1/31/2008

"Ámote" neste entroido

Falar de entroido é pensar en Laza, Xinzo da Limia e Verín. Casualmente o libro que ando a ler agora mesmo, Ámote, é dun autor nado en Verín: Xosé Carlos Caneiro. Del tamén lin O infortunio da soidade e Un xogo de apócrifos e o que poido dicir é que ás veces facíaseme pesada a súa prosa, demasiado densa, e agora marabíllome con ela.

Gaña a marabilla porque me parece incrible poder falar e falar dun mesmo tema, darlle voltas e rebiravoltas sen, aparentemente, chegar a sitio algún e, aínda así, conseguir que sigas lendo. Ás veces paréceme que as palabras saen do meu pensamento, o cal debe ser bo porque iso é conseguir que me embeba dos personaxes e das situacións, con Ámote e Ulises Craso, o seu protagonista, estame a pasar iso. É un home que de primeiras me inspira mágoa, moita mágoa, un solitario, un triste optimista (ou á contra), un xornalista findedición...non rematei aínda o libro mais, a terceira parte que levo lido, levoume a buscar unha dirección en internet: a páxina do protagonista.

" No ordenador de casa, antes de coñecerte, recibín un correo. De Sydney, Australia. Un individuo que entrara na páxina ulisescraso.com e que lera todas as miñas ameazas de desaparición, as queixas á vida, a miña amargura (unha páxina propia en internet resulta eficaz para reprimir os delitos da soidade, para laiarse de todo e de todos, para solicitar axuda, para dar a coñecer os teus delirios e improntas e sensabores). Envioume, o australiano, un correo que dicía iso precisamente: a vida é marabillosa."

A páxina non existe e non sei se algún día existiu, pero podería ter estado ben que Ulises Craso tivese a súa impronta na rede. So era para contar iso.

De paso e falando do verinés, deixar aquí unha ligazón a De bar en bar (Os poemas prohidos), 22 poemas recitados por el e acompañado por Xosé Manuel Salgado (guitarra) e Manolo Garrido (flauta), compositores da maioría dos temas. Dos tres que se poden descargar da páxina quédome con Cando digo que te amo.

3 comentários:

A rapaza do arco disse...

Mi má!! iso é porque aínda non chegache á metade ou algo así. Para min a ese libro sóbranlle a metade das páxinas pero ben, tes toda a razón do mundo ao dicir que lle dá mil voltas e reviravoltas :D
É que eu non gostei moito del e pasei un verán traumada porque non o daba rematado pero está guai atopar outras impresións e compartilas. Un bico grande

besbe disse...

A verdade, levo todo o mes con el, hai que dicir que vou aos pouquiños e tampouco me mato moito pasando páxinas, pero quero ver en que remata o conto. Cando mo regalaron puxen a cabeza en modo Caneiro on, preparándome para a lectura, gústame se o levo con calma, a ver cando remate :)

paideleo disse...

Eu lin cinco libros del e gústanme. Hai veces que se fan pesados pero é poesía feita prosa.