Despois está a pranta, non é unha aspidistra tramposa coma a de Orwell. É moi semellante pero ten flores, Spathiphyllum Sweet Chico para máis señas, que inconscientemente rego so cando se murcha, cando está a piques de esmorecer...algo inhumano se o penso de xeito intenso. E ela resiste, é case a única que resiste nesta casa, anque xa a atopei por tres veces no chan cando o vento entrou desmesuradísimo pola ventá coa súa presenza avasalladora. Aínda así continúa, intensa, e recibe as miñas miradas de admiración.
Diante, o camiño, que é coma o día que nevou e o branco todo o cubriu. Silenciosas folerpas contra o parabrisas tapando os sinais que indican o camiño. Así se inunda toda a noite, nese xeito real e afogador, facéndome minúscula e desamparada, ata que me dou conta de que non preciso das rodeiras doutros coches no meu camiño, porque é o meu camiño de folerpas.
E agora está mañá, que foi o día de onte, sentíndome extraña ao pasear pola cidade iluminada ata que chega ese momento exacto, o momento preciso no que diante dun café, diante del, arrolada polas conversas da xente, sinto que o peso do mundo non está nas miñas costas e descubro que me sinto ben.
Sem comentários:
Enviar um comentário