11/21/2006

Máis concursos de fotografía


Acabo de ver outros dous concursos de fotografía:

O primeiro convócao o concello de A Coruña, Coruña en foto 06, e o prazo remata este 25 de novembro, en troques ofrécennos unha viaxe a Londres.
Pode ser unha boa oportunidade para retratar unha cidade que, a verdade, ten sitios moi bonitos: as praias, o paseo marítimo coas súas farolas de miles de euros, a sempre presente Torre de Hércules, o monte de San Pedro aínda sen ascensor e protagonista dunha manifestación contra o desfile militar no 2005, os ascensores do edificio da Fundación Caixa Galicia nos Cantóns, as galerías da avenida da Marina, os xardíns de Méndez Núñez, o parque de Santa Margarida, a zona vella... anque, dende logo, cando oes un "buh, neno!" non é precisamente todo iso o que che ven á cabeza.

Outro non tan bonito é o que convoca Audasa co obxectivo "de destacar fotograficamente os valores da autoestrada Ferrol-Fronteira Portugesa (AP-9) en calquera dos seus aspectos. O tema da fotografía deberá estar, polo tanto, relacionado coa autoestrada AP-9 e o seu entorno."
O premio é interesante e a temática creo que este ano, entre algunha que outra retención, queda marcada polo lume. Ou non?


11/18/2006

Indigènes

Bush fai mención a Vietnam cando fala de Irak, e parece que aínda non se enterou que as invasións nunca son boas e se non, aí está o exemplo da loita eterna entre israelís e palestinos. Hoxe, e porque alguén mo lembrou, púxenme a mirar de onde viña o termo "pés negros" e rematei atopando outro caso de invasión: Alxeria e dende logo non ten final feliz.

Relacionado co tema, presentouse en Cannes este ano o filme "Indigénes", do director Rachid Bouchareb, que fala dos norteafricanos que combatiron ao lado de Francia na II Guerra Mundial e que apenas son recordados na historia. Axudaron a liberar Italia, os Alpes, a zona da Provenza etc... En Cannes o xurado doulles o premio ao mellor actor, como galardón colectivo, aos 5 actores protagonistas. "Indigènes" está este ano no programa de Cineuropa, a ver se o sábado ou o domingo poido ir.

Tanto monta, monta tanto

Durante a Reconquista na Península Ibérica moitos xudeus e musulmáns marcharon ao norte de África asentándose, entre outros sitios, no que hoxe é Alxeria. Estes países norteafricanos ante os ataques españois recurriron a corsarios para defenderse sendo os máis coñecidos os irmáns Barbaroja. Ante o éxito, Alxer pasou a ser parte do Imperio Otomano e convírtese nunha potencia militar marítima que controla o comercio no Mediterráneo.

Conquista

Tras ese período de calma de case tres séculos, no 1830, Francia decide invadir Alxeria, non sen dificultades, poñendo como escusa un abanicazo dado polo Bey de Alxer ao Cónsul francés(realmente foi por non pagar unha débeda por importación de trigo que arrastraba Francia dende a época de Napoleón e as súas expedicións en Exipto, razóns tiña o Dey para abanicar ao outro). Colonízase e no 1948 é declarada parte da metrópole francesa.

O 1 de novembro de 1954 comeza a guerra da Independencia en Alxeria impulsada polo FLN (Fronte de Liberación Nacional) que remata no 1964. A guerra foi dura e ambos bandos sufriron moitas baixas, mesmo se deron casos de tortura por parte dos franceses.

La valise ou le cercueil (a maleta ou o ataúde)

A partir do ano 62 comezou o éxodo dos colonos franceses e dos xudeus a Francia, que se acelerou despois da masacre de Orán. Tamén saíron do país os alxerianos que loitaron da parte de Francia (harkis). Esta xente pasou a ser coñecida como pieds- noirs (pés negros), din que o nome lles vén dos que traballaban nos barcos botando carbón á caldeira e que ao saír ían cos pés negros.

Les Pieds-Noirs à la mer (pés negros ao mar)

Chegaron a Francia sen nada e foron mal recibidos. Tiveron problemas para conseguir a nacionalidade francesa porque as actas de nacemento, de matrimonio etc estaban en Alxeria.
Pés negros ou descendentes coñecidos son, entre outros, Isabel Adjani, Albert Camus, Enrico Macias ou Yves Saint Laurent.

Le chant des africaines (1944)

Himno non oficial da comunidade francesa en Alxeria.



Outra ligazón interesante: cuisine pied-noir.

11/12/2006

Torre de Hércules II: o futuro

Ano 2108

Ano 2125


Fotos de Factoría gráfica.

Nairobi 2006

Dende o 6 deste mes están reunidos 189 países na Convención das Nacións unidas sobre o Cambio Climático a ver que fan a partir do 2012, ano no que remata o Protocolo de Kyoto (1997). Este Protocolo, ratificado por 165 países, entrou en vigor o 16 de febreiro do ano pasado coa idea de que os países industrializados reduzan, entre o 2008 e 2012, as emisións de gases que contribuen ao efecto invernadoiro a uns niveis un 5% inferiores aos que xa se emitían no 1990. Estes gases serían:

CO2 (dióxido de carbono)
CH4 (metano)
N2O (óxido nitroso)
HFC (hidrofluorocarbonos)
PFC (perfluorocarbonos)
SF6 (hexafluoruro de xofre)

No 2001, en Marrocos, seguiron sentándose as bases para a correcta posta en marcha deste Protocolo:

- Decidiuse que os compromisos dos países desenvolvidos fosen vinculantes legalmente
- Métodos de implementación na reducción das emisións, ou implementación conxunta, de xeito que os países desenvolvidos adquiren unidades de reducción de emisións a través da financiación de proxectos en países menos desenvolvidos.
- Levar a cabo un Mecanismo de Desenvolvemento Limpo de xeito que os países en vías de desenvolvemento non vexan frenada a súa economía e que os países máis industrializados axuden a diversificala.
- Realizar informes e revisións por un grupo de expertos.
- Avaliación do cumplemento por parte dun Comité.

O cambio climático, certo ou non, preocupou no 1998 á ONU e á WOM (Organización Mundial de Meteoroloxía) e formouse o IPCC (Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático). O IPCC ten como fin avaliar de xeito obxectivo, aberto e transparente a información científica, técnica e socioeconómica relevante cientificamente sobre o risco do cambio climático inducido polo home, o seu posible impacto, e as capacidades de adaptación e mitigación. Todo isto faino consultando publicacións científicas revisadas externas ao propio IPCC.
Tamén hai estudios que refutan os informes do IPCC e manteñen que o quencemento global pode ser unha evolucion natural do medio ambiente e desestiman o efecto invernadoiro.

O último estudio que saíu á luz é o "Informe Stern" onde, ademais de facer unha previsión dos posibles cambios climáticos nun breve prazo de tempo, alerta sobre o resentemento da economía debido a esas mudanzas. Apunta tamén unha serie de medidas para reducir os gases que contribúen ao efecto invernadoiro:

1. Reducir a demanda de bens e servicios intensivos en emisións.
2. Aumentar a eficiencia.
3. Actuar sobra as emisións non enerxéticas (p.ex. evitar a deforestación)
4. Cambiar ás tecnoloxías de carbono máis baixo para acadar enerxía, calefacción e transporte.

Todo isto penso que ha de estar bastante ben resumido no documental "Una verdad incómoda" sobre un libro que firma Al Gore, que se está adicando a concienciar ao mundo sobre o quecemento global.

Ligazóns

Trailer "Una verdad incómoda"
10 cousas que podemos facer para evitar o quencemento global.
Protocolo de Kyoto.(pdf)
IPCC. Terceiro informe de Avaliación. Cambio climático 2001. A base científica.(pdf)
IPCC. Informe de síntese. Resumo para responsables de políticas.(pdf)
Proxy climatic and environmental changes of the 1000 years.(pdf, inglés)
Stern Review of the Economics of Climate Change. 2006.(inglés)
Chistopher Monckton replícalle a Stern.(pdf, inglés)

En Chuza!:

Desfacendo a teoría do quecemento global.
Campaña mundial para plantar un millón de árbores.
De CO2 a gasolina.
Temperaturas médias na Galiza aumentan 1´5º C em 30 anos.

Imos morrer todos!

11/11/2006

Erasmus sound festival 06

Ao máis puro estilo número un (que dixen que ía ir e fun) e número dous (actividades favoritas) aí vai.



Quedoume perda de non me ter acollido ás bolsas Erasmus cando puiden, pero polo menos disfrutamos da música co seu nome. Non chegamos para ver a Revolujoin, pero si na metade de Soardy, uns suecos que me encantaron. Deles é a foto de arriba, non moi boa, pero non tiven tempo a facer máis que a cámara deixou de traballar.

Revolujoin-Cuarta Dimensión



Soardy-Memories



Despois chegou o turno a Le Mygale Corp. , que co seu hip-hop guitarreiro, resulta que foi o grupo que máis animou a festa e, para a miña sorpresa, case case os que máis me gustaron. Cousas deles: cada un ten un nome de araña e o que andaba cos scratches (DJ Black Widow), daba a súa última actuación con eles ese noite. Mención especial pola miña parte ao Spider Deluxe (Julien Campus) três mignon o rapaz, e ao Poppayann (Yann Coucharriere) que lucía unha barba ben chula.



Logo tocaron Heissel que xa se encargaron ben eles de facerse publicidade e de repartir Cd´s seus de gratis entre a xente que alí estaba. A posta en escea moi ben que o cantante lembrou ao Robert Smith ao saír vestido cunha camisa de forza e coa cara pintada de branco. Ata houbo invitado sorpresa: un de Haiku.
Para min, o que lle sobrou foi poética ao cantante, que de cando en vez soltaba unhas frases moi sentidas e moi evocadoras pero dame que non era o sitio máis axeitado para facer esa poética.

Heissel-Al oír el mar



E os que agardaba eu con máis ansias, os Pony Pony Run Run, como que me decepcionaron no directo. Non sei, altas expectativas que tería eu.

Pony Pony Run Run-Gettin´drunk on you



Gustáronme os falsetes que facía un dos guitarristas que me lembraron ao Justin Hawkins pero nin punto de comparación, que coma el, ningún!

The Darkness-Girlfriend



De tódolos xeitos mereceume a pena, ata saquei amigos!

11/10/2006

Real Flickr

Encántame que a vida real se encha da vida virtual.

Café de Macondo, rúa de San Andrés nº 106. A Coruña.

11/07/2006

III. Suicidarasme algún día

Xa non nos aturamos, ese foi o día.

O día que anoitecín e tiven que fumar para poder durmir,
o día que me inquietei cando xa non quedaba nada máis para beber,
o día que desexei que as miñas mans fosen as túas
mentres tiña vontade de foder...
con todos eses días, fixen unha úlcera no estómago
e vomitei.

Botei flemas negras que envelenaban o corazón,
caín no chan coa miña cara a afogar nos restos dunha choiva de cervexa
mentres o fígado verquía sangue escuro no meu interior.

Despois desa degradación tan humana, espertei e vinte.
Vinte de cada vez que abrín os ollos porque sempres estiveches.
Notei na caluga os teus ollos, fora das coveiras, mirando para un corpo tendido,
souben que non me abandoaras porque a través das interferencias dos meus oídos
chamáchesme cousas ruíns e as máis tenras tamén
e as primeiras, meu ben, fixéronte temeroso aos meus ollos.

Laváchesme o corpo e acordei cos teus brazos arredor,
arrepentida.
Arrepentida e leda de saber da túa dependencia por min.
A ciclotimia da miña vida, dominarate.

Estou enferma de ti.

11/06/2006

I. Si que me gusta

Nin espero por ti, nin esperas por min. Eu voute atopar e ti has de vir.



Rinôçèrôse - Bitch

11/05/2006

Madredeus - Amor infinito

Madredeus-Amor infinito



Disfrutámolo moito.

(Vale, está claro que non me vou adicar ao tema audiovisual)

11/04/2006

A Torre de Hércules


Na entrada do Concello de A Coruña teñen un libro de firmas para conseguir a declaración da Torre de Hércules, por parte da Unesco, como Patrimonio da Humanidade. Xa o tentaran hai 4 anos. En Galicia xa temos a Cidade Vella de Santiago de Compostela (1985), o Camiño de Santiago (1993) e as Muralla Romana de Lugo (2003) declarados como tal. As Médulas tamén teñen esa honra dende o ano 1997.

España é o país con máis lugares declarados como Bens do Patrimonio da Humanidade, cun total de 39, por iso ten que restrinxir as súas candidaturas a unha ao ano para equilibrar a representación dos estados na Lista de Patrimonio Mundial. Este ano, a sorte tívoa a Ponte de Bizkaia.
Das lendas que falan sobre este faro, hai unha que é a que adxudica a súa construcción a Heracles que, vencendo a Xerión nun dos seus 12 traballos encomendados, enterrou a súa cabeza debaixo da Torre. Arredor da Torre fíxose un parque escultórico que ten referencias a estes traballos de Hércules, e explícano moi ben aquí, os rapaces do I.E.S. de Adormideras.

Así é que o concello de A Coruña ten no seu escudo á Torre de Hércules dende 1448, e os osos e a calivera que hai debaixo dela representan ao xigante Xerión. Non é para menos, tiña a mesma importancia xeográfica que o desaparecido Faro de Alexandría, ou así o facía ver hai case mil anos no "Mapamundi" o Beato de Burgo de Osma.

Eu fun firmar hoxe no libro ese. Fun firmar por todas as veces que fun ver o Atlántico ao seu carón, por todas as veces que se ve emerxer maxestuosamente e silandeira entre a néboa , por todas as veces que estando de noite na praia seguía os seus pulsos de luz e por toda a xente que a leva visto neses 2000 e pico anos que leva en pé.

Digo eu que, se ides (a) A Coruña (a min tamén me gusta), non estaría de máis facer o mesmo.