
Falan do cambio climático que vai converter a Galicia nun novo Mediterráneo, da marbellización da costa galega… deso nada, aquí chove e hoxe "It´s raining Homens".
Hai pouco que os The Homens apareceron na escea musical galega, pero as súas orixes ben poderían quedar plasmadas nalgún filme de Spielberg. Que foi para vos a Asociacion Cultural Xurásica e que recordos gardades daquela época?
MartinWu: Ei, a época da Asociación Cultural Xurásica é a actual! Nunca estivo máis viva! Organiza, por exemplo, un dos mellores festivais do país, o Rock en Costa, grupos galegos e portugueses, reivindicación da periferia das cidades como motor cultural.
Na programación da TVG hai un concurso, o Pequeño Gran Show, no voso caso as ganas de tocar e cantar nun grupo tamén veñen da infancia? Imitabades a algún cantante nos salóns das vosas casas? Mercabades a Superpop?
M.W. Cando era un cativo, o meu primo e máis eu faciamos playbacks de cancións da Década Prodigiosa na palleira dos meus avós, poñendo a cinta no radiocasete dun Simca 1.200. Eu tocaba un teclado destes que colgan recortado nun tablón, e o meu primo unha batería que basicamente era o cepo dun castiñeiro. Por certo, a maior parte dos programas de cativos que hai nos medios danme bastante noxo, ese rollo "mira que aleuto é o pequeno". A televisión en xeral dá bastante noxo.
Os comezos no mundo musical foron duros ou sentístevos sempre arroupados?
M.W. Pola xente, sobre todo pola nosa xente, sempre, moitísimo máis do que esperábamos. É evidente que se te pos encima dun escenario a facer o canelo algo de ganas de que se fixen en ti si que tes, pero no noso caso desde logo non é o esencial.
Os tópicos falan de sexo, drogas e rock and roll (neste caso power pop), que hai de certo á hora da verdade? Notades xa o fenómeno fan detrás de vos?
M.W. Calquera das tres cousas están moi ben, toques nun grupo ou sexas perito agrícola. En canto ao do fenómeno fan, espero non notalo nunca; é algo bastante chungo.
Á hora de escribir as letras como surxe a inspiración? Hai algunha especialmente adicada?
M.W. Hahahaha, hai unha dedicada a alguén ao que queremos moito e que é moi cool, pero é mellor deixalo correr. As letras aparecen moi pouco a pouco e con bastante dificultade, unha vez engánchanse por unha frase, outras por un estribillo que se che ocorre, outras simplemente se van adaptando á música. Non me gustan demasiado os grupos con "exceso de texto", pero tamén creo que é importante dicir cousas, aínda que logo á xente lle pareza que fas cancións lixeiras e que, como nos dixeron algunha vez, falamos de "coches, chicas y cervezas"... Asuntos que, por outra parte, tamén están moi ben.
No panorama literario galego vese unha gran creación de poesía, poderían algúns versos ser a letra dalgunha das cancións de The Homens?
M.W. Desde logo, non estaría nada mal, hai cousas ben interesantes... Así non teriamos que soportar algunhas chafalladas do noso letrista...
Considerades a fórmula copiceibe e as ferramentas que dispoñedes en internet os factores do voso éxito e independencia creativa?
M.W. Cremos que é fundamental para entender o que está pasando na música deste país. Antes un facía un disco, sacáballe, eu que sei, mil copias, e quedaba con oitocentas no garaxe da casa. A través de internet –por exemplo, da nosa web, http://www.thehomens.com, a xente pode chegar a ti con máis facilidade, sen ter que pedir o disco, ilo buscar a este ou aqueloutro bar, e sobre todo sen ter que facer números para enterarse do que está pasando. Por certo, independentes somos un cacho, agora que o do éxito... o noso contable non estaría moi de acordo...
Supoño que, polo de agora, a música non pode ser aínda un medio de vida, pero poñéndonos transcendentais: si pode ser unha filosofía de vida…ou non deixa de ser máis que unha afición que une a tres amigos?
M.W. Calquera dos tres homens temos o noso modesto historial de grupos con máis penas que glorias, así que non podemos ser inxenuos a ese respecto... Sen embargo, isto é algo que nos ocupa demasiado tempo na cabeza como para pensar que só e unha afección. Non hai moitos momentos na miña vida nos que non pense en cancións, ás veces moito máis do conveniente.
Como vai o tema de contratacións? Hai un circuito estable para dar saída aos grupos galegos e que canten en galego?
M.W. A verdade é que nós estamos tendo unha sorte que desde logo non nos esperábamos. Somos un grupo totalmente autoxestionado, e tamén bastante folgazán, pero de momento estannos chamando moitísimo máis do que pensabamos, sen movérmonos nós demasiado... O circuíto? Desafío a quen queira a dicirme se hai algún sitio decente en Santiago no que se poida tocar sen arriscarse a perder unha pasta...
Cales son as datas da voso tour "Non vale parar"?
M. W. De momento isto é o que hai pechado:
24 de novembro Colinas Bar (Albergaria, Portugal) + D3Ö
25 de novembro Kastrus Bar (Esposende, Portugal) + Green Machine
9 de decembro A Molinera (Vilarrubín, A Peroxa) + Annie Hall
29 de decembro Felipop de Inverno (Limodre)
Temos un par de cousiñas máis para xaneiro, pero aínda non están pechadas...
Hai novo proxecto á vista?
M.W. Inmediatamente, consultar a pregunta anterior... E tamén facer cancións coma tolos para chegar ao verán con material suficiente, porque en xullo imos gravar un disquete, deses con trece ou quince cortes, ou iso é o que pretendemos.
Por último e falando de temas de máis seriedade, coa cantidade de guerras e conflictos destes tempos hai unha iniciativa (ver ligazón) que pretende conseguir a paz mundial no solsticio de inverno: cal podería ser a vosa colaboración musical para favorecer ese momento?
M.W. Iso hai que facelo todos os días, pola paz mundial ou polo que faga falta. E, desde logo, podendo foder pola paz, négome a poñer a banda sonora mentres outras e outros fan o choio máis agradecido...
Moitas gracias e se queredes engadir algo máis, adiante!
M.W. Que a revolución non a van televisar, e que hai uns cantos capullos que deberían ir facendo acopio de alimentos, "porque seremos cientos por cada uno de los vuestros"...
Mentres tanto quedamos cunha das vosas cancións mozos:
Desaparece-The Homens
3 comentários:
"Calquera das tres cousas están moi ben, toques nun grupo ou sexas perito agrícola".
Si señor, unha das respostas máis sinceras e certeiras que escoitei nunca referida a ese interrogante... eu que xa me temía que ían soltar algo do pau "vah, todo aburre co tempo" para facernos rabear coa envexa aos demais...
Saúdos,rapariga.
martinnn!!! como que non notadeso fenómeno fan??? e nós que somos???
Pois algo deben ter estes rapaces para saír na SER, non?
E saúdos de volta larvós :)
Enviar um comentário