A impugnación de Lama, e a explicación da cal que se pode atopar na de Jaureguízar, viña dada polo feito de que se "en construcción" estivo á vista de todo aquel que o quixese ler, de que se supostamente a obra de Eduardo estaba baseada en todos eses versos, revisados ou non coa axuda dos lectores do blogue, e outros novos...había a posibilidade de que algún membro do xuri soubese a quen pertencían (que parece que non foi así) e de que realmente a obra non fose inédita, se estaban publicados xa nun blogue... Lama, ao meu ver, ten toda a razón do mundo, posto que existe a dúbida razoable de que poidese ter habido algún incumprimento das bases do premio.
Visto que o anonimato foi garantido, o que queda por aclarar é se a obra era inédita ou non. Eduardo a través de consultas feitas a Fran Alonso ou a Miguel Anxo Fernán Vello concluiu que un blogue non se pode considerar unha edición, e Marcos S. Calveiro expresa na súa bitácora o que se considera inédito ou non. Ata aquí todo correcto, a obra era inédita dende o punto de vista legal. Entón o premio non debería de retirárselle a Eduardo.
María Lado expresa tamén que é moi normal que se presentan a concurso "obras" nas que parte dos versos xa estivesen antes expostos en publicacións como revistas ou fosen antes recitados polo propio autor.
Sorprendinme moito con toda esta información posto que se presentas unha "obra" a un concurso onde fala de obras inéditas (así en xeral) por moito que a maioría do poemario sexa inédito e supoñendo que o xuri estea enterado do que se coce a nivel galego asistindo a recitais, lendo publicacións, lendo blogues de autores...é moi fácil que uns versos che sonen de telos lido ou oído antes e polo tanto que os poidas atribuír a un determinado autor. E isto é un perigo nunha literatura onde, máis ou menos, todo o mundo se coñece, que ao final somos catro gatos así ben contadiños. Co cal entendo perfectamente a Lama e a súa impugnación.
Penso que o de inédito para concursos literarios deste tipo ten que ser máis definido nas bases porque está visto que o que xuridicamente se entende por inédito (obra publicada baixo ISBN ou obra que se poida descarregar en formato pdf, doc ou lit por poñer un caso) non sirve no caso de recitais, blogues ou outro tipo de soporte no que se difundan os contidos polo posible futuro recoñecemento da obra e autor vulnerando así o anonimato que tamén se require neste timo de certames.
Eduardo di que non vai recurrir a impugnación de Lama e penso que si o debería facer para aclarar este tema e non deixar este caso como precedente posto que non deixa contentos nin a uns nin a outros e non remata de aclarar nada posto que ao final todo queda reducido á redacción das bases pola entidade convocante e interpretación que o xuri faga delas, todo moi relativo ao final.
Para min neste caso vai quedar como gañador Eduardo e Xavier Lama como merecedor dun accésit. Iso si, tamén quero dicir que non se me ocurriría presentar un poemario procedente dun "work in progress" a un concurso deste tipo polos problemas que podería traer (e que ao final trouxo), máis ben tentaría que algunha editora o publicase debido a que é unha forma innovadora de escrita e colaboración cos lectores e no caso de que á editora non lle interesase (anque o louvasen ata o infinito dicindo que é un proceso creativo marabilloso bla, bla, bla) faría por publicalo no mesmo medio que o viu nacer, neste caso a rede (A Regueifa, por exemplo, por poñer un netlabel e por non dicir o único) e sobre os dereitos de autor case que non vou falar, como que paso.
Porque aquí, a pesar de que se trata de gañar un premio (prestixio e cartos), tamén importa moito o feito de publicar a obra en papel, que semella que é o que importa. Déixase de lado a evolución da literatura na rede en canto a facer reseñas e críticas de ebooks pero fáiselle caso cando é motivo para retirar un premio, por poñer un caso. Penso que as editoriais teñen un traballo que facer poñéndose a traballar co abano que a rede lles permite utilizando catálogos de libros on line daquelas obras que pasen un mínimo de calidade exixida coa opción de impresión baixo demanda (o papel sigue tendo o seu peso) por iso de non sobrecargar os estantes das tendas de libros nin o sistema literario galego.
Polo demais, o feito de que neste caso os poetas teñan que recurrir a versos, poemas etc que xa recitaron, xa publicaron noutros soportes etc para incorporalos ás súas obras dime moito da precariedade literaria deste país, co cal ideas coma as da Axencia Literaria Galega para promover a carreira literaria dos autores e a prol dunha profesionalización dos escritores parécenme do melloriño que en moito tempo apareceu por estes lares, da contra haberá que darlle a razón a Steiner (e eso doe moito, moito, moito).
Como pinga para facer rebosar o vaso non estaría mal que aproveitando este debate sobre o édito e o inédito se falase do que xa outros compañeiros como Mario Regueira, María Lado ou Alfredo Ferreiro teñen dito: Arsenio Iglesias, o X Premio Avelina Valladares e a súa obra premiada pero inédita a efectos legais Ático.
Hoxe, máis ca nunca, o hipertexto é literatura.
A boa nova: Construccións será publicado en edicións positivas.
4 comentários:
Alégrame concordar con vostede, BB. Estaba eu sentíndome demasiado só.
Pois eu alédome de que neste caso non concordemos.
Só para que se vexa que non concordo de xeito automático con todo o que escribes XD
Para min as bases teñen unha finalidade clara, evitar que libros xa publicados en papel quiten a posibilidade de edición a novas obras.
E se esiximos o anonimato... Non haberá xente que por temática ou estilo nunca podería ser anónima? (e falo hipotéticamente)
As bases son as que son, e como están escritas deben ser lidas e interpretadas.
pois eu acho que eduardo faz bem em nom meter-se em leas legais porque como já bem se disse afinal os autores teram de contar com avogados na casa antes de se apresentar a um premio. fica bastante feio ter de recorrer á lei.
no do work in progress afinal o que tamos demonstrando é que seguimos com miras mui curtas na nossa literatura. lembro o caso de j.k.rowling que publica e edita os seus work in progress e ninguém duvida de ir mercar os seus libros finais ou de dar-lhe premios. acho que foi mesmo bom as pequenas reflexons que se disseram estes dias para a nossa literatura.
o júri? perdeu a oportunidade de apostar por vias novas e demonstrar qual era a razom de que lhes pagassem tam bem por tomar decissons.
beijossss
internet é xa un sitio tan válido como o papel para publicar e as bases deberan recoller explícitamente esta realidade...unha cousa é que un estilo poida ser descuberto como di ghanito e outra asinalo con nome e apelidos violando calquera premisa de anonimato. Tamén habera que telo en conta en certames de fotografía, ilustración, ou banda deseñada. Publicacións na blogosfera non serán inéditas.
Enviar um comentário