7/28/2009

O instante máis feliz da miña vida

Adoitaba regalar libros ás persoas que coñecía por vez primeira sempre que a ocasión o facía posible. Coa mellor intención. Regalaba un libro que me gustaba a min, un que sabía que era desexado, un que aínda non lera (El libro de los amores ridículos de Kundera foi un deles), un escrito con moito amor, un adicado polo autor...

Regalaba libros porque, en certo modo, tamén me agasallaba eu. Co tempo fun perdendo o costume porque cansei de regalarme. Hai moi, moi, moi pouco tempo regaláronme.

Entramos nunha libraría, escollín o libro e fixo que o envolveran para regalo. Despois doumo. Abrino hai pouco e comeza así:

O INSTANTE MÁIS FELIZ DA MIÑA VIDA

Foi o instante máis feliz da miña vida e non o souben entón. Puideron ser diferentes as cousas, púidome perdurar a felicidade, se o sei nese momento? Abofé, porque se me chego a decatar de que era ese o momento máis feliz da miña vida, non o deixo fuxir! Aínda que o instante único en que me invadiu unha fonda paz interior durou escasos segundos, tiven a sensación de que esa felicidade duraba horas, anos. O domingo 26 de maio de 1975, contra as tres menos cuarto, estabamos libres de culpa e pecado, de penitencia e castigo, e no mundo derrogáranse as leis do tempo e da gravitación. Biquei a Füsun no ombro-suado da calor e do xogo erótico-, abraceina por detrás, penetreina e ao trabarlle na orella esquerda soltóuselle o pendente, que quedou brillando brevemente no aire e caeu ao chan. Estabamos tan encantados, que nin fixemos caso del, nin eu reparei na súa forma, e continuamos a acariciarnos.

O museo da inocencia, Orhan Pamuk

Regaláchesme alegría e ganas de recuperar o vello costume.

Gracias.


7/16/2009

Paradigmas

Lin Postpoesía, de Agustín Fernández Mallo. Gustoume. Recomendaríao por curioso, por recrearse nun discurso.

Hoxe entérome de que Pina Bausch morreu o 30 de xuño. Ela xa era postmoderna no seu eido: a danza.


Pina Bausch - Parle avec elle


Despois descubro outro termo: transmodernidade. E pérdome, pero dame igual, xa todo é tan novo que é vello. So creo naquelo que me gusta e iso é tan relativo...

Fagamos algo antes de morrer

Abraham Boba - 'Hagamos algo antes de morir'

7/15/2009

Je me souviens

Acórdome do meu primeiro San Xoán de verdade na Coruña.
Acórdome de que o coche pinchara de volta á Coruña mentres eu durmía na parte de atrás.
Acórdome de Riazor ás seis da mañá, que era de día e que a praia estaba suxa e os barrendeiros a traballar.
Acórdome que esa tarde fora á praia e de estar alegre mentres vía á xente carrexar leña.
Acórdome de bañarme esa mesma noite en Veigue ás 12 da noite e de que non levaba nin bikini nin toalla.
Acórdome dunha man sacando a Super Coco ao outro lado da ventá mentres nos metiamos co coche no túnel de Juana de Vega cara o Paseo Marítimo.
Acórdome da vértixe que dá a felicidade mentres nos metiamos como balas nese mesmo túnel.
Acórdome de como fixen o esguince no dedo gordo do pé esquerdo.
Acórdome das noites que non remataban e de un día non ir facer puenting por esgotamento.
Acórdome de Where the streets have no name, de With or without you e sobre todo de I still haven´t found what I´m looking for sonando a través das luces da noite.
Acórdome de que discutiades de se realmente se notaba que os mp3 tiñan menos calidade.
Acórdome das hamburguesas no Delicias, de chegar á casa e coller o bikini para ir á finca da piscina, de quedar durmida ao sol e queimar o lombo.
Acórdome da Ronda de Outeiro, de Juan Flórez, da rúa Juan Canalejo, dun coche azul, de todas as rutas.
Acórdome da pista de patinaxe de Adormideras, de manter o equilibrio, de seis brazos dispostos a collerme, de caer de cu entre risos á luz das farolas e de aprender a frenar os patíns.
Acórdome de como o estómago sube cando a Ronda de Outeiro se cruza coa Avenida de Finisterre e vas a 90 por hora.
Acórdome de beber moito, de bailar, de "¡estamos ahí ya!", da sorpresa de que "xa" esteades todos aí, de Green despois.
Acórdome do Dreams, acórdome de Coruña, acórdome de coñecer a moitos coruñeses.

Acórdome do Macondo, acórdome...deste enorme e último e primeiro recordo destes acordos todos.

Tiñas razón, todo era máis fácil antes. Dez anos antes.



Je me souviens, George Perec
Acórdome