9/23/2007

A vida interior de Martin Frost

Un primeiro plano da cara de MARTIN mostra que está adormecido, a cabeza a descansar sobre a almofada. O sol entra a cachón polas contras de listas e, mentres o vemos abrir os ollos e esforzarse por acordar, a cámara afástase e mostra unha cousa que non pode ser certa, que vai en contra das leis do sentido común. MARTIN non pasou a noite só. Hai unha moza con el na cama, CLAIRE MARTIN.

Conforme a cámara continúa a afastarse, vemos que está durmida, toda tapada, engruñada de costado e virada para MARTIN, a quen lle ten pasado tranquilamente o brazo esquerdo polo peito. Segundo MARTIN vai emerxendo pouco e pouco do sopor, percibe o brazo nu que lle cruza o torso; decátase entón de que o brazo leva detrás un corpo e soérguese na cama coma se acabase de levar unha descarga eléctrica.

Sacudida por estes repentinos movementos, CLAIRE rosma, enterra a cara na almofada e por fin abre os ollos. Ao principio non repara na presenza de MARTIN. Aínda medio durmida, aínda esforzándose por recuperar a consciencia, rola ata quedar de costas e bocexa. Ao estarricar os brazos, a man dereita toca o corpo de MARTIN. Por espazo dun par de segundos non ocorre nada, máis despois, moi devagar, senta na cama, mira para o rostro confuso e horrorizado de MARTIN e solta un chío. Un instante despois bota as sabas para atrás, chimpa do leito e atravesa o cuarto nun balavento de medo e pudor. Case non leva nada posto, como moito unha camiseta curta e sen mangas. Bótalle man ao albornoz, que tiña no respaldo dunha cadeira, e mete os brazos polas mangas a toda velocidade.


MARTIN
(Alporizado) Quen é vostede? Que fai aquí?

CLAIRE
(Tamén alporizada) Diso nada: quen é vostede? E que fai aquí vostede?



A vida interior de Martin Frost, Paul Auster (Editorial Galaxia) Xa teño a película na cabeza.

2 comentários:

O Breogán de Gáidil disse...

Rediós que susto que che pase algo así (ou que regusto, depende)!
Cos cartos que saque do libro prodúzoche a peli, veña!

rosa enriquez disse...

Inquietante... Que todo o que cres saber de socate non sexa máis que un territorio descoñecido...
Moi chulo¡ Un saúdo¡