
Yolanda Castaño (Santiago DC 1977) é unha das nosas poetas máis coñecidas e á súa vez, unha muller que se aventura en tódolos campos que se lle poñen diante. Estudiou Filoloxía Hispánica na Coruña e formouse no eido audiovisual.
Ten cinco libros publicados baixo o seu nome Elevar as pálpebras (Premio Fermín Bouza Brey 1994; Espiral Maior, 1995), Delicia (Espiral Maior, 1998), Vivimos no ciclo das Erofanías (Premios Johán Carballeira 1998 e da Crítica Española; Espiral Maior, 1998), Edénica (Espiral Maior, 2000) Libro + CD e O libro da egoísta (Galaxia, 2003).Despois, participando con numerosos colectivos ten unha manchea deles e tamén podemos atopala dentro de moitas antoloxías publicadas. Foi crítica literaria en diferentes medios de comunicación, Secretaria da AELG, formou parte de Letras de Cal.
Atráena todo tipo de expresións artísticas e así colaborou con pintor Antón Sobral, cantou en Edénica (2000), dirixiu e produciu o videopoema O video da egoísta, foi guionista, directora e presentadora de Mercuria, onde falaba das vangardas galegas, na TVE-Galicia levando no 2005 o premio de Mellor comunicador de TV. Ese mesmo ano foi actriz na película Pataghorobí e actualmente podémola ver no concurso Cifras e letras da TVG. E se esto non é curriculum, que veña alguén e o diga.
Ultimamente estaste centrando máis nos medios audiovisuais. Que tal está sendo a experiencia en Cifras e Letras?
Yolanda Castaño: Bueno... o certo é que non me estou centrando máis no audiovisual (aínda que é moi probable que sexa o que máis se ve ou o que máis ve o público maioritario). A poesía é para min o primeiro de todo, e nese sentido sigo traballando moitísimo (a última edición bilingüe, a experiencia con poesía para nenos, novos poemas, a coordinación dun libro de arquitectura e poesía, os obradoiriños poéticos que imparto...), iso é no que levo arreo 12 aniños.
A experiencia no “Cifras...”, por outra banda, é francamente reconfortante, agradecida e divertida. Pasámolo de coña con toda a equipa, que é de veras estupenda. É un formato sinxelo, achegado e que funciona ben, mesmo do que se pode aprender algunha cousiña. Síntome moi cómoda e afortunada de estar aí e dos meus compañeiros e compañeiras. Botamos cada risas...!
Creaches ou crearon unha figura mediática arredor de ti co que iso conleva: eres amada, odiada e criticada. Todos agochamos algo de nós mesmos pero, á vez, tamén amosamos aquilo que queremos que os demais vexan. Que ten Yolanda do personaxe que se amosa?
YC: Ás veces é unha maneira de protexer o privado, o de verdade, o que hai debaixo, aínda que o seu manexo pode ser moi delicado e mesmo pouco fácil. Ás veces tamén proxectamos máis o xeito do que nos gustaría ser. Na miña vida real son moitísimo máis pallasa, insegura, cariñosa e entregada. Aínda que tamén son moi curranta e disciplinada, seria co meu curro e celosa das miñas cousas. Todos/as os que me coñecen saben que eu non teño nadiña de orgullo, aínda que sospeito que non é iso o que se transmite. Son consciente de que a pantalla mente necesariamente. Por exemplo, en 240 programas nunca me permitín pronunciar algunha frase como “eu que sempre saco a palabra máis longa...” ou “como eu son tan listiña e fago tan boas palabras...” ou “vós non me dades superado...”ou cousas así, e sen embargo resulto ser a soberbia do programa. Mesmo, ás veces, fan máis uns rasgos físicos ou unha pinta determinada que todo o que digas, penses ou fagas.
No teu caso as críticas céntranse máis no teu traballo ou na túa persoa? Como inflúe iso en ti?
YC: A min pásame moitísimo coma o que dicía a ínclita Sofía Mazagatos: “La sigo mucho, pero aún no tuve oportunidad de leerla”.
Está claro que na valoración das críticas hai que tomar moi en conta o receptor das mesmas, e como tal procuro relativizalas (tanto as positivas coma as negativas, claro), a pesar do dano que –humanamente- recoñezo que poden facer as incomprensións, malinterpretacións ou inxustizas nas horas baixas de unha.
Resultar mediático/a é algo accidental e que responde a factores extraliterarios e ás veces caprichosos; ter talento para a escrita é algo que exclusivamente se pode comprobar nos libros. Iso si, o ser mediático/a non é nin garantía de ser bo escritor/a, nin tampouco de todo o contrario. (¡A Arsenio Iglesias ninguén lle reprochaba que se aproveitase da súa simpatía para saír en máis entrevistas!)
En calquera caso, a miña experiencia dime que o feito de que ao de enfronte lle vaia ben, e/ou ocupe unha posición de visibilidade, adoita ser difícil de asumir. Hai quen mesmo se sinte como insultado, como se lles ofendese o feito de non estaren alí eles ou se houbese que xustificalo mediante algunha turbia mangancha (todo menos o esforzo ou o talento do/a de enfronte). E eu penso que en realidade hai sitio para todos/as, sempre –claro- que se traballe con honestidade e respeto.
Poeta, crítica literaria, directora, productora, presentadora, cantante, actriz...vémoste en moitos medios de comunicación e difusión artística. Internet tamén está sendo utilizado para iso por moita xente a través dos seus blogues. Ti tes a túa páxina web, foches proposta como musa do blogomillo...a idea dun blogue sedúceche ou a experiencia de Lucía Etxebarría é un exemplo para non facelo?
YC: Home, estrictamente non son tantas cousas coma as que dis...! Admiro a plataforma de que fornece a internet a tanta xente, e paréceme a auténtica última revolución dos nosos tempos.
No meu caso persoal, dedícome fundamentalmente a escribir, profesionalmente, quero dicir. O meu escasiño escasiño tempo libre devezo por ocupalo con mil cousas, pero que ningunha delas sexa escribir! Por iso mesmo sería incapaz de manter un blogue, aínda que admiro –mesmo envexo!- esa capacidade (para escribilos, mantelos ao día e sobre todo ter tempo para eles).
De calquera xeito e por outra banda, entendo perfectamente o caso da Etxebarría, o malo das plataformas de concesión de liberdade é o mal uso que uns poucos corren a facer dela; eles/as estragan a marabillosa potencialidade do medio, por desgraza.
Agora mesmo lembro uns versos de Alicia Fernández (xoven promesa que creo que te ten como referencia) aparecidos no blogue VSQN. Sobre a autoría dese blogue especulouse moito, que se a autora era Rosa Aneiros, que se eras ti...Desmintes rumores, acláralos ou deixas o tema correr?
YC: (A que ten de referencia a ese talentazo e valor seguro da literatura que é Aliciña son eu, creme).
(A pesar do que teño dito na anterior resposta, recoñecerás que esa publicidade tan gratuíta, tan pouco compometida e sobre todo tan descansadiña para min –mentres vou empregando o meu tempo noutras cousas- tampouco me vou herniar en desmentila!)
De tódolos xeitos, penso que tampouco faría falta coñecerme ou lerme tanto para sacar unha conclusión acertada.
O teu último poemario O libro da egoísta ven de ser traducido ao castelán, aumentando así as posibilidades da súa difusión. Entraches tamén no mercado de Portugal?
YC: Penso que no mercado de Portugal non deberiamos ter que “entrar”, senón que debería ser unha mesma prolongación do noso. A traducción perde sentido entre linguas que son irmás ou veñen sendo a mesma, de maneira que só estariamos a falar de cuestións económicas e políticas. Hai portugueses e portuguesas que si teñen a conciencia e a curiosidade de mostrar interese e procurar literatura galega, e cónstame que a consumen. Simplemente esas canles de distribución deberían facilitarse. O dito: cuestións económicas e políticas, máis nada.
Cifras e letras parece que vai para longo, tes algún outro proxecto en marcha? Proponnos unha palabra de 9 letras para acertar.
YC: Teño afortunadamente moitos proxectos en marcha! Os que xa comentei de pasada: a miña 1ª experiencia de poesía para cativos, seguir investigando en videopoesía, rematar un novo poemario, sacar un libro que coordinei entre poetas e arquitectos/as, continuar coas miñas mil colaboracionciñas en medios escritos, seguir cos obradoiriños de poesía na Fundación Caixa Galicia, dar algúns recitais por aí... ah! e polo momento, convidarvos a todos e todas a que veñades ao 2º “Implícate!”, Noite da música e palabra solidarias promovida pola ONG galega “Implicadas/os no desenvolvemento”, cunha morea de artistas da música, o teatro, a danza e a literatura de noso, e que terá lugar na noite do 16 de decembro no Auditorio de Galicia en Compostela (...é que estou traballando na súa organización!, igual ca o ano pasado).
Ou sexa que esas son as miñas 9 letras: A-T-M-I-I-L-C-E-P
Para rematar e para aqueles que non coñezan a túa obra (que non é o caso do teu clube de fans), pódesnos obsequiar cuns versos teus?
YC: Iso si que me parecería unha pequena pedantería e un alarde de soberbia… pero graciñas pola entrevista! E un bicazo gordo a todo o mundo!!
Gracias a ti.

8 comentários:
Agora tamén sei algo máis de Yolanda Castaño.
Bon traballo, coñezo pouco da poetisa pero resultoume interesante a entrevista. ¿É feita cara a car ou con cuestionario?
saúdos
Moi interesante a entrevista. A verdade é que esta rapaza é unha caixa de sorpresas.
Apúntame como un dos fans de Yoli. Que xa a vía en Medusa, aínda que nunca lin nada dela (é que non me gusta a poesía).
Felicidades polo aniversario. Creo que me soa o Lautrec, seguro que me levaron por alí cando estiven na Coru.
Pois eu a verdade tampouco sabía moito dela e foi con cuestionario xisbe.
Sr nohara moitas gracias e cando volte pola Coru xa sabe a quen avisar :)
Ó remate paréceme un pouco "elevada" cando lle pides un poema e dí que é pedantería. Qué lle custaba pór ún dos seus , mesmo breve, ou acaso cree que a xente, a grande masa galega, coñece a súa obra como a de Curros ou Castelao??
Noraboa de todo-los xeitos pola entrevista que serve pra coñecela algo mellor.
teño que recoñecer que non sei moito da autora pero a entrevista paréceme interesante.
Son unha alumna de 2º de Bacharelato dun istituto de Chantada e estou, xunto coa miña compañeira, facendo un trabalñlo de Literatura Galega do século XX o cal nos ten moi ilusionadas. POr iso, convídote a que nos visites e nos deas a túa opinión das nosas composicións.
Despídome de ti felicitándote polo teu traballo.
Moitos bicos
xA TIÑA PINTA DE ser CUESTIONARIO!
Iso quitalle toda a frescura posibel e engade unha morea de aditivos e conservantes de imaxe hehehee
bEN, TAMPOUCO imos ser mal@s.
E somentes que non me gustou o seu derradeiro libro, polo de agora so me pareceu bo un que gañou unha crítica.Parece que non "se atreve" a escribir moito, porque leva tempo sen nada.
Pero afortunada ela que o pode permitir!
o fin e o cabo non direi máis nada...
Enviar um comentário