6/30/2008

Puideron

Vin os partidos, encantoume como xogaron e mereceron a victoria, pero tiveron que falar de política e resulta que non é so un xogo.




6/20/2008

Uxío Broullón

Todo comezou cunha pregunta digna de figurar nun poemario: A que sabe Podfabs!? E para quen teña dúbidas sobre a que sabe Podfabs!...http://fabuloseando.blogspot.com. Como ben confesa Uxío Broullón, de aí naceron todos os podcasts que viñeron despois.

Fixécheste adicto?

Uxío: Ben, sempre me gustou a "radio", e podfabs xurdíu por chou; eu gravaba programas de radio en cedeses que viaxaban polo mundo (afición herdada dun mestre meu de debuxo, Pablo Alejos). Unha blogueira catalana que eu coñecía tiña un deses cedés, un rapaz mexicano (Corso http://nodo3e.blogspot.com/) buscaba locutores, a amiga faloulle de min... y el resto es por todos conocido :P
É unha bonita historia

Unha historia ben bonita.
Uxío:
é das cousas que máis me enchen da rede. A amizade mexico-galega que xurdiu e a boa conexión con ego99radio.blogspot.com, a nosa radio, con emisións en galego desde méxico para o mundo :P Agora, practicamente a estamos mantedo el e máis eu nada máis, eu mantendo de contidos, porque fai el todo o traballo de mantenemento do sitio e iso.

O tema dos podcast é todo poñerse a escoitar, non? Despois engánchaste, facendo coma no last.fm a túa programación propia de radio.
Uxío:
Claro, diso se trata

Medran os podcasts ou non aquí en Galiza?
Uxío:
Pois o certo é que muito non medra, agora mesmo os máis activos, que me conste, son zimmer103 e máis eu, despois están uns rapaziños de Santiago que fan un en castelán http://soundsok.es, e un deles animouse a empezar un en galego (Cousas). Haber hai algúns pero que actualicen así con frecuencia... os dalgún colexio, que iso está moi ben, e pouco máis.
(Nota: Desde que se fixo esta entrevista até a publicación apareceu unha nova fornada de podcasteiros das aulas da Escola do Audiovisual de Vigo e hai algún bastante xeitoso. Hai unha lista de falangullos en podgalego.org)

Que é o que falla á hora de engancharse e animarse a facer podcasts?
Uxío:
Hai quen di que faltan iPods, que se houbese máis seguramente habería máis audiencia e en parte ten razón. Pero eu teño a teoría de que as propias vantaxes son as súas eivas tamén: o feito de que non teñas présa por escoitalo, porque o podes facer en calquera momento, fai que o vaias deixando por outras cousas máis inmediatas. Para escoitar é preciso prestar atención, e para iso precisas tempo.
Despois tamén están os contidos, ten que haber algo que sexa atractivo ao que escoita, algo que o enganche...porque se proba a escoitar e non atopa nada que lle esperte nin curiosidade, entón non vai seguir buscando. Outra cousa é que a maioría da xente aínda non está afeita a aproveitar as vantaxes dos rss para subscribirse.



Falando de contidos, ti como tes enfocados os teus podcasts, comezando polo máis persoal: areias sonoras?
Uxío:
Areias é experimentar un pouco, é o máis parecido a un blog persoal, no que deito ocurrencias, ideas... son iso areas, grans pequenos, micro-viaxes interiores. Non sei definilo, pregúntalle aos que o escoitan o que pensan del. A que saben as areas sonoras? :P Corso, Carlos E. Herrera, de Ego99 fai algo parecido con Nodo3e (dito con seseo mexicano é un xogo de palabras nodo 13) ao seu xeito, pero na mesma onda, fai cousas por veces grandes grandes, a min encántame.

Un podcast sirve para falar con un mesmo e tamén cos demais...caso de c´mmons baby, como surxiu a idea?
Uxio:
Levo como dous anos baixando música baixo licenzas abertas, e descubrindo cousas boas (para o meu gusto) empecei a metelas de unha en unha en Areias, e en Podfabs! chegou un momento no que optei por metelas tamén, xa cara o final; non tanto por evitar posibles problemas legais por usar música con copyright, como por apoiar á xente que publica polos seus medios, de xeito libre, para que todo o mundo poida disfrutar del, e facendo cousas moi interesantes. Entón, canso da fórmula de Podfabs! embarqueime en facer un programa só desas músicas (que non hai demasiados, na España coñezo 3 ou 4, pode que haxa máis, non sei, e en galego non me consta) e isso... co fin de dar a coñecer esas músicas, xa que os medios oficiais e da industria non apostan por ese xeito de difundir a música

O certo é que hai moita xente que comeza a facer discos con licenzas CC, ti que opinas, vai ser ese o futuro da música?
Uxio:
Non sei se será o futuro, pero está claro que está mudando conceptos. Na entrevista que lle fixen a Noel Feáns, el apostaba que no futuro a música sería toda de balde... non sei se chegaremos a iso, pero todo depende do mercado e do consumidor. Por exemplo, un disco baixo licenzas CC, pode baixarse de balde ou mercarse físico, non é excluinte. Eu merco discos baixo copyleft, non muitísimos, pero algún, e do que eu pago por el, que adoita ser menos que un disco "da industria" gastos de portes engadidos, sei que polo menos un 50% vai directa para o autor, mentres que nos outros casos como muito pode ser dun 10% con sorte... cal é máis rendíbel para o autor? o 50% de 10€ ou o 5% de 20€?
As tiradas son menores, pero o aproveitamento é maior. E o máis importante é sempre a distribución: se non te distribuen, non es visible, non existes, xa podes ter o disco mellor do mundo. Hoxe en día coa rede, podes chegar a todo o mundo sen gastar apenas un can. Vale, se cadra non vendes, pero escoitante, e se o fas ben, pode traer concertos... etc.




Falando diso, discos copyleft favoritos tanto galegos como extranxeiros
Uxio:
Buff, agora mesmo teño no computardor preto de 300 discos baixo copyleft descargados...imaxina! :D A ver, estranxeiros, así favoritos están Odran Trümmel (franco-holandés), The Dots (Alemaña, que poñen a sintonía da cabeceira de c'mmons baby!), Half Asleep, unha moza belga con cancións terriblemente melancólicas)... Angil, que non todo o publicou aberto, pero o seu último disco é unha xoia...

E onde está toda esa música?
Uxío:
Pois en netlabels, Jamendo.com... hai unha rede ampla, máis do que muitos sospeitan. Despois hai sitios como netBloc.com que cada mes fai un compilado cun PDF anexo de máis de 30 páxinas con información dos músicos e os selos...Hai un blog arxentino ZonaIndie.com.ar, que aínda que fala de todo tipo de música, arxentina principalmente, dá muita conta de lanzamentos de bandas copyleft. Lanzou un compilado hai uns anos, Canciones pegajosas...
É todo moverse, e buscar, dá o seu choio, pero cando topas cousas interesantes compensa, apenas escoito radio musical xa, desde hai un par de anos. Radio Oceánica só :P
No caso galego, Proxecto Mourente está moi ben, Fanny e Alexander, penso que fan cousas moi interesantes, pero tirando algunha canción non me enche (xa llo dixen a Noel :) The Homens están facendo muito tamén por este xeito de difusión... Os Novedades Carminha que acaban de sacar K7, Quant, Nouvelle Cuisine... Capitán Furilo, non sei...
A taberna de Mou, sorprendeume moi gratamente, Roger de Flor...

E a pregunta de turno...que che aporta un podcast?
Uxio:
jaquecas :P

Preguntar entón cal é o motivo polo que o sigues facendo supoño que é como preguntarlle a un escritor porque sigue escribindo
Uxio:
Agora estou bastante centrado en c'mmons baby! e teño os outros algo abandonados, mas volverán, e o que fago con c'mmons baby! é tentar dar a coñecer músicas que doutro xeito non terían unha plataforma onde escoitarse, fóra das súas webs ou netlabels... unha pouca de axuda

Plataformas e programas onde si se poden escoitar outras músicas...imos dar a Radio Oceánica, que te acaba de fichar como colaborador, que vas aportar no programa?
Uxío:
Falar de músicas que están un pouco fóra da industria discográfica, do establecido, e que son interesantes tamén e teñen tanta calidade, ou máis, ca os que son hits das radios.



Vai supoñer facer cambios ao hora de facer de c´mmons baby! ou vai ser algo complementario?
Uxio:
Non sei aínda, foi todo algo súpeto, mas supoño que será un complemento un doutro, aínda que as primeiras veces supoño que rescatarei cousas que non son tan novas pero que está aínda aí para disfrutar.

Volvendo ao panorama musical, comezaches facendo algo baseado en creative commons e nun principio asociado a público minoritario, con Radio Oceánica dáselle maior difusión a este tipo de música, que pode supoñer iso para eses grupos que xa ofrecen discos en descargas gratuítas?
Uxio:
É un tema complexo. No fondo, vai depender da xente como consumidor; en parte, que os discos se publiquen na rede ou baixo licenzas abertas non significa que non se podan mercar, supoño que dependerá de se a xente se conciencia e aposta polos creadores xenerosos a favor de que a súa música se pase e comparta, ou pola contra aposta por "artistas" que só pensan en gañar cartos e ter éxito, sacando cartos mesmo dunha norma que presupón a culpabilidade dos consumidores.

É dicir, que o sistema so cambia se a xente quere.
Uxio:
Ben, se desde a industria entran en razón (cousa que dubido) tamén pasará.
É absurdo que a ti che cobren un cánon por se fas una copia dun disco que mercaches, ou descargas música na rede, e ao mesmo tempo estean a pagar a emisoras por promocionar os seus músicos. Se eu puxera unha canción en c'mmons baby! dunha banda rexistrada na Sgae (índa que hai baleiro legal cos podcasts agora mesmo) tería que pagar dereitos por emisón, igual que fan as emisoras, mas o certo é que lles estou a facer propaganda de balde.
As emisoras pagan royalties por emitir as cancións, e cobran por promocionar as bandas que as discográficas queren vender, non é un contrasentido?

Pósese incluír nun podcast a canción que ti queiras?
Uxio:
Eu meto as que quero :) antes empregaba cancións (en Fabuloseando!!) non libres de dereitos e nunca me pasou nada, claro que non tiven unha repercusión mundial como para que repararan en min. Seica houbo casos de podcasts que tiveron problemas pero o certo é que agora mesmo non está regulado (ou non me consta que o regulasen recentemente) Por poder non podes, porque estás "emitindo" e deberías pagar royalties por emisión.

Moita xente pensa que a cultura debería ser libre...se ti foses autor, que opinión che merecería iso?
Uxio:
Home, habería que saber que entende a xente por libre. Hai xente que gaña a vida facendo cultura e debería poder seguir facéndoo. Acho que non se debe confundir, o acceso libre, ao que todo o mundo debería ter dereito, a que se poda coller unha obra dun autor e vendela lucrandose sen que ao autor lle chegue nada, nin as grazas :)
De feito o lema ese de "a propiedade intelectual é un roubo" paréceme errada. Nin os que publican baixo licenzas abertas renuncia ao seu dereito a ser recoñecido como autores da súa obra... outra cousa é que a lei estea mal feita ou haxa que revisala.

Ti que cambiarías, postos a cambiar algo
Uxío:
Non ma sei de memoria :P Pero o feito de que haxa sociedades de xestión privadas... fai que o sistema estea algo corrompido. O autor debería ter máis control sobre a súa obra e non que fique "secuestrado" polas mesmas sociades que se supón deberían defendelo.
Que haxa unha regularización por lei das porcentaxes por cesións de dereitos que debería cobrar, que seica non o están, e non que o deixen en máns das editoras. Se os que crean son os autores, sen eles non habería obras, porque levan máis cartos os intermediarios? Internet e as novas tecnoloxías o que están provocando é iso, que se eliminen intermediarios: ti podes mercarlle o disco directamente ao autor que neste caso levaría o 100% dos beneficios (descontados os gastos que tivese) e non o 5-10% como agora que son as editoras as que pagan a inversión e danlle unha parte aos autores.
Cando te autoeditas, ti asumes eses gastos. Que é máis rendábel para o autor? Pois habería que facer cáculos.

Mudando de tema, como ilustrador que tamén es que proxectos tes en marcha
Uxío:
Pois seica cedo vai sair un e-book dun ouveador egrexio, cunha portada feita por min.



Veste máis como ilustrador, facendo un programa de radio ou son so afeccións?
Uxio:
O da radio sería bonito, pero agora mesmo é máis unha afección, o de ilustrador suponse que é para o que estudei, pero non lle dedico o tempo suficiente como para nun futuro dedicarme profesionalmente... non che sei, a vida dá tantas voltas...



Pois rematada a entrevista, todo o mundo a visitar c´mmons baby! Porque hai premio: un cd de Kara.o.ke firmando por Projecto Mourente, todo por respostar correctamente a unha pregunta...vas deixar pasar a oportunidade?? Déixate seducir!