9/06/2008

Libros e redes sociais

A día de hoxe hai redes sociais para todo e coa leria do Steiner e co anuncio o outro día que Amazon mercaba Shelfari, acordeime de LibraryThing, outra biblioteca virtual que descubrira no 2006. Ao final, as redes sociais relacionadas con libros que atopei quédanseme en cinco:

Librarything.com

Shelfari.com

Goodreads.com

Librofilia.com

anobii.com

Despois de botarlle un vistazo a todas quédome con anobii, con base de operacións en Hong Kong e que escolleron ese nome porque eran as primeiras sílabas de Anobium Punctatum, uns insectos tamén chamados piollos dos libros que viven alimentándose dos fungos que medran na cola e no pegamento dos libros. Anobii ten unha inferface similar a Shelfari e está traducido a varios idiomas (ao galego aínda non) ofrecendo a posibilidade de colaborar, e catalógache os libros lidos segundo o idioma, ademais de atopar xente próxima aos teus gustos.

Respecto ao idioma, Shelfari e Goodreads só están en inglés, LibraryThing ten a opción de escoller todos os idiomas peninsulares agás o galego e Librofilia, como comunidade hispana, está en español.

Considero que estas redes sociais tamén son unha maneira de espallar a literatura galega pola rede adiante, agora que semella que hai tanta preocupación polo tema e o descoñecemento por parte doutros da nosa literatura.

Así que se queredes...www.anobii.com/besbe

Acabo de atopar un grupo Last.Fm Readers, moi social todo isto.



8/18/2008

Megalitismo en Galiza dende Andalucía

Acaba de chegarme á casa o PH67, un boletín gratuíto monográfico do Instituto Andaluz do Patrimonio Histórico, que desta vez trata do Patrimonio Megalítico na Península. A parte que lle corresponde á Galicia desenvolveuna Fernando Carrera Ramírez, da Escola Superior de Conservación Restauración Bens Culturais de Galicia. E falo disto porque non hai unha sen dúas e mesmo, ás veces, dúas sen tres.

Volve a anunciarse que a Consellería de Cultura e Deporte vai declarar BIC 48 cámaras megalíticas e supoño que seguirán as propostas que neste monográfico Fernando Carrera propón, baseadas todas elas na protección patrimonial e na limitación dos recursos destinados ao patrimonio arqueolóxico, que como el di, ata o de agora "Si nos referimos a los cuidados que merecen los ortostatos con arte prehistórico, el análisis se vuelve bochornoso: se trata de la más antigua expresión artística hoy por hoy conocida en Galicia, que desaparece poco a poco ante la apatía general". A ver se desta vai.

Ademais diso, dicir que a foto que abre a sección do megalitismo en Galiza fíxena o día que fomos visitar Dombate.




8/11/2008

Pensamentos post-Valga 08

Dixo un tal Simon Frith que "a música é capaz de crear unha identidade colectiva" de feito a música folk é o que fai, conserva as raíces, a tradición de cada lugar, formando un guetiño pechado a influencias externas, reafirmando así unha identidade. Despois ven a evolución desa música e aparecen sons coma os de Luar na Lubre, Berrogüeto, Espido, Nordestinas, Milladoiro etc que tamén están moi ben e siguen espallando ese concepto de identidade fora das nosas fronteiras.

A identidade colectiva que pode crear a música tamén se ve reflexada na indumentaria, un xeito de diferenciarse/identificarse a través da estética que acompaña aos grupos e xa me paso ao pop: as raias de The Homens, a liña de roupa customizada dos Franc3s, ver aos membros de Nadadora é como mirar un escaparate de tenda de moda, as corbatas monocromas de Quant, o estilazo dos integrantes de Projecto Mourente, a camiseta-pendrive de Nouvelle Cuisine, a estética escura dos Triángulo de Amor Bizarro, The Blows tan maqueados e tan británicos(ou xa non?), Niño y Pistola agora máis guapiños e, que vou dicir...gústame moito máis esta estética, este coidado na apariencia que se nota tamén no coidado que poñen ao facer música.

Digamos que esa é a solución ao que Martin Wu dixo un día "O problema da música galega é a falta de hixiene", frase presente nun recuncho moderno deste país a rebosar palestinas e complementos da Rúa Nova en Compostela (que non digo que non sexa hixiénico, ollo, pero gústame máis ver uns pitillos, unhas Converse, unhas crachás divertidas, unhas gafas de pasta, unhas camisetas que poñan Morrissey por poñer un caso e prendas do estilo)

Falando de letras, non vou dicir que as letras popeiras sexan as máis profundas, reivindicativas ou o que sexa comparadas con calquera outro estilo musical, pero hai quen pode capear ben un temporal como Ataque Escampe ou Fanny&Alexander, que o de musicar poesía autóctona xa leva mensaxe encima.



E falo destes grupos porque son uns cantos dos que me gustan e case todos estiveron presentes no Artenativa en Valga nalgunha das súas dúas edicións, razón de máis para ter asistido: un festival cun traballazo detrás e cuns cartaces moi apetecibles e sen ter que ir buscar grupos fora de aquí, porque os de aquí tamén triunfan aló onde van.

Ía ser un pouco rancia e queixarme da pouca xente que fora en comparación con outros festivais do estilo, pero vou pensar que á terceira edición irá a vencida e que como dixo Edu de Nadadora, hai que ampliar o círculo de amigos para que o ano que ven Valga estea cheo de xente, e engado, de persoas que valoran o esforzo que fan estes rapaces e a música con denominación de orixe, que para min non facía falla que viñesen os de Galicia Escoita a dicir que montaban o Benicassim galego, porque Valga xa o é de sobra.

Despois de Valga está o tema A Polo Ghit e tamén teño a esperanza de que a terceira edición vaia a vencida, máis ca nada porque creo que o de "canción do verán" aínda non quedou claro ata agora e xa que o gañador vai ir a Laponia, digo eu que podiamos facer algo semellante ao que fixo Suecia con ABBA e o seu Waterloo, ou Israel con Izhar Cohen co Abanibi Aboebé se falamos de Eurovisión ou Rumania con O-Zone e o seu Dragostea din tei en canto a cancións do verán. Eu teño moi claro que canción debería ir (dixen que ía subornar ao Sr Pereiro, pero non son nada sutil para esas cousas e un suborno queda moi feo, así que deixo este comentario e a ver que pasa) e no caso de que Projecto Mourente non fose, outras opcións boas serían Roger de Flor ou Boy Elliot and the Plastic Bags.



Todo isto non é máis que unha opinión moi persoal, pero son estes detalles os que hai que coidar, a toda esta xente que está facendo cousas e movéndose, que teñen boas ideas (Artenativa), que son bos no que fan (os grupos que pasan por Valga), son os mellores representantes que a día de hoxe pode ter Galicia musicalmente, porque non se estancan en guetos, as identidades tamén evolucionan e enriquécense e non por iso renuncian ás súas raíces e Galiza é moito máis ca folk, máis ca ska e do que se ve en Desde Galicia para el mundo e estou segura de que lle pode interesar a xente que non é galega, que podemos deixar de pecharnos un pouco comezando por nós mesmos.

Din que estamos nun dos mellores momentos en canto a festivais e música así que non hai que facer outra cousa máis que apoialos, mimalos e valorarlle o esforzo que fan, porque son coma tesouros e sería unha pena que todo isto se perdera namais comezar e a ver se dunha vez alguén é profeta na nosa terra e que a nosa terra sexa Valga.

Apuntamentos a maiores:

-Nadadora non son ñoños, en directo sonan moi ben.
-Paréceme fatal que os da RTVG poñan Disco 2000 (nada en contra do programa, cantos máis mellor) na RG e non fagan o mesmo con Radio Oceánica (moito máis rica en opinións, gustos e estilos ao meu parecer)
-Nada máis que se me estropea o karma.


Máis do Artenativa 08

Memoria de Valga
Artenativa 08 (ou Festivalga)
Fotos


8/09/2008

Artenativa 08



Co lombo queimado e todo, alá vamos.


A confusión das linguas



Xénese 11; 1-9, ven a falar da Torre de Babel, para min unha especie de explicación bíblica de como se dispersaron os homes pola terra e de como surxiron as linguas todas.
Nös xa temos o noso Babel pero hai quen se empeña en voltar ao mesmo: a que todos falemos a mesma lingua...e a min hoxe cáeme ben Yavé porque destruíu esa Torre.


7/27/2008

Aconteceres do Día

Randy Pausch-A última conferencia


O mesmo día que morreu este home (que ata hoxe descoñecía) comecei a decatarme de moitas cousas.


7/20/2008

She wasn't looking for me. She was looking for Kris Kristofferson. And to be indiscreet, I wasn't looking for her, I was looking for Brigitte Bardot. But through a curious twist of fate, we found ourselves on the same elevator.

A great surprise lying with you, baby
Making your sweet little sound


Leonard Cohen-Chelsea Hotel 1


Despois cambiou de opinión en Chelsea Hotel#2

I remember you well in the Chelsea Hotel,
that's all, I don't even think of you that often


(non te preocupes Janis, se se molestou en falar de ti é que lle importaches, tanto como el a ti)


7/19/2008

Búsola

O terceiro número de Búsola chégame a casa da man de Suso Rubio e entre outras cousas andan por aí as reseñas de L´affiche Rouge de Mario Regueira e de Trinta e dous dentes de Xabier López López.

Descargar Búsola