11/10/2006

Real Flickr

Encántame que a vida real se encha da vida virtual.

Café de Macondo, rúa de San Andrés nº 106. A Coruña.

11/07/2006

III. Suicidarasme algún día

Xa non nos aturamos, ese foi o día.

O día que anoitecín e tiven que fumar para poder durmir,
o día que me inquietei cando xa non quedaba nada máis para beber,
o día que desexei que as miñas mans fosen as túas
mentres tiña vontade de foder...
con todos eses días, fixen unha úlcera no estómago
e vomitei.

Botei flemas negras que envelenaban o corazón,
caín no chan coa miña cara a afogar nos restos dunha choiva de cervexa
mentres o fígado verquía sangue escuro no meu interior.

Despois desa degradación tan humana, espertei e vinte.
Vinte de cada vez que abrín os ollos porque sempres estiveches.
Notei na caluga os teus ollos, fora das coveiras, mirando para un corpo tendido,
souben que non me abandoaras porque a través das interferencias dos meus oídos
chamáchesme cousas ruíns e as máis tenras tamén
e as primeiras, meu ben, fixéronte temeroso aos meus ollos.

Laváchesme o corpo e acordei cos teus brazos arredor,
arrepentida.
Arrepentida e leda de saber da túa dependencia por min.
A ciclotimia da miña vida, dominarate.

Estou enferma de ti.

11/06/2006

I. Si que me gusta

Nin espero por ti, nin esperas por min. Eu voute atopar e ti has de vir.



Rinôçèrôse - Bitch

11/05/2006

Madredeus - Amor infinito

Madredeus-Amor infinito



Disfrutámolo moito.

(Vale, está claro que non me vou adicar ao tema audiovisual)

11/04/2006

A Torre de Hércules


Na entrada do Concello de A Coruña teñen un libro de firmas para conseguir a declaración da Torre de Hércules, por parte da Unesco, como Patrimonio da Humanidade. Xa o tentaran hai 4 anos. En Galicia xa temos a Cidade Vella de Santiago de Compostela (1985), o Camiño de Santiago (1993) e as Muralla Romana de Lugo (2003) declarados como tal. As Médulas tamén teñen esa honra dende o ano 1997.

España é o país con máis lugares declarados como Bens do Patrimonio da Humanidade, cun total de 39, por iso ten que restrinxir as súas candidaturas a unha ao ano para equilibrar a representación dos estados na Lista de Patrimonio Mundial. Este ano, a sorte tívoa a Ponte de Bizkaia.
Das lendas que falan sobre este faro, hai unha que é a que adxudica a súa construcción a Heracles que, vencendo a Xerión nun dos seus 12 traballos encomendados, enterrou a súa cabeza debaixo da Torre. Arredor da Torre fíxose un parque escultórico que ten referencias a estes traballos de Hércules, e explícano moi ben aquí, os rapaces do I.E.S. de Adormideras.

Así é que o concello de A Coruña ten no seu escudo á Torre de Hércules dende 1448, e os osos e a calivera que hai debaixo dela representan ao xigante Xerión. Non é para menos, tiña a mesma importancia xeográfica que o desaparecido Faro de Alexandría, ou así o facía ver hai case mil anos no "Mapamundi" o Beato de Burgo de Osma.

Eu fun firmar hoxe no libro ese. Fun firmar por todas as veces que fun ver o Atlántico ao seu carón, por todas as veces que se ve emerxer maxestuosamente e silandeira entre a néboa , por todas as veces que estando de noite na praia seguía os seus pulsos de luz e por toda a xente que a leva visto neses 2000 e pico anos que leva en pé.

Digo eu que, se ides (a) A Coruña (a min tamén me gusta), non estaría de máis facer o mesmo.

10/26/2006

10/22/2006

Gloomy Sunday

Historias de posibles ceas e comidas

1. Vermú e aperitivo.

Un señor púxose a muxir a vaca. A vaca era algo revoltosa e doulle a unha pata para atrás e tiroulle co caldeiro ao señor. Este, algo enfadado, colleu e atoulle a pata para que quedase quieta. A vaca mosqueouse algo e, cando o señor se puxo outra vez ao tema despois de voltar a colocar o caldeiro, colleu e coa outra pata voltou a tirarllo. O señor xa se enfadou algo máis, "vas ver ti", pensou, e atoulle tamén a outra pata.
Á vaca nin gracia lle fixo, e agardou a que o home estivese outra vez disposto a muxila e daquela doulle co rabo en toda a cara. O home nin o pensou dúas veces, colleu a banqueta na que estaba sentado, agarroulle o rabo e levantoullo coa idea de atarllo ao teito...nesa postura tan estirada vai e cáenlle os pantalóns e nese intre entra un veciño na cuadra e ao ver o panorama dille:

- Oe, e ti que andas facendo?
- Estou follándome a vaca, porque se che digo que a estou muxindo non me vas a crer.

Outra de vacas vista en avant-dernières pensées (penúltimos pensamentos):

Unha amiga a outra: "Estou me sentindo como uma vaca sagrada na Índia. Ninguém me come!"

2. Primeiro prato.

Un leonciño feliz cunha mosca revoltosa arredor del. A mosca vai e póusaselle nunha cacha e el dalle co rabo para espantala. A mosca sae voando ao momento e de alí a pouco vai e póusaselle na outra cacha e o leonciño de novo dalle co rabo para que lisque. Despois dun anaco voando dun lado para outro, a mosca colle e póusaselle no fuciño e visto que co rabo non lle chegaba, laaaam dalle un lingüetazo e a mosca queda K.O.
Moralexa: o que non poidas facer co rabo, remátao coa lingua.

3.Segundo prato.

Un formigueiro enteiro quere cruzar un regato porque ao outro lado hai un lote de comida. Despois de pensar moito, moito tempo en como atravesalo, deciden que o mellor vai ser xuntar un lote de paus e restos de pallas para construír unha ponte. Están todas atarefadas cargando palliñas e pauciños e non avanza a obra. Daquela pasa por alí un coello todo roñoso, con pinta de descoidado e ao ver os traballos que pasan ofrécese a levalas a todas encima do seu lombo e dun chimpo pasalas ao outro lado do regato. As formigas despois de moito pensalo e de ver a mugre da pelamia, agradécenllo e dinlle que non e continúan coa súa ponte que xa levaban os traballos moi avanzados. Xusto despois diso e de que o coello liscase, púxose a chover e a auga que baixaba polo regato abaixo levoulles a ponte por diante e quedaron sen ponte, sen coello e sen comida.
Moralexa: máis vale coello roñoso que mil pallas.

4. Postre.

Unha parella de recén casados moi católicos, que entre moitas outras cousas leron esta páxina e non quixeron incurrir na ilegalidade, chegan á súa noite de vodas todos nerviosos e consuman o seu amor. Despois da paixón e desenfreo o rapaz dille á súa muller:

- Tes que perdoar se te lastimei porque non sabía que podía chegar a ser tan bruto.
- Tranquilo, que se non soubese que es tan bruto igual quitaba as medias.

5. Café.

Un amigo a outro:

- Onte soñei contigo.
- E que soñaches?
- Que ti eras rama e eu era vento.
- E que pasou?
- Que te movía e que te movía e que te movía...

Para entendelo algo mellor haberá que recurrir ao diccionario de lunfardo (a buscar o verbo mover aí).*

6. Sobremesa e cigarro.

Como curiosidade, resulta que hai quen ten reticencias a encender tres cigarros seguidos co lume do mesmo chisqueiro. Pregunto por que e a resposta foi esta:

Durante a Segunda Guerra Mundial mentres se estaba nas trincheiras de noite os soldados fumaban, a luz dos chisqueiros ou dos mistos podíase ver dende a liña enemiga. Se había alguén mirando, o primeiro cigarro que se encendía valía para cargar a arma, o segundo para apuntar e o terceiro para disparar, e xa había un soldado morto. Por esa razón din que da mala sorte.


*Para rematar, dicir xa a maiores que o lunfardo ven sendo a xiria que empregaba en Bos Aires a xente de peor vivir, ladróns, presos etc e que se enriqueceu a base de moitas expresións que levaron os emigrantes italianos. Remexendo pola rede vin que nos aportou unhas cantas palabras, entre elas, autobombo:1. m. fest. Elogio desmesurado y público que hace alguien de sí mismo.

Bo proveito.

10/18/2006

Buscando,buscando.

Andaba buscando a ver de que ía o concerto que ía dar un amigo, que me dixo que era en homenaxe a alguén, este xoves no Ágora café(rúa Orzán 27-29, na Coruña, claro) e ao final remato supoñendo que será en homenaxe a Sabina... Acabo de lembrar que é concerto homenaxe a Quique González ,o conto é que me da que non vou poder ir, ou si, eu que sei.

A onde non me disgustaría nada ir sería ao Erasmus Sound Festival 2006, a celebrar o 10 de novembro no Coliseum (tamén da Coruña) anque namais sexa para ir ver a Pony Pony Run Run e a Soardy . A ver se podemos.

Polo demais, aproveito para dar as gracias aos colaboradores da aventura "Buscando gaiteiro desesperadamente" do venres tarde e sábado mañá desta pasada fin de semana: postscriptum, Fátima, Damián, Iago, Rubén, Moncho, Alizinha, Santiago, Guille, Arduina, dorfun, Checha e Noa da Repichoca, Aaron, Dani, Álex, Antón, Dubi, Richi, Pablo, Troitiño, ao gaiteiro anónimo e finalmente the Oscar goes to...Pedro!!!. E perdón polas molestias... procrastinación mala cousa (pero as circunstancias obrigaron)