Ao igual que o outro AVE (Alta Velocidade Española), todo isto ten a súa parte boa e mala. Para a xente de fora será marabilloso, o que queira estudar galego no Instituto Cervantes de seguro que o poderá facer segundo este acordo, máis seguro que non de xeito virtual na páxina da Aula Virtual de Español. Tamén poderá vir quen queira da meseta no ano 2000-vai ti a saber cando, nun tren de alta velocidade. Nada diso é malo, está moi ben a promoción no exterior.
O problema é dentro do país. Que precisa facer o Instituto Cervantes en Galicia? Que clase de actividades de forma conxunta vai levar a cabo coa Xunta? En que idioma as levará a cabo? Supoño que como Instituto Cervantes que é, serán feitas en castelán. Tampouco é que me pareza mal, está ben, estamos en España e é o idioma que a maior parte dos españois adoitan falar. O conto é que se en Galicia se fala galego (e quero pensar que unha grande parte da poboación así o fai) e se o galego é promocionado polo mundo adiante, non sería ben promocionalo tamén no único lugar onde realmente continúa a ser rexeitado? Si, estaría ben.
Pero de novo pasa como co tren, facemos kilómetros de camiños de ferro con man portuguesa a paso de caracol (xa non de tartaruga) para estar mellor comunicados co resto de España, para que as grandes cidades de Galicia estean máis preto unhas doutras pero...que acontece con esas pequenas estacións chamadas apeadoiros? Desaparecen. E con elas todos os usuarios que teñen a opción do tren como a máis cómoda e proveitosa para viaxar.
Ser minoría é o que ten, que te acaban facendo desaparecer. Sei que os que viaxan dende Vigo á Coruña odian tanta parada, pero os que suben neses apeadoiros tamén teñen dereito a viaxar e coller o tren (para ir a traballar, a estudiar...esas cousas que fai a xente) e Renfe debería ofrecer unha solución a todas esas persoas que teñen a vía preto da súa casa (ou o Goberno da Xunta darlle un toque).
Por outra banda, Touriño podía estar máis atento ao que anda acontecendo na casa cos tangas, con tanta opinión anti-galego nos medios de comunicación, nas propias subvencións a prensa galega que non emprega a lingua galega para nada e que cando a utiliza é de xeito anecdótico, e deixar claro que o de rotular en galego é o máis normal do mundo e, por suposto, prepararse un Celga 4 ou 5. E está ben o que di do Instituto Cervantes e a imaxe que dá: "España plural, unida e diversa, desa España consciente de que a súa pluralidade lingüística e cultural é un dos seus maiores activos e un valor que nos fai a todos máis ricos”, pero é que ás veces convén mirar un pouco máis para a casa, non vaia ser que en Galicia a pluralidade vaia a converterse nun problema, non vaia ser que expresarse en galego sexa un acto que algúns queiran extinguir ao igual que os apeadoiros de Renfe. E pode mirar para outro lado, pero están aquí: e non son eu a que o digo, que o din eles mesmos definíndose así: En defensa de la libertad de idioma en la enseñanza, y contra la normalización lingüística en Galicia. Contra a normalización lingüística en Galicia, máis claro...
4 comentários:
Está ben claro o dos do Tanga. Non queren normalización. Non queren que o noso país sexa normal. Se cadra anormal si, ou paranormal, ou subnormal.
Volvendo ó tema: Non sei se económicamente é viable, mais por que non un instituto adicado a promoción do galego e Galicia no exterior? O Instituto Rosalía, como prebautizou de Toro hai xa anos.
Instituto Camoens, Cervantes ou Alianza Francesa teñen, ao cabo, un indubidadble valor comercial. Para os negocios hai que falar e ter confianza. Coñecer a sua forma de entender o mundo e a sua lingua simplifica estas relacións. Ese é pois, o fin último da difusión cultural e por elo agrado que sexa bo para o país que tamén difundan o galego
Eu sempre estou a desconfiar, e desconfío dos españois cando din que van difundir o galego por fóra (se por eles fora non nos enterariamos de que existe nin aquí).
E eu quero poder ir de Compostela a Lugo en tren, xa!!! que do interior só se lembran para o que interesa, transporte de mercancías si, claro, pero a nós que nos fodan.
Sigo pensando que mellor que miren un pouco para o que acontece dentro da casa e que o resolvan. Despois proxéctate internacionalmente, porque se non os negocios seguirán a facerse en castelán ou en inglés ou en chinés ou no que lles dea a gana porque serán as linguas "útiles". Mentres aquí non deixen claro que o galego é tan útil como calquera outra lingua e que xa está ben de tanta tontería tangallega e afinidades varias, dá igual que fora digan que "esto es maravilloso y plural" porque ninguén o vai crer, eu polo menos non.
Hoxe teño carraxe.
Sobre o do tren...outro tanto do mesmo, a ver se se adecuan ás necesidades reais.
Enviar um comentário