8/18/2007

Anacos de 28

Así comeza o que rematei onte. O resto en setembro. Vai:


Hai inquilino novo na casa. Habítaa de xeito invisible, silencioso coma o fume gris dos cigarros que aínda consumo. Escoito a súa forma arredor de min ao tempo que vou redondeando as esquinas cos ollos na súa busca. Pola mañá érgome coa tranquilidade de non ter présa por chegar e con parsimonia entro no salón que xa ten príncipe deitado nun mol trono azul. Séntome co café, síntome como para recibir audiencia e xogamos a ver quen ten máis sono mentres nos fitamos en silencio. Nestes días explórao todo facendo que me ignora e, cando de esguello vexo o seu rabo nalgún recanto da casa, silandeira, obsérvoo curiosa. De noite as súas pupilas aparecen no dormitorio e refléxanme espida antes de que me vistan as sabas captando momentos que outros ollos nunca verán. Espiámonos así mutuamente, viciándonos na indiferencia finxida. Non nos facemos caso e devecemos por tocarnos mentres nos ignoramos.

Unha mañá relaxada atópoo fitando pola ventá ata que escoita os meus pasos nús dourados no corredor. Vira cara min e baixa do seu trono principesco deixando a súa pose ausente nos cristais da xanela e enrédase nas pernas trazando tirabuzóns de reclamo. Sumerxida nos seus ollos déixome engulir na súa mirada atrevida ao tempo que as caricias o van convertindo nun ser deliciosamente fácil de querer. Retorna despois da súa dose de cariño ao seu ensimismamento privado no que me convirto en ausencia e a mornura do café nas mans invade a miña mirada pousada nel.

Descoñezo os camiños que fan que a mente se dirixa cara onde gardo baixo un mal candado as miñas saudades de ti. Na tranquilidade que respiro, na aura dourada que me ten que envolver nestes intres, apareces ti nas miñas proxeccións mentais: morno, amante, adorándote meu rei, recibindo instancias solicitando apertas, regalando bicos, agarimos de capricho, cicatrices e lunares.

E ti cos ollos pechos querendo durmir e eu dilatando desesperada as pupilas no tempo para comerte con elas e non borrarte nunca do sorriso.


12 comentários:

O Breogán de Gáidil disse...

Parabéns polo novo membro da familia.
Non sei, eu penso que a blogomillada toda tiñamos que poñernos firmes e esixir internet adaptada para as mascotas. Trocar o de "só lle falta falar" por un "só lle falta ter un blog"... ou algo así.

besbe disse...

Este gato está de prestado na casa, pero adáptase ben e se chega a ter un blog estes días tería que dicir que as vistas da ventá, o sofá e as incursións na bañeira son o que máis lle gusta.

Zerovacas disse...

Un texto fermosísimo. Véxote relaxada e reflexiva nas túas vacacións

A pirámide disse...

Carallo! Ese gato si que sabe ser funcionario aínda que estea de vacacións

Torreira disse...

Fermoso

Anónimo disse...

Coido que ese inquilino xa é dono da dona da casa, e que de aquí a setembro será (se non o é xa) dono da casa tamén. Coincido en que é un texto moi fermoso.
Saúdos.

torredebabel disse...

seica os animais adaptanse aos seus donos ou coidadores. Collen deles as teimas e a cordialidade. Contaxianse o estilo de vida e tamén a súa calam ou o seu stress. Se resulta ser tan listo e tan feito, xa sabemos por qué é ;-)

Anónimo disse...

Os gatos son así, príncipes, tal e como o describes. Tal vez sexa prestado, pero vexo con certeza que a túa casa non ha tardar en ter un propio (é difícil desengancharse de tal animal).
Por certo, que hai gatos con sorte: se é certo o que contas, gustaríame ver polos seus ollos.

Raposo disse...

Coincido con highway 61: hai gatos con moita sorte, e non me refiro o das sete vidas.
Fermoso texto.

Ra disse...

Cuanto sin dejarme caer por aquí, Besbe...así da gusto volver, y volver, y volver.
Besitos

Suso Lista disse...

Vexo que estamos os de casi sempre en casi todos os lados. Bicos.

Anónimo disse...

Que palabras tan deliciosas, eu querería ser teu gatiño Besbe!!!! Cunha dona así....!!!!