2/02/2009

Eu sei

Pasolini sabía.

Roberto Saviano sabía.


Eu sei, nós sabemos,
teñen que saber que están no punto de mira porque o país non é seu. Eu polo menos non quero máis cagadiñas.


1/19/2009

Déjà vu

No 98 Miguel Anxo Murado foi a Palestina e tróuxonos Fin de Século en Palestina. No 2005 Hany Abu-Assad falábanos de mártires en Paradise Now.

Paradise Now


O sábado funa escoitando cando ía cara casa no programa Videodrome de Radio3.

O domingo moita xente manifestou non querer ter máis déjà vu deste tipo.


1/13/2009

Immolate yourself

Nestes días de guerra-invasión-asoballamento israelí encuberto e permitido vou dar cun par de rapaces de Nova Orleáns que fan música electrónica e o seu novo disco, Telefon Tel Aviv-Immolate Yourself.



Impactoume a combinación do nome do grupo e o título do album, casualidade, oportunismo ou podemos deducir algún tipo de posicionamento se unha canción se chama Helen of Troy? O caso é que sen darlle máis volta escoiteinos e non me disgustaron.

www.myspace.com/telefontelaviv


1/11/2009

Os Contacontos de Tala

Tala é un lugar en Manila, Filipinas, onde a Fundación Vedruna (chamada así por unha carmelita descalza que chegou a ser considerada santa) ten un taller onde emprega ata 200 mulleres excluidas socialmente para facer estes bonecos contacontos. Polo visto aproveitan os restos das industrias textiles da zona para facer os bonecos.Un deses contacontos regaláronnolo o ano pasado.

Amarante é unha Organización Galega de Cooperación para o Ecodesenvolvemento e vende tamén por internet estes bonecos aquí.

Comercio Xusto-Os contacontos de Tala





1/04/2009

Eu quería falar de amor

Para o comezo do novo ano eu quería falar de amor, porque sempre fai falla, pero a inxustiza, as atrocidades e as masacres que continúan nos territorios ocupados de Gaza por parte dos sionistas convirten en absurda e artificial esa palabra. Sempre queda a posibilidade de reconvertila en solidariedade, posto que se anda a convocar unha manifestación a nivel nacional repudiando estas accións a través do grupo Galiza-Palestina no Facebook (grazas emereci pola corrección)

Eu quería falar de amor



12/24/2008

Good Vibrations

Vivir un decembro dun xeito que non agardaba, a primeira árbore de nadal nesta casa, dúas rapazas polo medio da rúa cantando panxoliñas á unha da mañá, alguén que lle dixo ao Apalpador que eu sería un bo regalo, lembrarme feliz na autoestrada co vento dándome na cara, recuperar os nomes que case esquecera e tamén a ilusión que fun perdendo...o 2008 déixame bo sabor de boca no seu remate.

Nestes días brindarei por min e polos que me van acompañar. A todos os demais, boas festas, claro.



12/17/2008

Novas Galaxias

Coma ela o que máis me entusiasmou do blog da Editorial Galaxia é a sección Ópera Prima. Era o que estaba agardando que sucedese, a apertura das editoriais á rede, a aproveitar as ganas de escribir de moitas persoas, a ofrecer unha oportunidade cun custe mínimo pola súa parte e, quen sabe, cun beneficio máximo.

Os meus parabéns.

Agromando

A última vez que fun, o camiño era dourado e esponxoso, as árbores tinguían a vista de amarelos e preciosos vermellos e o ceo era, naquela hora, precioso. Onte, a luz era ameazante e os nubeiros manchas grises difuminadas nun lenzo. Xa todo era frío. Coma nun dos contos de Murakami, non me decatara de como lle foran caendo as follas ás árbores, metamorfoseándose en esqueletes nun páramo. A 90 km/h pregúntome por que insisto en recrearme nas paisaxes do gris cando son máis importantes as douradas.

Despois está a pranta, non é unha aspidistra tramposa coma a de Orwell. É moi semellante pero ten flores, Spathiphyllum Sweet Chico para máis señas, que inconscientemente rego so cando se murcha, cando está a piques de esmorecer...algo inhumano se o penso de xeito intenso. E ela resiste, é case a única que resiste nesta casa, anque xa a atopei por tres veces no chan cando o vento entrou desmesuradísimo pola ventá coa súa presenza avasalladora. Aínda así continúa, intensa, e recibe as miñas miradas de admiración.

Diante, o camiño, que é coma o día que nevou e o branco todo o cubriu. Silenciosas folerpas contra o parabrisas tapando os sinais que indican o camiño. Así se inunda toda a noite, nese xeito real e afogador, facéndome minúscula e desamparada, ata que me dou conta de que non preciso das rodeiras doutros coches no meu camiño, porque é o meu camiño de folerpas.

E agora está mañá, que foi o día de onte, sentíndome extraña ao pasear pola cidade iluminada ata que chega ese momento exacto, o momento preciso no que diante dun café, diante del, arrolada polas conversas da xente, sinto que o peso do mundo non está nas miñas costas e descubro que me sinto ben.


12/13/2008

Unha semana despois...Cultur.gal e outras lerias

Moito me gustan as crónicas, especialmente as que levantan pó. Falo do Cultur.gal, que me gustou especialmente, porque eu, como persoa do vulgo que son, ás veces non me entero do que se coce por estas terras e este ano a feira ofreceume unha visión bastante ampla do que por aquí hai. Si pode ser que non sexa máis ca un chiringuito, xa que supoño que alí se concentrou o maior número de industrias con subvencións da Xunta por metro cadrado, pero éche o que hai e é de agardar que un día o tema subvención sexa algo anecdótico.

Coma outros, declareime no seu día estibalista, e por coherencia sigo manténdoo, non nas formas pero si no fondo...e tamén teño opinión formada arredor do caso EE.

Máis en O que Harvey Keitel non dixo.

Esquecíaseme: non nos tomemos tanto en serio que nos vai dar un infarto.


12/11/2008

Sentindo a morte

Dan as casualidades de que atopo no Centro de Saúde á filla de M. e cóntame a historia que xa coñezo (morfina, unha máscara BiPAP...), a que Craig Ewert xa coñecía e que decidiu contar á súa maneira, poñéndolle a fin a esa historia do xeito que mellor lle pareceu. Grabouse todo e estase a emitir na televisión de Reino Unido. Non me parece mal.

Comentaría algo máis, pero a médica díxome que me esquecese do traballo e que fose mirar as cores de moda. E voulle facer caso.