9/22/2008

Alimentación cuestionable

Antona ten 30 anos e tamén nome de ama de cría, concretamente da que amamantou á súa nai, alá na aldea, segundo contou unha vez.Sírveme o café coqueta e achégame a xerriña de leite tépedo cun sorriso nos beizos que rompen en reflexos avermellados cando un raio de sol atravesa a ventá e chega á súa esponxosa boca.

Vémonos todos os xoves dende que vin traballar aquí. É agradabel atopar a algún compañeiro de carreira na cidade na que vas vivir. Hai pouco máis de nove meses bebiamos cervexa ata que un sorriso se asentaba na nosa cara e as gargalladas salpicaban a nosa conversa. Ultimamente eramos máis sans en canto á bebida, tiñamso debilidade polos zumes e rematou trunfando o de pexego. Antona quedou preñada e eu atopábaa máis atractiva.

As citas pasaron a ser na súa casa cando dou á luz e mudamos de novo as beberaxes. Poñía amorosamente o café no lume ao tempo que falabamos na cociña, despois iamos para a sala e ela voltaba ao pouco á cociña para traer o leite e a cafeteira logo de pasar polo cuarto do pequeno. Máis ou menos á hora de eu marchar dáballe o peito ao bebé, un acto íntimo pero tan natural que dicía que nunca lle parecera obsceno darlle a teta en público ao seu neno bonito.

Eu tomaba café con leite, cada vez con máis leite que café, excitábame facilmente e algunhas noites tardaba en quedar durmido. Non coma o Brais, que non facía outra cousa que mamar e durmir, durmir e mamar. Había días nos que demoraba a despedida e observaba coa boca aberta como o pequeno agarraba o peito da nai e sen abrir os ollos atopaba a grande mamila coa súa boquiña e continuaba así ata que fartaba de comer. Antona miraba á criatura cunha expresión que non son quen de describir, a expresión dunha nai alimentando ao seu fillo e logo mirábame a min e sacaba un tema de conversa calquera e parolabamos o tempo que duraba a boca de Brais unida á teta de Antona. Vía entón como a man collía o peito e o agochaba con coidado baixo a camisa mentres a miña mirada quedaba prendida ao momento no que o peito deixaba de ser alimento e descontextualizando pasaba a ser obxecto de desexo.

Saboreaba o último grolo de leite con café e viña ela polo corredor, o neno hoxe non ten fame ningunha. Sentou no sofá e serviuse un café máis, cos ollos preguntoume se eu quería. Quero, dixéronlle os meus ollos e axeonlleime na alfombra ao seu carón. Dun xeito natural a man sacou o obxecto de desexo desabotoando a chaqueta de punto vermella, coma o Brais a miña man pousou no peito e a boca buscou a mamila.

Non foi sorpresa ningunha recoñecer o sabor do meu leite con café na teta da miña secreta ama de cría.

O suizo Hans Locher quería utilizar leite materno no seu restaurante, quen dixo que xa probara algúns pratos cociñados con este leite posiblemente provinte da súa muller. As autoridades sanitarias ameazaron con denuncialo e desistiu da idea.

Rolf Etter, director do laboratorio de control de alimentos de Zurich dixo que "os seres humanos non forman parte da lista de especies das que é legal obter leite con fins comerciais, coma a ovella ou a vaca, pero tampouco está na lista de especies prohibidas, coma monos e primates".




Sem comentários: