10/10/2007

Martin Gauvreau

Andressolo ven de gañar o Curtas na Rede, pero hoxe quen centra a miña atención é Martin Gauvreau, un director canadiense ligado a Galicia a través da productora Tres Deseos.

É responsable de Agnieszka 2039 (91 min) que participa na 51 edición dos BFI de Londres, onde tamén participa Caótica Ana de Julio Médem e un lote de películas ás que lles haberá que seguir a pista. A sinopse de Agnieszka 2039 (encántame o meu nome en polaco) é a seguinte: alegría e dor van da man cando a un ser anxelical lle é entregada a caixa da eternidade, suxeita á decisión profética dos deuses.

Agnieszka 2039



Fixo tamén Poland Night´s, parte dela rodada en Compostela, onde conta a histora dunha pequena vila polaca que cae noutra dimensión despois do impacto dun meteorito, un equipo de televisión vai a investigar, o conto é que non saben que un dos seus reporteiros escapou dun psiquiátrico (que digo eu que será iso o mental institute). Poland Night´s participou este ano no Imagina e no Festival Europeo de Cine Independente de París.

Poland Night´s



E máis recentemente rematou Alicja Wonderland que conta coa participación de Sergio Mella Iglesias como Director de Fotografía e que conta como foi a rodaxe en superoito. Como curiosidade resulta que este rapaz levou o premio ao mellor video da XGN 2006. Alicja Wonderland...non vos vou contar de que vai porque non o sei, pero ben que se intúe vendo o trailer e despois de ler "You will see, you will love me too". Encantoume.

Alicja Wonderland




Con so verlle os trailers das películas, Martin Gauvreau creo que se vai convertir nun dos meus directores favoritos e acabo de namorarme de Agniezska Pekala.



E de regalo, un Cinema Friki dos EUA: Quiet Earth.

Máis autobombo


(editando: xa sabedes, a baixalo, que para algo o puxeron aí)

Dúas e dúas son catro

Pois iso, que non vai de matemáticas nin de cuadraturas de círculos, máis ben de que algunha xente non sexa tan intransixente co idioma e non esaxeren as cousas.

Dúas e dúas son catro

10/03/2007

alDDao

Lucía Aldao e Diego Delgado son os responsables de alDDao, que nos agasallaron con She´s lost control que xa teriades escoitado por aí.

A novidade hoxe é que son finalistas do Festival Greenspace de Heineken. A ver se hai sorte !

10/01/2007

ILSa e New York

New York, New York comezou sendo un blog en internet que , créndose esencial na vida dos que a rodeaban, ILSa escribiu para relatar aos amigos en Galicia as andanzas pola cidade de Nova York, á que marchou en setembro de 2005 por cuestións de traballo. Deste xeito, evitaba botar tediosas horas repetindo mil veces a mesma historia en innúmeros e-mails.

Souben quen era Inma, pode que o ano pasado, cando un amigo que a coñecía ma sinalou unha noite na Reixa e souben de New York, New York nos andeis das librarías e porque presentaba o libro xusto antes que Mario, aquel día na Feira do Libro da Coruña.

Ao final rematei mercándoo nunha segunda oportunidade (a primeira vez mudeino por Os libros arden mal)e non me arrepinto. A historia é contada dun xeito moi fermoso, pode que por ser vivencias persoais, e é un gusto deixar os ollos nela porque te embebedas dun xeito de vida e sitios comúns sen sequera coñecelos, pero que gracias a ILSa che resultan familiares.

Non poido facer máis que recomendalo.

New York, New York. Inma López Silva (Editorial Galaxia)

9/30/2007

Unha vida normal

Acordar sen espertador á hora de Xapón. Comprobar que aquí tamén chove e arrouparse. Despois, necesidade de baixar á rúa e camiñar baixo a auga, porque se corres chapúzaste toda. De súpeto deixa de chover por riba de ti, un mozo cun paraugas estate a tapar mentres sorrí.

Gústanme os días de choiva.

9/23/2007

A vida interior de Martin Frost

Un primeiro plano da cara de MARTIN mostra que está adormecido, a cabeza a descansar sobre a almofada. O sol entra a cachón polas contras de listas e, mentres o vemos abrir os ollos e esforzarse por acordar, a cámara afástase e mostra unha cousa que non pode ser certa, que vai en contra das leis do sentido común. MARTIN non pasou a noite só. Hai unha moza con el na cama, CLAIRE MARTIN.

Conforme a cámara continúa a afastarse, vemos que está durmida, toda tapada, engruñada de costado e virada para MARTIN, a quen lle ten pasado tranquilamente o brazo esquerdo polo peito. Segundo MARTIN vai emerxendo pouco e pouco do sopor, percibe o brazo nu que lle cruza o torso; decátase entón de que o brazo leva detrás un corpo e soérguese na cama coma se acabase de levar unha descarga eléctrica.

Sacudida por estes repentinos movementos, CLAIRE rosma, enterra a cara na almofada e por fin abre os ollos. Ao principio non repara na presenza de MARTIN. Aínda medio durmida, aínda esforzándose por recuperar a consciencia, rola ata quedar de costas e bocexa. Ao estarricar os brazos, a man dereita toca o corpo de MARTIN. Por espazo dun par de segundos non ocorre nada, máis despois, moi devagar, senta na cama, mira para o rostro confuso e horrorizado de MARTIN e solta un chío. Un instante despois bota as sabas para atrás, chimpa do leito e atravesa o cuarto nun balavento de medo e pudor. Case non leva nada posto, como moito unha camiseta curta e sen mangas. Bótalle man ao albornoz, que tiña no respaldo dunha cadeira, e mete os brazos polas mangas a toda velocidade.


MARTIN
(Alporizado) Quen é vostede? Que fai aquí?

CLAIRE
(Tamén alporizada) Diso nada: quen é vostede? E que fai aquí vostede?



A vida interior de Martin Frost, Paul Auster (Editorial Galaxia) Xa teño a película na cabeza.

9/16/2007

Unha noite na ópera



O venres fomos á ópera a ver Don Pasquale de Gaetano Donizzeti, unha ópera bufa. Nunca fora antes e resultou ser unha experiencia do máis agradable que non me importaría repetir. O Palacio da Ópera estaba practicamente cheo e, na miña ignorancia, pensaba que ía estar copado de xente estirada, mais non foi así, loxicamente. Entre as persoas que ían vestidas como se fosen a unha festa, había unha boa morea do tipo "arreglado pero informal", xente máis maior, xente máis xove e para a miña sorpresa, nenos de arredor de 8 anos.

E comezou a Orquesta Xove da Sinfónica de Galicia, baixo a batuta de Marcello Panni, a dar o La e aí comezamos a disfrutar da ópera. A interpretación das personaxes foi xenial, destacando a un Don Pasquale (Alfonso Antoniozzi, barítono) moi gracioso e considerado como "o mellor barítono bufo italiano" según Il Corriere della sera e a unha pizpireta Norina (Patrizia Ciofi, soprano) que non deixaba de saltar, corretear e moverse polo escenario mentres un chorro de voz impresionante saía do seu corpo. Gustoume moito tamén a personaxe de Doutor Malatesta (Fabio María Capitanucci, barítono) e por suposto Ernesto (Celso Albelo, tenor), tremenda voz que ten este home. Polo que puiden saber é un tenor lírico, como era Alfredo Krauss, e ten unha voz clara, aguda...preciosa, en definitiva. A destacar tamén, a actuación de Pablo Carballido (tenor) no papel de notario que actualmente é profesor na Escola Municipal de Música da Coruña e que no seu día realizou a estrea, en recital, do aria de Pedro da ópera Inés e Bianca, de Marcial de Adalid, nunha gala a beneficio dos damnificados polo Prestige. Sen entender de voces, disfrutei moito dos cuartetos que se marcaron os cantantes e, moi especialmente, de Ernesto e Norina cantando xuntos. Tamén o coro foi espectacular, 40 persoas cantando ao unísono cunha posta en escea moi divertida.



En total durou 3 horas, con descanso incluído, que non se fixeron pesadas en absoluto. Gustoume moito e quedei admirada do tremento traballo que supón facer un espectáculo coma este e a cantidade de xente involucrada, a Orquesta (magnífica), os cantantes, o vestiario, a escenografía, iluminación etc



Entre asistentes ilustres destacar a Brais, cantante de Loretta Martin, e a González-Garcés, todo feliz pululando e saudando no descanso.

Sinopse de Don Pasquale

González-Garcés no seu esplendor

9/14/2007

Reflexos

Teño medo.
Véxome reflectida noutras persoas.

9/08/2007

28 (desta vez si)

A min non me gustaba setembro porque había que voltar á escola e, cando era pequena, a mestra mandábanos facer unha redacción sobre como pasaramos o verán. Nunca tiña moito que contar e iso disgustábame.

Este setembro non hai mestra que me pida redacción e 28 chegou só, sen precisar de verán por medio. Se vos digo máis, sabedes tanto coma min.



Xa me contaredes que vos parece esta mestura de texto e fotos á que me refería aquí.