7/15/2009

Je me souviens

Acórdome do meu primeiro San Xoán de verdade na Coruña.
Acórdome de que o coche pinchara de volta á Coruña mentres eu durmía na parte de atrás.
Acórdome de Riazor ás seis da mañá, que era de día e que a praia estaba suxa e os barrendeiros a traballar.
Acórdome que esa tarde fora á praia e de estar alegre mentres vía á xente carrexar leña.
Acórdome de bañarme esa mesma noite en Veigue ás 12 da noite e de que non levaba nin bikini nin toalla.
Acórdome dunha man sacando a Super Coco ao outro lado da ventá mentres nos metiamos co coche no túnel de Juana de Vega cara o Paseo Marítimo.
Acórdome da vértixe que dá a felicidade mentres nos metiamos como balas nese mesmo túnel.
Acórdome de como fixen o esguince no dedo gordo do pé esquerdo.
Acórdome das noites que non remataban e de un día non ir facer puenting por esgotamento.
Acórdome de Where the streets have no name, de With or without you e sobre todo de I still haven´t found what I´m looking for sonando a través das luces da noite.
Acórdome de que discutiades de se realmente se notaba que os mp3 tiñan menos calidade.
Acórdome das hamburguesas no Delicias, de chegar á casa e coller o bikini para ir á finca da piscina, de quedar durmida ao sol e queimar o lombo.
Acórdome da Ronda de Outeiro, de Juan Flórez, da rúa Juan Canalejo, dun coche azul, de todas as rutas.
Acórdome da pista de patinaxe de Adormideras, de manter o equilibrio, de seis brazos dispostos a collerme, de caer de cu entre risos á luz das farolas e de aprender a frenar os patíns.
Acórdome de como o estómago sube cando a Ronda de Outeiro se cruza coa Avenida de Finisterre e vas a 90 por hora.
Acórdome de beber moito, de bailar, de "¡estamos ahí ya!", da sorpresa de que "xa" esteades todos aí, de Green despois.
Acórdome do Dreams, acórdome de Coruña, acórdome de coñecer a moitos coruñeses.

Acórdome do Macondo, acórdome...deste enorme e último e primeiro recordo destes acordos todos.

Tiñas razón, todo era máis fácil antes. Dez anos antes.



Je me souviens, George Perec
Acórdome

1 comentário:

Roi Buligan disse...

escoitar a túa nostalxia e lembrar a miña propia e ese estraño sabor doce e amargo que hai no pasado.