9/22/2008

Pirateando libros

Non me resisto, son incapaz, pareceume tan xenial, tan distinto, tan moitas cousas, que con razón mereceu un premio. E isto, descúlpenme por incomprensible, fíxome rir un anaco. Descúlpeme Valentina por piratearlle un anaco do seu Debaixo de Dziga Vertov hai unha buxaina:


(EVIDENTEMENTE, cando chame á porta, fareino pasar e sentareino
na mesiña
ó fondo,
sen posibilidade de fuga ou contrapunto)
Vid. Fig.1 para os detalles da miña rumiada aproximación en pun-
tos discontinuos e demais estratexias circunvalatorias de imperio
romano.
O éxito radica en comeza-lo discurso cun suxeito gramaticalmente
pesado,
por ex.: os octanos da gasolina.
Sexa como for, volatilizar ipso facto en metereoloxía.
Os ollos en ventolina
crestas de escuma na voz
e de seguido, xa, embestida.

Meu querido Fernán Vello punto coma.

Claro que a velocidade do discurso pode ir aumentando en quilóme-
tros/hora,
así de frouxiño a temporal duro, moi duro
e polo tanto, nestre intre, as pálpebras centrifugarán caldeiros cheíños
de ondas de altura excepcional, vomitando salpicaduras.

Remanso e embestida

Meu querido Fernán Vello punto coma o premio de poesía espiral maior ten que ser para os efectos do vento en alta mar; escala Beaufort.

Despois disto, tan só ser cantil
deixarse bater,
porque un mar con rizos coma as escamas dun peixe pero sen escuma.
a devastación total da beleza.





Opaiii Canido!



O sábado carguei as pilas en Canido, foi algo especial.

Ata me animei a participar e o resultado foi este, moi naïf segundo me dixo Gustavo Sequeiro, pero segundo as nenas que por alí se achegaron: "te quedó muy bien". Admítense críticas!



Máis fotos do evento no flickr de Xoan Porto. E moitas grazas ao Serxio, que tamén se encargou de organizar as actuacións musicais do día.



Alimentación cuestionable

Antona ten 30 anos e tamén nome de ama de cría, concretamente da que amamantou á súa nai, alá na aldea, segundo contou unha vez.Sírveme o café coqueta e achégame a xerriña de leite tépedo cun sorriso nos beizos que rompen en reflexos avermellados cando un raio de sol atravesa a ventá e chega á súa esponxosa boca.

Vémonos todos os xoves dende que vin traballar aquí. É agradabel atopar a algún compañeiro de carreira na cidade na que vas vivir. Hai pouco máis de nove meses bebiamos cervexa ata que un sorriso se asentaba na nosa cara e as gargalladas salpicaban a nosa conversa. Ultimamente eramos máis sans en canto á bebida, tiñamso debilidade polos zumes e rematou trunfando o de pexego. Antona quedou preñada e eu atopábaa máis atractiva.

As citas pasaron a ser na súa casa cando dou á luz e mudamos de novo as beberaxes. Poñía amorosamente o café no lume ao tempo que falabamos na cociña, despois iamos para a sala e ela voltaba ao pouco á cociña para traer o leite e a cafeteira logo de pasar polo cuarto do pequeno. Máis ou menos á hora de eu marchar dáballe o peito ao bebé, un acto íntimo pero tan natural que dicía que nunca lle parecera obsceno darlle a teta en público ao seu neno bonito.

Eu tomaba café con leite, cada vez con máis leite que café, excitábame facilmente e algunhas noites tardaba en quedar durmido. Non coma o Brais, que non facía outra cousa que mamar e durmir, durmir e mamar. Había días nos que demoraba a despedida e observaba coa boca aberta como o pequeno agarraba o peito da nai e sen abrir os ollos atopaba a grande mamila coa súa boquiña e continuaba así ata que fartaba de comer. Antona miraba á criatura cunha expresión que non son quen de describir, a expresión dunha nai alimentando ao seu fillo e logo mirábame a min e sacaba un tema de conversa calquera e parolabamos o tempo que duraba a boca de Brais unida á teta de Antona. Vía entón como a man collía o peito e o agochaba con coidado baixo a camisa mentres a miña mirada quedaba prendida ao momento no que o peito deixaba de ser alimento e descontextualizando pasaba a ser obxecto de desexo.

Saboreaba o último grolo de leite con café e viña ela polo corredor, o neno hoxe non ten fame ningunha. Sentou no sofá e serviuse un café máis, cos ollos preguntoume se eu quería. Quero, dixéronlle os meus ollos e axeonlleime na alfombra ao seu carón. Dun xeito natural a man sacou o obxecto de desexo desabotoando a chaqueta de punto vermella, coma o Brais a miña man pousou no peito e a boca buscou a mamila.

Non foi sorpresa ningunha recoñecer o sabor do meu leite con café na teta da miña secreta ama de cría.

O suizo Hans Locher quería utilizar leite materno no seu restaurante, quen dixo que xa probara algúns pratos cociñados con este leite posiblemente provinte da súa muller. As autoridades sanitarias ameazaron con denuncialo e desistiu da idea.

Rolf Etter, director do laboratorio de control de alimentos de Zurich dixo que "os seres humanos non forman parte da lista de especies das que é legal obter leite con fins comerciais, coma a ovella ou a vaca, pero tampouco está na lista de especies prohibidas, coma monos e primates".




9/14/2008

A telenovela das vieiras

"Tal vez, pensó Axel Jordache mientras trabajaba en el sótano, debería echar veneno en uno de los panecillos. En broma. Porque sí. Les estaría bien empleado. Sólo una vez; sólo una noche. A ver a quién le tocaba.

Echó un trago, directamente de la botella. Al terminar la noche, la botella estaría casi vacía. Estaba enharinado hasta los codos, y tenía harina en la cara, donde se había secado el sudor. Soy un maldito payaso, pensó, pero sin circo."

Hombre rico, hombre pobre de Irwin Shaw.

Cando lin este libro, convertido despois nunha exitosa serie, e concretamente este parágrafo, quedoume moi claro que coas cousas de comer non se xoga.



Estes días, co problema das vieiras, lembreime de novo destas liñas que tan desacougantes foran naquel momento para min. Non creo que Toñi Vicente nin o resto dos cociñeiros supostamente implicados quixesen facer coas vieiras intoxicadas a broma macabra que Axel Jordache tiña en mente cos panecillos, pero o resultado sería máis ou menos o mesmo, unha tortilla rusa de vieiras e a ver a quen lle toca o veleno.

O que si conseguiron foi o circo que Jordache non tiña, comezando por un barullo mediático desordeado e seguinto cun manifesto un tanto absurdo segundo o meu punto de vista. Eu so digo que cando un fai algo mal, agradécese o apoio dos amigos e compañeiros, pero ese apoio ten que ser coherente: aceptar que o amigo fixo algo mal, dicirlle que o fixo mal, estar con el neses malos momentos e discreción, moita discreción.

Ao que non vexo sentido é a ensalzar o mal feito, porque se non, o día que outro Jordache envelene de verdade un bolo de pan, por coherencia tamén teremos que defendelo e non nos vai gustar nada.



9/09/2008

Strangelets

O día que remate o mundo, todo será tan estúpido coma as consecuencias do impacto dun mosquito contra a túa cabeza.

The Doors-Break on through


Ás veces xa o é.



9/06/2008

Libros e redes sociais

A día de hoxe hai redes sociais para todo e coa leria do Steiner e co anuncio o outro día que Amazon mercaba Shelfari, acordeime de LibraryThing, outra biblioteca virtual que descubrira no 2006. Ao final, as redes sociais relacionadas con libros que atopei quédanseme en cinco:

Librarything.com

Shelfari.com

Goodreads.com

Librofilia.com

anobii.com

Despois de botarlle un vistazo a todas quédome con anobii, con base de operacións en Hong Kong e que escolleron ese nome porque eran as primeiras sílabas de Anobium Punctatum, uns insectos tamén chamados piollos dos libros que viven alimentándose dos fungos que medran na cola e no pegamento dos libros. Anobii ten unha inferface similar a Shelfari e está traducido a varios idiomas (ao galego aínda non) ofrecendo a posibilidade de colaborar, e catalógache os libros lidos segundo o idioma, ademais de atopar xente próxima aos teus gustos.

Respecto ao idioma, Shelfari e Goodreads só están en inglés, LibraryThing ten a opción de escoller todos os idiomas peninsulares agás o galego e Librofilia, como comunidade hispana, está en español.

Considero que estas redes sociais tamén son unha maneira de espallar a literatura galega pola rede adiante, agora que semella que hai tanta preocupación polo tema e o descoñecemento por parte doutros da nosa literatura.

Así que se queredes...www.anobii.com/besbe

Acabo de atopar un grupo Last.Fm Readers, moi social todo isto.



8/18/2008

Megalitismo en Galiza dende Andalucía

Acaba de chegarme á casa o PH67, un boletín gratuíto monográfico do Instituto Andaluz do Patrimonio Histórico, que desta vez trata do Patrimonio Megalítico na Península. A parte que lle corresponde á Galicia desenvolveuna Fernando Carrera Ramírez, da Escola Superior de Conservación Restauración Bens Culturais de Galicia. E falo disto porque non hai unha sen dúas e mesmo, ás veces, dúas sen tres.

Volve a anunciarse que a Consellería de Cultura e Deporte vai declarar BIC 48 cámaras megalíticas e supoño que seguirán as propostas que neste monográfico Fernando Carrera propón, baseadas todas elas na protección patrimonial e na limitación dos recursos destinados ao patrimonio arqueolóxico, que como el di, ata o de agora "Si nos referimos a los cuidados que merecen los ortostatos con arte prehistórico, el análisis se vuelve bochornoso: se trata de la más antigua expresión artística hoy por hoy conocida en Galicia, que desaparece poco a poco ante la apatía general". A ver se desta vai.

Ademais diso, dicir que a foto que abre a sección do megalitismo en Galiza fíxena o día que fomos visitar Dombate.