11/23/2008

Do que acontece e non se adoita contar

-Como non me deas os cartos -dígolle- mátote.
-Veña, xa abonda -di mamá. Está xunto ao fregadeiro, ao lado da cociña-. Vou chamar á policía para que se encargue de ti -e bota a andar.
-Ti non vas chamar a ninguén -digo eu.
-Pois compórtate como unha persoa! -bérrame.
Sinto que vou estourar da carraxe.
-Vives aquí sen pagar casa nin comida -di papá-, e non podes pedir cartos cando che pete.
-Que non podo que...?
Póñome de pé, agarro a mesa polo bordo e envórcoa. Os pratos e os vasos caen ao chan e rompen, a tixola de peixe fritido con cebola queda do revés. Os meus irmáns quedan sentados, aterrorizados, e logo saen correndo. Collo a papá pola camisa póñoo contra a perede.
-Vasme dar cartos? -bérrolle, cos dentes apertados.


Anxos do Universo, Einar Már Gudmundsson

E nese intre, toda a poética que encerra unha vida vese depositada nos sumidoiros. Había ben tempo que quería dicilo.


11/22/2008

Máis de billarda

Este ano non xogo á billarda, pero sigue a gustarme moito todo o relacionado con ela, en especial a entrada de acedre falando sobre como el lembra que se xogaba á pincha.

Non hai moito, nunha conversa con amigos saiu o tema dos xogos de cando eramos nenos e doume un pouco de rabia non poder dicir que eu de pequena tamén xoguei á estornela...máis en A billarda é pasalo ben.


11/21/2008

Pasalo ben, Italo Calvino

Erase un país onde todo estaba prohibido.

Como o único que non estaba prohibido era o xogo da billarda, os súbditos reuníanse nuns prados que quedaban detrás do pobo e alí, xogando á billarda, pasaban os días.

E como as prohibicións comezaran con pouco, sempre con motivos xustificados, non había ninguén que atopase nada que dicir ou que non se soubese adaptar.

Pasaron os anos. Un día os condestables viron que xa non había razón para que todo estivese prohibido e mandaron mensaxeiros a anunciar aos súbditos que podían facer o que quixesen.

-Sabede -anunciaron- que xa non hai nada prohibido.

Os súbditos seguían xogando á billarda.

-Comprendestes? -insistiron os mensaxeiros- Sodes libres de facer o que queirades.

-Está ben. -respostaron os súbditos- Nós xogamos á billarda.

Os mensaxeiros afanáronse en lembrarlles cantas ocupacións belas e útiles existían ás que se adicaran no pasado e ás que podían adicarse novamente de agora en diante. Pero os súbditos non facían caso e seguían xogando, un golpe tras outro, case sen respirar.

Comprobando a inutilidade dos seus intentos, os mensaxeiros foron a comunicarllo aos condestables.

-Moi sinxelo. -dixeron os condestables- Prohibamos o xogo da billarda.

Foi a vez na que o pobo fixo a revolución e matounos a todos.

Despois, sen perder tempo, voltou xogar á billarda.

Pasalo ben, Italo Calvino




11/08/2008

Círculos viciados

Diría que a vida se tornou nunha mestura de Eternal Sunshine of the Spotless Mind e o día da marmota, que os recordos xogan ás agachadas, déixanse soñar, sacoden o pensamento...

Así é imposible.