5/01/2008

Estimulación excesiva

Agonía

Ignoro a vida media das flores de cidade, pero estímoa escasa: a contaminación, algún acto vandálico no que se vexan envoltas, o mareo de non saber cando é día e cando noite...escasa.

Acontece que chegou ás miñas mans un tulipán que residía á beira dos Xardíns de Méndez Núñez unha noite calquera. Estaba aberto, supoño agora que porque tiña unha farola iluminándoo xusto enriba del. No traxecto que me levou a unha cafetaría preto da casa foise pechando, lentamente, morrendo nunha agonía silenciosa por falta de luz e verse a flor arrincada e privada do seu sustento.

Pouseina na mesa da cafetaría, tremendamente iluminada esta e quedei mirando para ela. Mirando cun asombro infantil os pétalos abrir, dun xeito lento, nunha certeza de vida, nunha resposta absurda a un estímulo lumínico, dun xeito autómata. Deixei morrer esa flor que na noite aínda se mantiña aberta e que, se poidese, de seguro que emitiría sons desagradables mentres morría tentando redirixirse á luz, tentando que a savia seguise fluíndo por todo o seu ser, tentando, quen sabe, dar unha chamada de atención co seu recendo exquisito. Pero rematou a súa vida semi-estática diante de min sen que fixese nada máis que mirala e observar a súa reacción ante a luz que lle daría vida en circunstancias normais e que non era máis que un estímulo ao que de xeito mecánico reaccionaba aínda tendo a certeza de que non lle serviría de nada máis que gastar enerxía e levala á morte.

Era unha flor bonita. Cando xa non foi, nada lle doeu. A dor ten unha compoñente emocional e por tanto subxectiva...un vexetal o máis seguro é que reaccione a un estímulo calquera pero non creo que o procese máis alá da sensación. Un ser humano si e a agonía nos últimos días de vida de calquera persoa ben merece que a eutanasia sexa algo máis ca unha palabra.

Asociación DMD

(realmente isto comezou porque non me gustaría tentar revivir cando estou recibindo estímulos por outro lado que me indican que non me vai valer a pena, que sigo morta. se morta estou, se morta vou estar, morta quedo)


Anatomía dun café

Nos días que non hai que madrugar adoito espertar coa luz do sol, cedo. O cristal da ventá deixa pasar a claridade e as miñas retinas son sensibles ao gradual cambio de luz, as pálpebras ábrense sen ser eu consciente e volvo á realidade abandoando as ensoñacións. Isto último é incorrecto...vivo nun mundo de fábula (que non fabuloso).

Aínda queda hora e media para que o móbil comece a emitir os sons que o resto da semana fan que bruscamente me incorpore do leito para completar de xeito automático outras 24 horas de indigno traballo. E cando digo indigno é porque día tras día hai que enfrontarse a inxustizas froito da xenética, de axentes externos, factores ambientais, de idiopatías que provocan co tempo que a propia persoa non se recoñeza a si mesma. Indignamente dignificante ou dignamente indigno. A min gústame, doutro xeito non o faría.

Gusto tamén de preparar café con tempo, para tomalo sen présa na miña taza preferida: unha verde que di MU, un regalo dun amigo imblogsible que aínda descoñezo (quen es?) por non poñerme a facer combinacións probables porque, ás veces, non saber ten o seu atractivo e son moitas as ocasións nas que non quero ser consciente, nas que non quero que remate a maxia. Máxico foi tamén o ano no que recibín este agasallo que coido como ouro, máis ca nada porque todo semellaba que ía ir ben. E mal non foi, so mudou o rumbo dun xeito máis ou menos satisfactorio. O que quero dicir é que me gusta moito a taza e que a encho día si e día tamén de café. Café de pota, porque non teño cafeteira italiana.

E disecciono os tipos de café. Café con compañeiras de piso de conversas infinitas, café prenamoramento, café insomne, café diplomático, café primaveral con raios de sol, sabas e pel núa, café diario mecánico, café de sobremesa, café dominical, café e nicotina nos teus beizos...e o de hoxe é café con teclas.

Eu quería dicir que teño un pasado e que o café na miña taza preferida fixo que pensase nel, e quería dicir que se tivese unha goma de borrar, o caderno da miña vida tería amnesia selectiva, ou mellor aínda: se o soubese antes, as páxinas escritas con zume de limón serían escritas con tinta chinesa para non ter segredos ou non serían escritas nunca. Pero o libre albedrío non é retroactivo e todo está feito, agora aos limóns voulle dar trabadas e, anque son máis de doce, tamén teño papilas gustativas para o amargo e terei que acostumalas a distinguir ese sabor para non envelenarme por erro.

A miña lingua e o zume de limón, a cervexa, o café...amargos todos. E gústanme eses velenos, son velenosa, coma o alacrán e cando ataco por instinto desexaría que as víctimas non fosen alérxicas. Isto último pertence ás páxinas que agora se escriben con tinta chinesa e, coma toda calígrafa inexperta, estou deixando borranchos negros por toda a superficie, manchas na pel que tardarán en borrarse das miñas mans.

Miro as mans e redescubro as mínimas telanxiectasias que, como outras imperfeccións, me caracterizan. Perdín totalmente o fío do que quería diseccionar...quixera ser Gray e ser quen de describirme para min mesma con tanto detalle como el fixo, pero remato sendo redundante e horas despois de abrir os ollos, de espertar doutro sono máis, penso en Escher, en que son a miña propia referencia, en que todos somos infinitos ata que nos poñen fin na memoria, que son un bucle egoísta que se centra nos restos dun café que queren ser unha magdalena e non son máis que unha mexericada melancólica calquera que nin debera ser escrita.

Pero a min gústame escribir sen motivo.


4/26/2008

Por fin chegou o AVE a Galicia

Todo vai chegando, o bo e o malo. Touriño firmou con Carmen Caffarel un acordo de cooperación entre a Xunta e o Instituto Cervantes. Din uns que o Instituto Cervantes potenciará nos seus centros os cursos de lingua galega, que aumentará os libros en galego nas bibliotecas deste organismo e que a Xunta poderá proporcionar contidos culturais e académicos aos portais do Instituto Cervantes na rede. Outros danlle máis importancia á outra parte do acordo: deste xeito a Xunta apoia a implantación e difusión do AVE (Aula Virtual de Español) para a aprendizaxe do castelán por internet e ao fomento da participación de empresas galegas nas actividades que a Xunta e o Instituto Cervantes leven a cabo de forma conxunta.

Ao igual que o outro AVE (Alta Velocidade Española), todo isto ten a súa parte boa e mala. Para a xente de fora será marabilloso, o que queira estudar galego no Instituto Cervantes de seguro que o poderá facer segundo este acordo, máis seguro que non de xeito virtual na páxina da Aula Virtual de Español. Tamén poderá vir quen queira da meseta no ano 2000-vai ti a saber cando, nun tren de alta velocidade. Nada diso é malo, está moi ben a promoción no exterior.

O problema é dentro do país. Que precisa facer o Instituto Cervantes en Galicia? Que clase de actividades de forma conxunta vai levar a cabo coa Xunta? En que idioma as levará a cabo? Supoño que como Instituto Cervantes que é, serán feitas en castelán. Tampouco é que me pareza mal, está ben, estamos en España e é o idioma que a maior parte dos españois adoitan falar. O conto é que se en Galicia se fala galego (e quero pensar que unha grande parte da poboación así o fai) e se o galego é promocionado polo mundo adiante, non sería ben promocionalo tamén no único lugar onde realmente continúa a ser rexeitado? Si, estaría ben.

Pero de novo pasa como co tren, facemos kilómetros de camiños de ferro con man portuguesa a paso de caracol (xa non de tartaruga) para estar mellor comunicados co resto de España, para que as grandes cidades de Galicia estean máis preto unhas doutras pero...que acontece con esas pequenas estacións chamadas apeadoiros? Desaparecen. E con elas todos os usuarios que teñen a opción do tren como a máis cómoda e proveitosa para viaxar.

Ser minoría é o que ten, que te acaban facendo desaparecer. Sei que os que viaxan dende Vigo á Coruña odian tanta parada, pero os que suben neses apeadoiros tamén teñen dereito a viaxar e coller o tren (para ir a traballar, a estudiar...esas cousas que fai a xente) e Renfe debería ofrecer unha solución a todas esas persoas que teñen a vía preto da súa casa (ou o Goberno da Xunta darlle un toque).

Por outra banda, Touriño podía estar máis atento ao que anda acontecendo na casa cos tangas, con tanta opinión anti-galego nos medios de comunicación, nas propias subvencións a prensa galega que non emprega a lingua galega para nada e que cando a utiliza é de xeito anecdótico, e deixar claro que o de rotular en galego é o máis normal do mundo e, por suposto, prepararse un Celga 4 ou 5. E está ben o que di do Instituto Cervantes e a imaxe que dá: "España plural, unida e diversa, desa España consciente de que a súa pluralidade lingüística e cultural é un dos seus maiores activos e un valor que nos fai a todos máis ricos”, pero é que ás veces convén mirar un pouco máis para a casa, non vaia ser que en Galicia a pluralidade vaia a converterse nun problema, non vaia ser que expresarse en galego sexa un acto que algúns queiran extinguir ao igual que os apeadoiros de Renfe. E pode mirar para outro lado, pero están aquí: e non son eu a que o digo, que o din eles mesmos definíndose así: En defensa de la libertad de idioma en la enseñanza, y contra la normalización lingüística en Galicia. Contra a normalización lingüística en Galicia, máis claro...


4/25/2008

Ciganos

Amnistía Internacional solicitoulle á Xunta que poña en marcha un plan autonómico contra o racismo que inclúa medidas específicas de carácter político, social, económico e educativo para tratar de paliar a situación de discriminación que afecta a comunidades como a xitana e aos inmigrantes.

Chego a entender que o tema da droga o poñan por diante para rexeitar a veciños ciganos (ou xitanos, que non sei cal sería a palabra correcta), pero se esas manifestacións se levasen a cabo contra todo payo que soubesen traficante, entenderíao mellor. Con todo, os conflictos creados polo realoxo dos chabolistas de Penamoa e do Vao, a ver se valen para que os Servizos Sociais sigan traballando máis e mellor no tema da integración.

Polo demais, so penso que deberiamos vivir coma a xente e ser algo menos racistas, que algo diso creo que si que hai detrás de tanta manifestación (algo diso e un pouco máis de inquedanzas políticas)

Máis:
Quen tira a primeira pedra?
Aquí non
Callejeros: Penamoa

4/24/2008

Enjuto Mojamuto

Despois de ver a Enjuto Mojamuto instalando Ubuntu, lembrei o meme pendente (outro) que tiña, convidada da man da Pirámide. Vai o meme e o meu video preferido de Enjuto:

Enjuto Mojamuto-El peor día de mi vida


Voz en off> Cantas horas ao día de media pasas conectad@ a Internet?
Enjut@> Entre catro e seis horas e despois de ver en The Inquirer que se se pasan máis de 30 horas á semana navegando por Internet es un ciberadicto e precisas tratamento, rematei pensando o obvio: Enjuto somos todos.
Voz en off> Cantas contas de correo tes?
Enjut@> Tres.
Voz en off> De cantas redes sociais es?
Enjut@> Flickr, Last.fm, twitter, chuza! (se se considera rede social, que eu si) e xa non contamos o facebook que me rematei aburrindo do conto. O youtube tamén vale? Blogomillo? (non, que está morto)
Voz en off> Que che gusta máis para expresarte: o blogue, a wiki, flickr ou twiter?
Enjut@> O blogue e non me preguntes por que.
Voz en off>Cantos blogueir@s coñeces persoalmente?
Enjut@> Moitos/as...non quedamos que son coma os cus e que cada persoa ten un? E sigue sendo certo que uns son máis bonitos e apetecibles ca outros.
Voz en off> Cant@s blogueir@s les habitualmente?
Enjut@>Pois non teño intención de poñerme a contalos, pero tamén moitos/as.

e quen queira facelo que o faga!


4/23/2008

Máis libros, máis libres

Máis libros, máis libres é a frase escollida pola Consellería de Cultura para a campaña de promoción do libro e da lectura. Totalmente de acordo, máis libros e máis libres, por iso me gusta o traballo de A Regueifa, de Estaleiro Editora e de todo aquilo que veña utilizando as licenzas Creative Commons. E isto estase a facer aquí, en galego, porque os libros viven nas linguas dos que os escriben e dos que os len e tanto dá que os leas en papel coma en formato dixital, o que importa é que estás saboreando as palabras que ese autor che está regalando. Ademais, este ano foi proclamado pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas o Ano Internacional dos Idiomas, e este foi o discurso de Koichiro Matsuura, Director Xeral da UNESCO:

No 2008, este acontecemento brinda unha nova oportunidade aos responsables políticos, aos axentes económicos e aos protagonistas da sociedade civil para que rindan tributo, cada un no seu ámbito, a ese instrumento singular da cultura, a educación, a participación, a comunicación e o esparcemento: o libro.
Pola súa contribución á creación e preservación da urdimbre educativa, cultural e económica das nosas sociedades, o libro desempeña nelas funcións múltiples e fundamentais.

Obra do inxenio humano protexida polo dereito de autor, que alimenta o patrimonio inmaterial da humanidade, o libro é ao mesmo tempo unha mercadoría, e esa dualidade púxose de relevo e analizouse en diversas ocasións. Daí que o libro sexa o eixo de toda unha cadea de actividades e profesións xeradoras de ingresos e un compoñente importante do desenvolvemento económico.

O feito de que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas proclamase o 2008 Ano Internacional dos Idiomas invítanos a examinar outra dimensión do libro, complementaria ás anteriores: o aspecto lingüístico da edición.

En efecto, o libro é un medio de expresión que vive na lingua e grazas a ela. Cada libro escríbese, prodúcese, intercámbiase, utilízase e estímase dentro dun marco lingüístico determinado. Ao escoller a súa lingua de escritura, o autor selecciona tamén aos seus lectores, que han de ser capaces de comprendelo. A traducción permite tender pontes lingüísticas que aportarán libros e lectores novos.

Cando un idioma carece de acceso ao mundo editorial, atópase excluído (ao mesmo tempo que os seus falantes) de gran parte da vida intelectual e a actividade económica da sociedade. Isto explica a importancia que ten o desenvolvemento do plurilingüísmo por conducto da traducción.

No momento no que a proclamación do Ano Internacional dos Idiomas trae a primeiro plano da actualidade internacional a cuestión das linguas e o plurilingüismo, é máis preciso ca nunca reflexionar sobre o porvir do libro en tanto que vehículo de expresión e de recoñecemento lingüístico.

Nese contexto, é urxente que se dote ás linguas dun acceso máis amplo á edición, coa fin de fomentar o intercambio de libros e de contidos editoriais e, por tanto, a "libre circulación das ideas por medio da palabra e da imaxe" que proclama a Constitución da UNESCO.

Neste décimoterceiro Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, convido solemnemente a todos os Estados Membros, aos asociados e amigos da UNESCO a que nos acompañen na reflexión e na acción, a fin de que a función do libro e a lectura obteñan pleno recoñecemento, para beneficio dun mundo capaz de reivindicar, na teoría como na práctica, un plurilingüismo auténtico.


Koichiro Matsuura


Visto en Papel en blanco


4/13/2008

De podcasts

Pois si, tamén hai podcast de Proxecto Identidade e vai ser que son capaz de soportar a miña propia voz, vós non sei.

Está claro que sempre se pode facer mellor, pero todo é poñerse. E isto, sigue en pé.



4/09/2008

Meme dos regalos

Convidada por Mario e pola rapaza do arco a este meme, estiven pensando cales foran os peores regalos que me fixeron. O conto é que malos, malos non houbo, pero si uns pouquiños que non cheguei a usar nunca porque non cadran moito comigo e aquí están:

1. Un xersei rosa cantoso desa lá que pica, de cuello super-alto.

2. Un bolso de man de Tous que cadra máis con outra persoa calquera que comigo.

3. Outro bolso de cor rosa pau, moi chusco o bolso se non fose pola cor.

Agora que me decato, os tres regalos foron feitos pola mesma persoa e os tres son rosa. O problema é que esa persoa dame que ten un concepto de min totalmente errado e que, anque me gusta moito o rosa, non acertou nas tonalidades.

Agora ando pensando como facer frente a outra argallada que comezou cunha fotografía de oko feita por Caufield, pasou a fer, converteuse en meme cun comentario de Modesto e que ghanito acaba de seguir.


4/07/2008

Síntome coma a tipa de atrás

The Raveonettes-You want the candy


e quero ser a que canta

Letra



Un berro intencionado

The Beatles-Help!


Reeditando: a vida é unha merda.