Neste tempo no que non se venden coches e proliferan os
ERE por canto sitio hai e nos que Ana Botella nos obsequia con cousas como que
o planeta está ao servizo do ser humano porque o ser humano é o centro, vénseme á cabeza unha lenda:
"E o home estaba sentado so. Empapado ata os osos na tristura. E achegáronselle todos os animais e dixeron:
Non nos gusta verte tan triste. Pídenos o que queiras e teralo. O home dixo:
Quero ter boa vista. E o voitre respostoulle:
Terás a miña. O home dixo:
Quero ser o máis forte. O xaguar dixo:
Serás forte coma min.. Despois o home dixo:
Desexo saber os segredos da Terra. A serpe respostoulle:
Eu ensinareichos. E foi así con todos os animais. Cando tivo todos os dons que lle podían dar, marchou. E o moucho díxolle aos outros animais:
Agora o home sabe moito e pode facer moitas cousas. De súpeto sinto medo. O cervo dixo:
Xa ten todo o que precisa. Agora a súa tristura acabará. Pero o moucho respostou:
Non. Vin un buraco no home, profundo como unha fame que nunca saciará. Faino triste e fai que sempre queira máis. Seguirá tomando e tomando ata que un día o mundo diga 'Xa non existo máis e non me queda nada que dar'"
Non sei se
Mel Gibson a inventou ou lla contaron, pero pensei que viña ao caso.