesta xira. E se algún día queredes escoitar bossa-nova ben cantada (ou calquera outra cousa), chamádea a ela.



Eu sigo con Nena na cabeza.

8/18/2007

Anacos de 28

Así comeza o que rematei onte. O resto en setembro. Vai:


Hai inquilino novo na casa. Habítaa de xeito invisible, silencioso coma o fume gris dos cigarros que aínda consumo. Escoito a súa forma arredor de min ao tempo que vou redondeando as esquinas cos ollos na súa busca. Pola mañá érgome coa tranquilidade de non ter présa por chegar e con parsimonia entro no salón que xa ten príncipe deitado nun mol trono azul. Séntome co café, síntome como para recibir audiencia e xogamos a ver quen ten máis sono mentres nos fitamos en silencio. Nestes días explórao todo facendo que me ignora e, cando de esguello vexo o seu rabo nalgún recanto da casa, silandeira, obsérvoo curiosa. De noite as súas pupilas aparecen no dormitorio e refléxanme espida antes de que me vistan as sabas captando momentos que outros ollos nunca verán. Espiámonos así mutuamente, viciándonos na indiferencia finxida. Non nos facemos caso e devecemos por tocarnos mentres nos ignoramos.

Unha mañá relaxada atópoo fitando pola ventá ata que escoita os meus pasos nús dourados no corredor. Vira cara min e baixa do seu trono principesco deixando a súa pose ausente nos cristais da xanela e enrédase nas pernas trazando tirabuzóns de reclamo. Sumerxida nos seus ollos déixome engulir na súa mirada atrevida ao tempo que as caricias o van convertindo nun ser deliciosamente fácil de querer. Retorna despois da súa dose de cariño ao seu ensimismamento privado no que me convirto en ausencia e a mornura do café nas mans invade a miña mirada pousada nel.

Descoñezo os camiños que fan que a mente se dirixa cara onde gardo baixo un mal candado as miñas saudades de ti. Na tranquilidade que respiro, na aura dourada que me ten que envolver nestes intres, apareces ti nas miñas proxeccións mentais: morno, amante, adorándote meu rei, recibindo instancias solicitando apertas, regalando bicos, agarimos de capricho, cicatrices e lunares.

E ti cos ollos pechos querendo durmir e eu dilatando desesperada as pupilas no tempo para comerte con elas e non borrarte nunca do sorriso.


8/16/2007

Vacuna contra a Esclerose Múltiple

Vexo un chío de tximbalee que me fai sorrir (e de paso correxir aos do diario montañés, porque Stephen Hawking ten esclerose, pero non esclerose múltiple, se non esclerose lateral amiotrófica)

Exitosa proba de vacuna contra a esclerose múltiple.

Parece que funciona e ogallá as seguintes probas sigan dando resultados igual de bos porque sei de moita xente que se aledaría de que por fin na esclerose múltiple houbese esperanza.