12/13/2008

Unha semana despois...Cultur.gal e outras lerias

Moito me gustan as crónicas, especialmente as que levantan pó. Falo do Cultur.gal, que me gustou especialmente, porque eu, como persoa do vulgo que son, ás veces non me entero do que se coce por estas terras e este ano a feira ofreceume unha visión bastante ampla do que por aquí hai. Si pode ser que non sexa máis ca un chiringuito, xa que supoño que alí se concentrou o maior número de industrias con subvencións da Xunta por metro cadrado, pero éche o que hai e é de agardar que un día o tema subvención sexa algo anecdótico.

Coma outros, declareime no seu día estibalista, e por coherencia sigo manténdoo, non nas formas pero si no fondo...e tamén teño opinión formada arredor do caso EE.

Máis en O que Harvey Keitel non dixo.

Esquecíaseme: non nos tomemos tanto en serio que nos vai dar un infarto.


12/11/2008

Sentindo a morte

Dan as casualidades de que atopo no Centro de Saúde á filla de M. e cóntame a historia que xa coñezo (morfina, unha máscara BiPAP...), a que Craig Ewert xa coñecía e que decidiu contar á súa maneira, poñéndolle a fin a esa historia do xeito que mellor lle pareceu. Grabouse todo e estase a emitir na televisión de Reino Unido. Non me parece mal.

Comentaría algo máis, pero a médica díxome que me esquecese do traballo e que fose mirar as cores de moda. E voulle facer caso.


12/10/2008

O home está triste, que terá o home?

Neste tempo no que non se venden coches e proliferan os ERE por canto sitio hai e nos que Ana Botella nos obsequia con cousas como que o planeta está ao servizo do ser humano porque o ser humano é o centro, vénseme á cabeza unha lenda:

"E o home estaba sentado so. Empapado ata os osos na tristura. E achegáronselle todos os animais e dixeron: Non nos gusta verte tan triste. Pídenos o que queiras e teralo.
O home dixo: Quero ter boa vista. E o voitre respostoulle: Terás a miña. O home dixo: Quero ser o máis forte. O xaguar dixo: Serás forte coma min.. Despois o home dixo: Desexo saber os segredos da Terra. A serpe respostoulle: Eu ensinareichos.
E foi así con todos os animais. Cando tivo todos os dons que lle podían dar, marchou. E o moucho díxolle aos outros animais: Agora o home sabe moito e pode facer moitas cousas. De súpeto sinto medo. O cervo dixo: Xa ten todo o que precisa. Agora a súa tristura acabará. Pero o moucho respostou: Non. Vin un buraco no home, profundo como unha fame que nunca saciará. Faino triste e fai que sempre queira máis. Seguirá tomando e tomando ata que un día o mundo diga 'Xa non existo máis e non me queda nada que dar'"

Non sei se Mel Gibson a inventou ou lla contaron, pero pensei que viña ao caso.


12/04/2008

El dime que escriba

El dime que escriba. De calquera cousa. Pero que escriba. Eu dígolle que non teño nada que contar. Penso que levo un ano horrible e lémbrome doutro el que di que medimos o tempo en anos e atrapamos así os sentementos desas épocas. Este ano non foi un bo ano. Véñome abaixo moi a miúdo. Continúa dicíndome que escriba, que o meu xeito de contar as cousas vai ser único. E sigo sen ter nada que contar. El insiste na frase e decátome do feito: non so é escribir, é algo máis.

Aí é onde comeza o longo proceso, tecleo, escribo e as palabras van saíndo, espallando, chegando a quen teñen que chegar.

E ninguén ten idea de canto me custa cada sms.

Despois lémbrome de Estíbaliz e da súa última entrada eliminada.