11/21/2008

Pasalo ben, Italo Calvino

Erase un país onde todo estaba prohibido.

Como o único que non estaba prohibido era o xogo da billarda, os súbditos reuníanse nuns prados que quedaban detrás do pobo e alí, xogando á billarda, pasaban os días.

E como as prohibicións comezaran con pouco, sempre con motivos xustificados, non había ninguén que atopase nada que dicir ou que non se soubese adaptar.

Pasaron os anos. Un día os condestables viron que xa non había razón para que todo estivese prohibido e mandaron mensaxeiros a anunciar aos súbditos que podían facer o que quixesen.

-Sabede -anunciaron- que xa non hai nada prohibido.

Os súbditos seguían xogando á billarda.

-Comprendestes? -insistiron os mensaxeiros- Sodes libres de facer o que queirades.

-Está ben. -respostaron os súbditos- Nós xogamos á billarda.

Os mensaxeiros afanáronse en lembrarlles cantas ocupacións belas e útiles existían ás que se adicaran no pasado e ás que podían adicarse novamente de agora en diante. Pero os súbditos non facían caso e seguían xogando, un golpe tras outro, case sen respirar.

Comprobando a inutilidade dos seus intentos, os mensaxeiros foron a comunicarllo aos condestables.

-Moi sinxelo. -dixeron os condestables- Prohibamos o xogo da billarda.

Foi a vez na que o pobo fixo a revolución e matounos a todos.

Despois, sen perder tempo, voltou xogar á billarda.

Pasalo ben, Italo Calvino




1 comentário:

Ghanito disse...

é estupendo xogar a billarda e case mais que deixes de xogar un anaco para escribir algo no teu blogue, que nos tiñas abandoados ;-)