8/11/2008

Pensamentos post-Valga 08

Dixo un tal Simon Frith que "a música é capaz de crear unha identidade colectiva" de feito a música folk é o que fai, conserva as raíces, a tradición de cada lugar, formando un guetiño pechado a influencias externas, reafirmando así unha identidade. Despois ven a evolución desa música e aparecen sons coma os de Luar na Lubre, Berrogüeto, Espido, Nordestinas, Milladoiro etc que tamén están moi ben e siguen espallando ese concepto de identidade fora das nosas fronteiras.

A identidade colectiva que pode crear a música tamén se ve reflexada na indumentaria, un xeito de diferenciarse/identificarse a través da estética que acompaña aos grupos e xa me paso ao pop: as raias de The Homens, a liña de roupa customizada dos Franc3s, ver aos membros de Nadadora é como mirar un escaparate de tenda de moda, as corbatas monocromas de Quant, o estilazo dos integrantes de Projecto Mourente, a camiseta-pendrive de Nouvelle Cuisine, a estética escura dos Triángulo de Amor Bizarro, The Blows tan maqueados e tan británicos(ou xa non?), Niño y Pistola agora máis guapiños e, que vou dicir...gústame moito máis esta estética, este coidado na apariencia que se nota tamén no coidado que poñen ao facer música.

Digamos que esa é a solución ao que Martin Wu dixo un día "O problema da música galega é a falta de hixiene", frase presente nun recuncho moderno deste país a rebosar palestinas e complementos da Rúa Nova en Compostela (que non digo que non sexa hixiénico, ollo, pero gústame máis ver uns pitillos, unhas Converse, unhas crachás divertidas, unhas gafas de pasta, unhas camisetas que poñan Morrissey por poñer un caso e prendas do estilo)

Falando de letras, non vou dicir que as letras popeiras sexan as máis profundas, reivindicativas ou o que sexa comparadas con calquera outro estilo musical, pero hai quen pode capear ben un temporal como Ataque Escampe ou Fanny&Alexander, que o de musicar poesía autóctona xa leva mensaxe encima.



E falo destes grupos porque son uns cantos dos que me gustan e case todos estiveron presentes no Artenativa en Valga nalgunha das súas dúas edicións, razón de máis para ter asistido: un festival cun traballazo detrás e cuns cartaces moi apetecibles e sen ter que ir buscar grupos fora de aquí, porque os de aquí tamén triunfan aló onde van.

Ía ser un pouco rancia e queixarme da pouca xente que fora en comparación con outros festivais do estilo, pero vou pensar que á terceira edición irá a vencida e que como dixo Edu de Nadadora, hai que ampliar o círculo de amigos para que o ano que ven Valga estea cheo de xente, e engado, de persoas que valoran o esforzo que fan estes rapaces e a música con denominación de orixe, que para min non facía falla que viñesen os de Galicia Escoita a dicir que montaban o Benicassim galego, porque Valga xa o é de sobra.

Despois de Valga está o tema A Polo Ghit e tamén teño a esperanza de que a terceira edición vaia a vencida, máis ca nada porque creo que o de "canción do verán" aínda non quedou claro ata agora e xa que o gañador vai ir a Laponia, digo eu que podiamos facer algo semellante ao que fixo Suecia con ABBA e o seu Waterloo, ou Israel con Izhar Cohen co Abanibi Aboebé se falamos de Eurovisión ou Rumania con O-Zone e o seu Dragostea din tei en canto a cancións do verán. Eu teño moi claro que canción debería ir (dixen que ía subornar ao Sr Pereiro, pero non son nada sutil para esas cousas e un suborno queda moi feo, así que deixo este comentario e a ver que pasa) e no caso de que Projecto Mourente non fose, outras opcións boas serían Roger de Flor ou Boy Elliot and the Plastic Bags.



Todo isto non é máis que unha opinión moi persoal, pero son estes detalles os que hai que coidar, a toda esta xente que está facendo cousas e movéndose, que teñen boas ideas (Artenativa), que son bos no que fan (os grupos que pasan por Valga), son os mellores representantes que a día de hoxe pode ter Galicia musicalmente, porque non se estancan en guetos, as identidades tamén evolucionan e enriquécense e non por iso renuncian ás súas raíces e Galiza é moito máis ca folk, máis ca ska e do que se ve en Desde Galicia para el mundo e estou segura de que lle pode interesar a xente que non é galega, que podemos deixar de pecharnos un pouco comezando por nós mesmos.

Din que estamos nun dos mellores momentos en canto a festivais e música así que non hai que facer outra cousa máis que apoialos, mimalos e valorarlle o esforzo que fan, porque son coma tesouros e sería unha pena que todo isto se perdera namais comezar e a ver se dunha vez alguén é profeta na nosa terra e que a nosa terra sexa Valga.

Apuntamentos a maiores:

-Nadadora non son ñoños, en directo sonan moi ben.
-Paréceme fatal que os da RTVG poñan Disco 2000 (nada en contra do programa, cantos máis mellor) na RG e non fagan o mesmo con Radio Oceánica (moito máis rica en opinións, gustos e estilos ao meu parecer)
-Nada máis que se me estropea o karma.


Máis do Artenativa 08

Memoria de Valga
Artenativa 08 (ou Festivalga)
Fotos


21 comentários:

A pirámide disse...

Moi ao teu carón estamos nestas opinións túas, Besbe querida.
Hai xa algúns posts que nós falabamos da descuberta da música galega alén do folk e a música tradicional grazas ao blogomillo.
Mais cremos que hai un quiste, cremos nós que xeracional na súa maior parte, ao que o sinónimo de música galega como música tradicional elle infranqueable.
Nós confiamos moito nesas novas quintas de rapaces e rapazas que medraron e medran coa música folk galega como música de fondo no seu contorno familiar e que teñen ansia dunha nova música onde a reivindicación da súa identidade como galegos e galegas non sacrifique o seu interese por músicas máis universais.
Agora hai un xérmolo disto que estamos a dicir, pero isto non fai máis que comezar.
E si a isto, engadimos uns cantos especímenes piramidais coma nós, pois mellor que mellor.

Anónimo disse...

daquela, como agora hai converse e gafas de pasta e crachas chupipiruli, non importa que en toda a música pop galega non haxa un só grupo que cuestione os relatos dominantes, que se arrime ás vangardas e que se decate de que o mellor grupo da península non son os Planetas senón Lisabö

outra vez as palmadiñas nas costas: así non se avanza

besbe disse...

anónimo/a vou supoñer que o dos relatos dominantes e o das vangardas igual o tes moi claro pola rockdelux ou o mondosonoro e que tamén che gustan as cousas chupipirulis e que o de Lisabö vai na mesma liña ca Nacho Vegas con "Diariu" ou "Lucas 15".

A min gústame o que están facendo estes grupos, o cambio de estética que conlevan e no canto de criticalos, prefiro desfrutalos e desexar que tamén alguén dentro dos medios galegos "cuestione os relatos dominantes e se arrime ás vangardas". Supoño que as cousas irán mellor se se sinten apoiados e igual aparecen (non de casualide)grupos como Lisabö ou cantantes como Nacho Vegas.

De paso recomendar a lectura, anque so sexa da portada, do último libro de Marcos S. Calveiro para relaxarse un pouco.

Anónimo disse...

supoña o que queira, supoña o que queira, e quede así tranquilo, pero na (maioría) dos grupos dos que fala non hai máis que unha imitación de cousas que eran (medianamente) modernas hai dez anos (no mellor dos casos)

aquí quen se ten que relaxar é vostede, polo que se ve

besbe disse...

Tranquila e relaxada xa estou, moitas gracias, e sigo supoñendo para tranquilizarme aínda máis que é certo que hai cousas ben máis modernas, o que non dou adiviñado é por que cando surxe algo distinto e bo hai tanta presa por machacalo e dicir "bah! eso non vale (palmadiñas nas costas) así non se avanza" e quedar tan panchos e tan tranquilos case que desprezando o traballo dos demais.

Son todos eses grupos e máis os que están comezando a facer un bo traballo e digo eu que haberá que apoialos, ou que?

Anónimo disse...

haberá que apoialos por que? haberá que apoialos se ofrecen algo interesante, como no seu día ofreceron Os Resentidos ou, se me apura, os Diplomáticos -si, os Diplomáticos, e só un pouquiño e ao principio-. se unicamente repiten paradigmas, e se amais esta repetición resulta escasamente puída, non sei porque hai que apoialos, quitando razóns de raíz xenófoba, claro.

besbe disse...

Ui, razóns xenófobas non. A música é algo moi persoal, a min estes grupos e máis que está habendo (que a vostede lle parecen obsoletos) gústanme e por iso os escoito e por iso me parece que habería que apoialos: porque me gustaría que seguisen facendo música e, por que non, darlle tempo a ver que é o que fan, que coma quen di acaban de aparecer e igual ata o/a rematan sorprendendo.

Escoitaríaos igual se non fosen galegos, pero o feito de selos faime posible asistir máis facilmente aos seus concertos e como dicía o fulano este, a música é capaz de crear unha identidade, unha estética, e por estes lares creo que facía falla (outra vez opinión moi persoal) e se eles, por ser máis cercanos, o consiguen, os meus parabéns.

sihomesi disse...

Estou de acordo coas súas apreciacións. Aforre os subornos. A ver se conto a miña experiencia no meu e-ichó (ou e-recuncho)

Anónimo disse...

anónimo, que sepas que aquí calquera pode propoñer, por qué non ofreces algo interesante en vez de criticar aos que o intentan?

por certo besbe, o de "festivalga" propúxeno hai un ano e pouco, cando estabamos comezando a armar o primeiro festival que despois se chamaría "artenativa".

grazas a tod@s os que vos pasastes por valga, bicos

Anónimo disse...

stupendo, toro noise, sssstupendo. así dá gusto.

Anónimo disse...

ui, penso que de moitas destas cousas a falamos en directo...
bicos, besbe!!!

Anónimo disse...

Os Resentidos non foran máis que unha copia de cousas do seu tempo como podían ser os Residents... Resentidos/Residents.... curiosa proximidade fonética, non si? Diplomáticos algo inovador... menos lobos carapuchiña!!! Supoño que como hai emisarios gavioteros no vieiros teremos emisarios balcanico-galaicos no blogue besbelliño... Por certo, estou seguro de que xente como The Homens... Noise Project ou Fanny e Alexander son máis que conscientes de que Lisabö é o mellor grupo de toda a península ibérica... do mesmo xeito que me dou conta eu e, polo que vexo , se dá de conta o señor este anónimo. O cal non quere dicir que Lisabö sexa a ostia de orixinal... só hai que escoitar Mogwai ou Experience para ver por onde van os tiros dos euscaros. Aproveito para dicir que Los Planetas apestan e tamén apestan os sobacos dalgúns perroflautistas yeah... son un pequenoburgués... gafapastista... galego... e pseudo-xenófobo... dame tanto noxo a british invasion como a balcanic invasion así que a meter a trompeta polo cu e deixar que a xente evolúa como quera e non como vos saia a algúns dos collóns. Rancios! Montade un grupo e deixade de foder! (como ven dixo o Toronoise) e non... eu non estou relaxado nen falta que me fai. GALEGAS MODERNAS!!!

Anónimo disse...

aí, aí, facendo país, sr. modernai, con educación e saber estar... tres insultos e douscentos tópicos.

a rañala, capullo

besbe disse...

Home, máis tópicos vexo no que vostede di anónimo, que lle anda a poñer a perna enriba a todo o que se fai aquí (e creo que iso entra dentro da categoría auto-odio, termo aborrecible).

E sobre o dos Diplomáticos, o bravú era iso que se facía "cando as guitarras chegaron ás aldeas". Xa chegaron máis instrumentos ás aldeas e o resultado non é malo, insisto.

Sugar Kane disse...

A mim é que o da "modernidade" importa-me bastante pouco, não é preciso ser moderno para fazer música interessante e tampouco é preciso fazer nada interessante para ser moderno.

Eu o maior problema que tenho coa música galega actual não é que copiem ou deixem de copiar o que se fazia há 10 anos, senão que precisamente há mui poucos discos que me pareçam realmente interessantes.

Tudo chegará, suponho, para que saia algo genial primeiro tem que haver 200 antes que não o sejam, e isso é assim aqui, em Londres ou em Tombuctu.

Por isso me parece positivo que saiam todas estas bandas novas e se façam estes festivais, porque o movimento demonstra-se andando. Eu pola minha parte desejo-lhes sorte a todas as bandas galegas novas, copiem a Lisabö ou aos Planetas, que por certo a mim si que me pareceram do melhorinho que deu o pop espanhol nos 90.

Anónimo disse...

de bravú fala vostede. para min os tres primeiros elepés de Diplomáticos resultan 73,5 veces máis interesantes que The Blows, Nadadora ou Austria. no seu contexto e arestora. se modernai quere chamar a iso perroflautismo, balcanic invasion e non sei canto, alégrome. o que non me parece de recibo é ese entusiasmo acrítico, amiguista, tinxido de nepotismo e reducionista, sobre unha escena raquítica e imitativa.

o do autoodio lembra a aquilo de 'inimigos da patria'. e sen embargo o autoodio é máis ben asentir a todo o que se faga aquí sen unha visión problematizadora da realidade. a historia repítese como farsa.

polo demais, aquí presta máis a camarilla que a discusión que outra cousa. daquela, pasen un bo día.

Anónimo disse...

e quedarás todo cheo co que acabas de dicir, anónimo. joder, é que eres a hostia colega, non te jode. ah, e fala ben anda

Anónimo disse...

guapetón, osinaga, guapetón

Anónimo disse...

a música galega non precisa de chimpos pseudomuiñeiros para ser interesante e persoalmente prefiro a escena raquítica, imitatiba e ben feita, punto pelota, e ó que non lle guste, que diga que é unha merda e que son moito mellores outras cousas imitatibas de por aí adiante, que total andamos globalizados e todo se asemella a todo

Anónimo disse...

Anónimo levo ranhando-a todo o dia e nom vejo que a cousa melhore... suponho que as minhas apreciaçons lhe parecem tópicos... igual que a mim as suas parecem-me típicas... dizer que os discos dos diplomáticos são a ostia é como dizer que Quintana vai ser o próximo presidente da Junta de Andaluzia (umha paranoia). E si é evidente que este é um blogue para colegas... do mesmo jeito que eu nom entraria em komunikando.net para tratar de lhes convencer de que The Blows vão ser os novos "Voces Ceibes" do século XXI, seria igual de paranoico que o anterior... agora entrar a questionar as nossas ideias com argumentaçons tão frouxas... quase é melhor colher umha guitarra e tratar de melhora-lo que andar a botar merda por foros tão familiares e de colegueo como este. Aquí só estamos reivindicando outros jeitos de entender a música se o que vc quer é homogeneizar as nossas escolhas entom recomendo-lhe começar por higienizar a súa boca... "capullo" que insulto mais galego :D Nom tendes nem puta ideia do que é umha vaca! (colectivo ronseltz)

Vou seguir ranhando ao melhor encontro a soluçom aos problemas do país no fundo do meu embigo como fazedes alguns...

p.s. pido desculpas polos meus novos 200 tópicos e os meus novos 2 insultos... é que nom tenho estudos (nada há pior que um pequeno-burgués sem estudos e com dinheiro) MODERNAS GALEGAS!!!

Anónimo disse...

sr. modernai, ten toda a razón.

recoñezo os meus erros e pedoe(n) se algo do que puxen os amolou.