11/30/2006

Diego Ameixeiras e Xurxo Sierra Veloso


Xurxo Sierra Veloso (Caracas 1969), vigués de corazón e zamorano de adopción, ven de gañar o Premio Risco de Creación Literario pola obra Os mércores de Fra (Sotelo Blanco), xa tiña publicados Os ollos do rei de copas (Do Cumio 1994) e Licor de abelá con xeo(Sotelo Blanco 2006).

Diego Ameixeiras (Laussanne 1976), ourensán onde os haxa, tamén ven de gañador con Tres segundos de memoria do Premio Xerais, e coma Xurxo, tamén ten publicados outros dous libros, Baixo Mínimos (Xerais 2004) e O cidadán do mes (Xerais 2006).

Outro afortunado gañador este ano é tamén Francisco Castro (Vigo 1966) coa súa novela Spam (Galaxia 2006), gañador do Premio de Blanco Amor. Castro ten publicados Amor de Cinema (1991), Play-Back (1997), A canción do náufrago (2001), Xeografías (Edicións Positivas 2001), Memorial do infortunio (2003), Xeración Perdida (2004) e Un bosque cheo de faias (2004).

Beizóns aos tres! Hoxe, Diego e Xurxo, falan con nós.

Vides os dous de gañar un premio literario, a día de hoxe en Galicia e en xeral, son necesarios os premios literarios para dar a coñecer a novos valores e acadar a posibilidade de publicar?


Diego Ameixeiras: Os premios son diñeiro, publicidade e, nalgúns casos, prestixio.

Xurxo Sierra Veloso: Das miñas tres novelas, dúas publicáronse grazas aos premios que recibiron. A primeira, "Os ollos do rei de copas", saíu do prelo polo temperamento suicida e marabilloso dun home entrañable, Carlos Blanco Yáñez, que nos deixou prematuramente. Pero é evidente que os premios axudan moito, sobre todo a autores descoñecidos que doutro xeito non terían moitas oportunidades para publicar. Ata certo punto é comprensible que un editor non queira arriscar o seu pan e o dos seus empregados publicando a novela do primeiro imberbe que se lle presente e, en cambio, que mande quentar as máquinas cada vez que entra pola porta un autor consagrado. Supoño que eu faría o mesmo.

Notades cambios na vosa vida despois destes últimos logros?

DA: Non. Todo sigue igual, afortunadamente.

XSV: Despois dun premio, hai uns escasos minutos de fama. Organízanche unha presentación nunha libraría (á que van os teus amigos máis íntimos e practicamente ninguén máis), chocas a man de alcaldes e/ou concelleiros e saes retratado nalgún xornal. Sempre hai algún parente remoto que te chama porque viu a túa foto no Faro ou na Región; mesmo é posible que te conviden a dar unha charla nun instituto perante unha moreíña de adolescentes aos que non lles interesa o máis mínimo o que lles poidas dicir. Pasadas estas fanfarras, quédache unha rara e contraditoria sensación: estás contento co que fixeches, pero sentes a obriga de facelo aínda mellor.

A solemnidade que ás veces impera ao falar da Cultura Galega, do mundo literario, a palabra "escritor", o uso mesmo do galego como exclusividade, impide de cando en vez unha normalización do que é a cultura en si. Sentídesvos parte dos escollidos ou ides algo por libre en canto ao tema se refire?

DA: Todo é moi solemne, non só a cultura galega. Xornadas, congresos, homenaxes...

XSV: A solemnidade é propia de todos os sistemas literarios, non só do galego, só que aquí temos unha característica que nos fai algo especiais: os problemas da lingua. Particularmente, non son nada optimista. Creo que o noso idioma camiña irremediablemente cara a súa desaparición, e non só pola actitude hostil dos medios de comunicación, da Igrexa ou das grandes empresas, senón porque o propio pobo galego decidiu suicidarse como tal e privarse a si mesmo do seu maior sinal de identidade. Partindo desta situación, penso que as persoas que escribimos temos a sorte e a obriga de actuar con absoluta liberdade. Non imos vender cen mil libros, así que non temos por que someternos a ningunha moda nin a ningún canon. Eu escribo como me peta e procuro pasalo ben con estas cousas, por moito que ás veces me entre unha certa melancolía. Vouno resumir dun xeito rápido e algo bruto: o galego morre, pero polo menos teñámolle un funeral bonito e cantémoslle alegres responsos.

Ter un libro impreso é difícil e satisfactorio á vez anque supoño que o obxectivo é que a obra dun chegue ao maior número de xente posible. Iniciativas como Ediciós da Rotonda poden facer eso posible, coma no caso de O home inédito de Carlos Meixide. Cal é a vosa opinión ao respecto?

DA: Foi unha boa idea de María Yáñez. A novela descargouna moita xente, non?

XSV: Lin o libro de Meixide e algún dos de Rinoceronte. Recoñezo que a luz do monitor fai dano á vista e é algo incómodo ler na pantalla. Aínda así, creo que nos temos que ir afacendo a este sistema, a menos que queiramos acabar coas árbores do planeta a base de amontoar letras sobre o papel branco.

Os dous, en estilos e obras diferentes, abordades a figura do detective, o panorama cultural en canto a música e literatura se refire, as relacións entre homes e mulleres e en certo modo, o decadente do ser humano reflexado nalgunha personaxe… e para facer máis ganas de lervos a quen non vos coñeza, podedes deixar unhas liñas dos vosos últimos libros?

DA: Escribín unha novela. Non podo falar do texto ou artellar un discurso sen caerme moi mal a min mesmo. A valoración e o asunto da hermenéutica correspóndelle ao lector. Xeración, mileuristas, desencanto... Non sei.

XSV: Creo que os meus dous últimos libros son moi diferentes, polo menos no que se refire aos aspectos formais e estruturais. "Licor de abelá con xeo" é unha noveliña aceda ma non troppo, crítica pero cordial, feita coa intención de rir un pouco á conta das seriedades do sistema literario. "Os mércores de Fra" é o retrato dun absurdo, a historia dun individuo que bota a perder a súa existencia por culpa dunha parvada. Confeso unha certa preferencia polos personaxes obsesivos, tipos que practicamente viven fóra da realidade e que dedican case todo o tempo ao seu particular mundo interior. Ah, quero salientar algo que me parece importante: por moito que me poña serio e reflexivo, non dou evitado que as situacións que narro acaben tendo unha certa comicidade. Supoño que a vida é así, solemne e ridícula ao mesmo tempo, e non hai outro xeito de contala.

Que fai os mércores Xurxo?

XSV: Nada especial. Ao saír do traballo, case sempre vou xantar cun amiguete meu, un ex-cura salmantino cultísimo e cun extraordinario sentido do humor. Despois de tomarmos café e arranxar o mundo, volvo para a casa, vexo por enésima vez o capítulo de Friends da tele, pelexo coa vasoira e loito coa fregona. Despois saio a dar un paseo e prepárome psicoloxicamente para a Champions League ou o que toque. Levo unha vida excesivamente ordenada, seino, pero que lle vou facer.

Que fai os domingos á tarde Diego?

DA: Ultimamente vou ao cine.

Moitas gracias aos dous e os mellores desexos, que xa o sabedes. Se queredes decir algo máis, escribide!

Xurxo: Pois, como diría a miña avoa, miña beizón. Agradézoche moito a invitación, mándolle un saúdo virtual a Diego Ameixeiras (paseino moi ben con "Tres segundos de memoria") e convídovos a todos a que pasedes polo meu blog, http://www.reidecopas.blogspot.com/. Apertas para todos.



Novembro, 30

Hoxe, un ano máis.

11/28/2006

María Lado


María Lado, nada no 79 en Cee, é unha muller polifacética onde as haxa: poeta orixinada no Batallón Literario da Costa da Morte, colaboradora en varias publicacións e antoloxías, foi colaboradora en Vieiros, formou parte durante 2 anos da Aula de Teatro da USC, foi manipuladora, pero de marionetas, na compañía Títeres Cachirulo, traductora de textos para Cachirulo e Títeres Cascanueces, comprometida con boas causas como amosou coa súa participación coas plataformas Nunca Máis e Burla Negra. Ao mesmo tempo, compaxinou os estudos de Filoloxía Galega cun Ciclo Superior de Producción e participou, recentemente, no programa da TVG "Planeta Fantasía" relatando contos para nenos. Nas ondas podémola escoitar no seu espazo en e-music e, agora mesmo, adícase a escribir e estudar, pero a súa cabeza segue fervendo.

Tes tres libros publicados a título individual, "A primeira visión" (Letras de Cal, 1997), "casa atlántica, casa cabaret" (Xerais, 2001) e "berlín" (Colección poeta en Compostela, Grupo Correo, Concello de Santiago, aelg 2006). Como chegou a ti a ocasión de publicar? Que recordos tes daquela época do Batallón Literario da Costa da Morte?

María Lado: Estaba rematando o instituto cando dei co Batallón. Foi cousa deles que collera os vicios dos poemas, das tabernas e, sobre todo dos recitais. Creo que o pasábamos moi ben escribindo e lendo o que escribían outros. E cada recital era unha festa ou unha excursión así que eu cando menos pasábao xenial. De todo iso naceu A primeira visión, uns poucos poemas que escribira para un premio dun instituto. Cando cheguei con eles ao garito onde nos víamos, o desaparecido Makondo, alguén propuxo que os mandase a Letras de Cal, que estaba nacendo en Compostela. Escribinlle algún texto máis pero aínda así era tan curto que houbo que poñerlle ilustracións para editalo. Sen embargo chamoulles a atención ou algo e publicárono.

Todos os recordos que teño da época do Batallón son moi intensos. Sobre todo recordo telo pasado moi ben recitando en festas entre unha actuación musical e outra, saíndo a ler para un montón de xente que está de carallada, aínda que a carallada sexa en solidariedade con algo. Era todo un reto, pero ao mesmo tempo era unha experiencia.Pero o que máis me fascina ao recordar aquela época é a cantidade de cousas que se facían, sobre todo pola nosa zona, e os bares ateigados de xente escoitando poemas.

O teu último libro, "berlín" (2005) con ilustracións de David Rubín, pódese descargar na rede, que motivos che levaron a facer iso? Consideras que a rede é o mellor medio para o acceso á poesía?

ML: A razón pola que decidín subir berlín é que realmente quería que quen estivese interesado puidese ter acceso a el. Tiña a sensación de que o libro era un pouco invisible, pola maneira na que se distribuía, xa que practicamente só se podía conseguir en compostela e non polo sistema tradicional da librería. Eu xa tiña un libro esgotado-o de Letras- polo tanto invisible, e non quería ter outro. Ademais podía facer con berlín o que quixese e díxenme: máis vale libro en rede voando que mil exemplares de man en almacén. Así que o subín. Que ande polo mundo e que o poida ler calquera sen gastar un can.

A rede ofrece moitas posibilidades para acceder a múltiples contidos. A poesía, como moitas outras cousas, debe ser accesible. Hai que baixala un pouco dese pedestal que a aparta da vida real. Nese sentido no batallón recitabamos en bares porque daquela era unha maneira máis sinxela de que a xente se achegase facilmente ao que facíamos. Isto venche sendo o mesmo, pero sen cañas. A rede é un espazo inmenso e, en certa maneira, moi accesible.

Moitos/as podemos envexar o teu currículo, foi todo tan sinxelo como parece ou os esforzos e sacrificios son máis dos que podemos imaxinar?

ML: Pois eu levo varios días facendo o meu CV e non atopo moitos logros que poidan incitar a ninguén a que me contrate para nada ;) Teño que dicir que en certa maneira foi sinxelo para min publicar, porque nunca andei cun libro baixo do brazo percorrendo editoriais. Doutra banda as cousas que fixen fíxenas sempre porque me apeteceu e me pareceu divertido. Supoño que terá os seus sacrificios. E haberá xente que ve as cousas ás que un renuncia para facer outras como sacrificios, pero se che gusta o que fas non o ves así.

A poesía galega é un tema recurrente en moitas conversacións, que se non hai mercado para ela, que se hai un exceso de xente adicándose a iso, que se non se pode vivir da poesía, que se os temas son recurrentes e ás veces a calidade non é a agardada…ti máis Lucía Aldao rompestes o círculo vicioso que pode chegar a ser o mirarse tanto o embigo e emprendestes as performances "Onde estea un cubata que se quite un soneto" e "Poeta de merda", participando con elas en Translittera o ano pasado por estas datas. Cóntanos en que consistían estas performances .

ML: Ben, o que facemos Lucía e eu - e tamén con Pepa Yáñez, que nos axudou en Poeta de merda e anda a tramar con nós- non pretende ser máis que unha maneira de concretar a nosa visión da poesía e da literatura en xeral, como algo que forma parte das nosas vidas e que ademais non ten porque ser aburrido ou pedante. Ten que ver tamén en certa maneira co pensamento de achegar a poesía de maneira máis ... atractiva, digamos. Pero sobre todo é un xogo para nós.Nas dúas performances intentamos explorar xeitos de presentar os poemas en público que se saísen do que a xente imaxina cando escoita a palabra recital e se lle respingan as carnes. Para iso tentamos achegarnos a outras linguaxes, como a música, o audiovisual ou o teatro. Onde estea un cubata que se quite un soneto era básicamente unha festa en toda regra. Con pataquiñas, bocadillos, cubatas e música para bailar. Só que de cando en vez soaba un poema recitado sobre a música. A idea era que os versos estivesen alí, ao tempo que os convidados disfrutaban dunha festa, porque así é como vemos nós a poesía. Algo que disfrutamos.Poeta de merda ía na mesma liña de discurso pero pensámolo como número medio cómicopoético, máis teatral. Fixémolo para o Festival das festas de San Pedro e para unha utranoite da NASA. Pepa Yáñez interpretaba ao esprito de Rosalía de Castro que era a titora de dúas poetas que facían un curso de escritura creativa por correspondencia. Rosalía encarnábase para nos vir tirar das orellas polo noso profundo descoñecemento das letras patrias. E facíanos recitar para escarnio público. Era algo así ;)

A poesía ten que actualizarse como fonte evocadora de sensacións e sentementos, ti mesma o fas a través dalgún videopoema que podemos ver no teu blogue, corrente que tamén sigue sara jess, pode chegar iso a substituír aos recitais poéticos ou daralle máis vida aos propios recitais?

ML: Son cousas distintas, non creo que iso chegue a substituír os recitais porque son expresións diferentes. Son maneiras de cruzar a poesía con outras artes, explorar outros xeitos de comunicar. En calquera caso, supoño que pode darlles unha vida distinta aos recitais.

Sobre o tema dos filocafés, hai programación estable, xente que se interese polo tema ou máis ben é un punto de reunión para os propios poetas?

ML: Os filó cafés son unha proposta que ven de Portugal, onde xa levan tempo funcionando e fano con bastante estabilidade. Non teño tanta experiencia neles como para xulgar ao público pero supoño que non todos os asistentes son poetas, e no caso de que así fose, o interesante tamén é xuntarse, parolar, intercambiar puntos de vista, ver que fan outros e aprender.

Sei que tes en proxecto moitas cousas, rematar o poemario "Novembro", a realización dun documental onde varios poetas aportarán os seus textos e escribir unha radionovela ou podcastnovela, non? Como se perfilan estas aventuras?

En realidade novembro son poemas de hai tres anos que aínda agardan por unha man que os xunte e non sei se iso algún día será. Pero ao mesmo tempo influíron moito no guión dunha radionovela que escribín este verán e que leva ese mesmo título. Todo o ambiente que andaba polos poemas rematou creando esa historia. A radionovela empezará a emitirse moi pronto na radio galega e forma parte do traballo da artista Julia Montilla dentro do proxecto edición (Marco seoane Cgac). Xa me gustaría a min que rematase na rede... nunca se sabe. O documental do que falas está en realización pero non é cousa miña. É un proxecto de María Reimondez no que hai implicadas varias poetas e trata de rescatar a memoria que as mulleres galegas gardan da guerra. É un proxecto moi bonito que agardo que teña sorte e vexa a luz pronto.

(Sobre da radionovela, e tanto que se emite moi pronto, que xa vola estades perdendo: As quimbambas, na RG, as sete menos cuarto da tarde)

Unha pregunta para satisfacer a miña curiosidade, que teñen en común Rosalía de Castro e a música de Joy Division?

ML: Un día comecei a pensar como sería Rosalía se fose criada neste último século. A imaxe que queda de Rosalía é a dunha muller triste, depresiva, sempre de escuro, que sofre infinitamente nos seus poemas. Primeiro pensei que Rosalía sería punki, pero despois dinme conta de que non. Cavilei que seguramente escoitaría música escura e enfermiza, como a de Joy division, porque a súa poesía, sobre todo a máis íntima, ten moito diso. Daquela foi cando me din conta de que na imaxe de Ian curts e na de Rosalía había moitas cousas que se me antollaron semellantes. Rosalía estaba moi enferma e iso facíaa sufrir moito e seguramente por iso eu a via pálida e sempre de negro- entre outras cousas porque estaría de loito pola morte do fillo, supoño- e Ian Curtis non sei estaba enfermo, pero todos os de joy division levaban esa estética da enfermidade. E supoño que era un tipo que sufría moito porque rematou os seus días abaneando a varios centímetros do chan da cociña. Rosalía, que era algo máis covarde, no canto de suicidarse escribiu poemas ata que a morte a levou, e contan que no leito mandou queimar os seus textos. Unha maneira light de suicidarse antes de morrer. Creo que tamén teñen en común sentírense parte dunha sociedade na que non encaixan de todo, que os aparta e contra a que se rebelan facendo o que fan, sexa escribir ou cantar.

Todo isto levoume a adaptar a negra sombra de Rosalía a she loses control, aportando un montón de imaxes que tiñan que ver coa destrucción dun mesmo. E creo que lle cadrou ben. O que intentaba era actualizar - algo- o poema achegándolle outros significados.

Moitas gracias María e a seguir así de activa, que da xenio verte. Se queres engadir algo máis…o que queiras!

ML:
Xuro que non copiei para responder ás preguntas. cando sae a nota?
;)

A nota saiu hoxe, e unha matrícula de honra é pouco para ti. Moita sorte María!


11/26/2006

Agradecementos

1. A Carlos (sexas quen sexas) pola súa opinión.

2. A P. Iglesias por facer referencia á anotación 25 de novembro: Tolerancia cero.

3. A bola extra por tan bos momentos que nos fixo pasar. E si, a todos eses fans: sigue vivo! Volta, que te botamos de menos, neno!

Un bico, aperta ou saúdo (a escoller) a cada un de vos.

la nevera 61


Nunha nevera podes atopar de todo e nesta non ía ser menos: case unha ducia de ovos frescos, laranxas da china, un pouco de polo, un pouco de pavo, iogures de moitos sabores e, cando non a abres para mirar, podes estar seguro de que dentro xa todos están montando unha festa.

Ra, fai de portavoz de la nevera 61 ao andar todos repartidos por todo o mundo (Dublín, Murcia, Barcelona, Santiago, Ferrol, Vigo...).

Como surxiu a idea de La nevera 61?

Ra: Lanevera61.com xurdiu hai un montón de anos en Ferrol como unha cousa totalmente distinta do que é agora. Comezou básicamente como unha web para promocionar o grupo do que formaba parte elnevero (o gran Dios da nevera) e Melo (melomako), entre outros, daquela La NevDiva. Pouco a pouco foise convertindo nun blog no que, ao principio, só participaba elnevero, pero pronto me convenceu a min (ra) para facer o meu (pavochungo) e eu a uns cantos máis.

A nevera é unha zona de xuntanza de amigos, peca de endogamia ou ese círculo está aberto a máis xente?

Ra: Está aberto a máis xente, porsupués, pero tamén é certo que a xente que queira formar parte de lanevera ten que pasar unhas probas un pouco selectivas, jejeje... Non, en serio, formar parte de lanevera consiste simplemente en que algúen nolo pida e nós creamos que ten o perfil idóneo, a saber, divertido, superficial... en refinitiva, nevero.

Se unha cousa hai nos blogues que forman a nevera son as fotos: fotos de todos vós, dos vosos amigos, algunha da familia e, sobre todo, festas, concertos, festas, noites de farra e máis festas. Houbo casos por aí nos que os xefes andaban mirando os blogues dos empregados, tedes medo a que vos poida chegar a afectar ao voso traballo?

Ra: Non, en absoluto; de feito, sei que o meu xefe pasa pola nevera de cando en vez. Podo asegurarche que non ten nada que ver o Ramón que traballa todos os días da semana co Ra que sae de marcha todas as findes e agarra as preas que agarra.

Tedes unha gran cantidade de seguidores anónimos e, de feito, nalgún momento comentastes algúns encontros e confesións, tipo “eu léovos”en directo dos vosos siareiros. Mete medo ese interese pola vosa vida? Remataredes sendo blogueiros perseguidos polos seus fans?

Ra: Medo non, se cadra sorpresa. Non deixa de ser sorprendente (e tamén satisfactorio, evidentemén) chegar a sitios como León ou a calquera festival de por aí e que se che acerque alguén que te le e que sabe toda a túa vida. De todos xeitos, non creo que acabe perseguíndonos ninguén, aínda que deberían. 8P

O ano pasado fixestes a través de "La nevera de Guadalix de la Sierra" un seguemento do programa "Gran Hermano" e este ano "Supermodelo 2006" tamén mereceu parte da vosa atención. Considerades La nevera 61 un gran irmán dentro dos blogs?

Ra: Se queres que che diga a verdade, nunca o pensara, pero agora que o dis, pode ter certa relación. Na nevera contamos todo o que facemos día a día, as nosas intimidades e publicamos fotos que, en moitos dos casos, deberían estar prohibidas ou censuradas por amosar facetas nosas “politicamente incorrectas” (agghhh, nunca me gustou empregar esta expresión).
No que respecta ás visitas, ao público que entra cada día, si é certo que poden vernos como unha especie de “vida en directo”. Eu insisto en que non entendo como a nosa vida pode interesar a tantísima xente. Porque, se nos coñeces, vale; pero se non, non será máis emocionante a vida de Paris Hilton ou a de Katie e Tom que a dunha panda de pirados que non fan máis que andar de festa? Será que hai moito jorjejavier de a peseta por aí fóra...En calquera caso, superafavor de GH, de SM2006 e de toda canta trapallada nos faga rir!

Hai pouco apareceu un fotolog criticando a un dos compoñentes da nevera. Como vedes esas actitudes? Considerádesvos branco fácil para as críticas? Impórtanvos algo?

Ra: Supoño que te referirás ao ilustrísimo señor don mataRAtas(http://www.fotolog.com/mata_ra_tas/), ser excepcional, intelixentérrimo, lido e coñecedor de todas as artes. Pois non, non me importa en absoluto, nin me molesta nin tampouco me desagrada que exista. É evidente que somos branco fácil para as críticas, tanto as boas como as malas, e que estando aí estás exposto a que a xente che diga de todo. Non temos por que caerlle ben a todo o mundo, aínda que estou convencido que se o señor mataRAtas me coñecese en persoa seguro que non opinaría o mesmo de min. Son encantador. 8PPP O que xa non entendo é por que a xente á que non lle gustamos se empeña en seguir visitándonos. Será que engancha.

O uso do “por cier” está xeneralizado, dende a nevera fálase de concertos e de grupos ou intérpretes de música actual (por exemplo de The Homens) e, como no caso Guadalix de la Sierra, coméntanse cousas que están “en el candelabro”; marcades tendencias ou as tendencias veñen a vos?

Ra: Jajajjjaaa. Non marcamos tendencia, xa nos gustaría. É certo que o “porcier” ou o “porsupués” (nós chamámoslle “falar en escué”) emprégao moitísima xente agora, pero de aí a marcar tendencia hai un mundo. Nós falamos do que nos gusta (e The Homens son os mellores -rollo pelota mil-), do que nos pasa, da música que escoitamos, do que vemos na tele... se a xente visita lanevera será porque comparte os mesmos gustos que nós, asín que supoño que xa virán coas tendencias marcadas.

Moitas gracias, noraboa e seguide así. Se queredes engadir algo máis, adiante!

Ra: ¿Engadir? Bueno, xa que me deixas, dicir aquilo de que hoxe é domingo 26 de novembro de 2006, día de San Amonio, Basolo, Belino, Conrado, Dídio, Juan Berchmans, Leonardo de Porto Mauricio, Silvestre e Siricio, e que estamos encantados con que nos fagas esta entrevista que non fai máis que subirnos un pouco o ego, por se aínda non o tiñamos subido dabondo. 8P

E buscando no Toogle "la nevera 61" atopamos unha imaxe que non podía faltar:


11/24/2006

25 de novembro: Tolerancia cero

Se o 21 foi o día mundial da televisión, como ben apuntaba ghanito, o 25 e o día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, dende o 1981 no Primeiro Encontro Feminista de Latinoamérica e do Caribe celebrado en Bogotá (Colombia). Nesa xuntanza as mulleres denunciaron a violencia de xénero a nivel doméstico, a violación e o acoso sexual a nivel de estados, incluíndo a tortura e os abusos sufridos por prisioneiras políticas.

A escolla do día 25 de novembro foi para conmemorar o violento asasinato no 1960 das irmás Patria, Minerva e María Teresa Mirabal, "Las Mariposas"(a ligazón ten musiquiña), activistas políticas da República Dominicana e símbolos visibles da resistencia contra a dictadura de Trujillo.

O concello da Coruña colabora cunha iniciativa da Obra Social da Fundación "la Caixa" (que ten un(s) empregado(s) la mar de simpático(s) ) acollendo nos xardíns de Méndez Núñez unha carpa que estará ata o 10 de decembro. O obxectivo é a prevención e a sensibilización social fronte aos malos tratos abarcando a violencia de xénero, a doméstica e a violencia nas aulas.

Dan informacion tamén sobre como recoñecer casos de maltrato, como asesorarse e a onde acudir en caso de querer denunciar. De axuda, así a primeiras pode ser o teléfono de Informacion á Muller (24 horas) 900 400 273 que é gratuíto.

Casos de violencia no fogar case todos coñecemos, o máis próximo que coñezo é á inversa: unha muller que maltrataba físicamente ao home. A cousa durou anos, os veciños sempre contaban como ás veces oían no medio da noite que el collía o coche e marchaba para a casa de seus pais, de vela a ela zouparlle algunha que outra vez...a cousa rematou en separación. A pesar de que era sabido sempre quedaba todo en comentarios soltos sobre o caso e en que non hai que meterse nas cousas dos demais, a verdade é que é un tema moi delicado. Tamén delicado son os casos de maltrato a anciáns e enfermos crónicos e a situación de dependencia destes colectivos facilita que a súa problemática non saia sempre á luz.

Sobre o da violencia nas aulas e cara os compañeiros, está claro que é algo que a día de hoxe está moi presente. A rapaza que nos trouxo ao traballo toda esta información contábanos que nun colexio que visitara, ao comentar este punto, unha nena de catro anos preguntáralle que que pasaba cando a violencia era cara o mestre. Pregunta tan inocente dixo que lle dera que pensar e que non entendía aínda as causas desas conductas entre a xente máis nova.

Por último facer unha referencia aos casos de violencia sexual dentro da parella, que unha cousa son certas prácticas sexuais consentidas e outra cousa son violacións, tocamentos non consentidos, vexacións, coaccións, inducción á prostitución etc. Ninguén pode obrigar a ninguén a facer algo en contra da súa vontade e moito menos neste ámbito.


Macroenquisa sobre a violencia contra as mulleres en Galicia. Informe de resultados. Maio 2006.(.pdf)
Datos de violencia contra as mulleres na Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2006 (que pasa en Pontevedra?)
Denuncias por malos tratos por Comunidades Autónomas do 2002 ao 2006 en España producidos pola parella ou ex-parella(MTAS)

11/23/2006

The Homens




Falan do cambio climático que vai converter a Galicia nun novo Mediterráneo, da marbellización da costa galega… deso nada, aquí chove e hoxe "It´s raining Homens".

Hai pouco que os The Homens apareceron na escea musical galega, pero as súas orixes ben poderían quedar plasmadas nalgún filme de Spielberg. Que foi para vos a Asociacion Cultural Xurásica e que recordos gardades daquela época?

MartinWu: Ei, a época da Asociación Cultural Xurásica é a actual! Nunca estivo máis viva! Organiza, por exemplo, un dos mellores festivais do país, o Rock en Costa, grupos galegos e portugueses, reivindicación da periferia das cidades como motor cultural.

Na programación da TVG hai un concurso, o Pequeño Gran Show, no voso caso as ganas de tocar e cantar nun grupo tamén veñen da infancia? Imitabades a algún cantante nos salóns das vosas casas? Mercabades a Superpop?

M.W. Cando era un cativo, o meu primo e máis eu faciamos playbacks de cancións da Década Prodigiosa na palleira dos meus avós, poñendo a cinta no radiocasete dun Simca 1.200. Eu tocaba un teclado destes que colgan recortado nun tablón, e o meu primo unha batería que basicamente era o cepo dun castiñeiro. Por certo, a maior parte dos programas de cativos que hai nos medios danme bastante noxo, ese rollo "mira que aleuto é o pequeno". A televisión en xeral dá bastante noxo.

Os comezos no mundo musical foron duros ou sentístevos sempre arroupados?

M.W. Pola xente, sobre todo pola nosa xente, sempre, moitísimo máis do que esperábamos. É evidente que se te pos encima dun escenario a facer o canelo algo de ganas de que se fixen en ti si que tes, pero no noso caso desde logo non é o esencial.

Os tópicos falan de sexo, drogas e rock and roll (neste caso power pop), que hai de certo á hora da verdade? Notades xa o fenómeno fan detrás de vos?

M.W. Calquera das tres cousas están moi ben, toques nun grupo ou sexas perito agrícola. En canto ao do fenómeno fan, espero non notalo nunca; é algo bastante chungo.

Á hora de escribir as letras como surxe a inspiración? Hai algunha especialmente adicada?

M.W. Hahahaha, hai unha dedicada a alguén ao que queremos moito e que é moi cool, pero é mellor deixalo correr. As letras aparecen moi pouco a pouco e con bastante dificultade, unha vez engánchanse por unha frase, outras por un estribillo que se che ocorre, outras simplemente se van adaptando á música. Non me gustan demasiado os grupos con "exceso de texto", pero tamén creo que é importante dicir cousas, aínda que logo á xente lle pareza que fas cancións lixeiras e que, como nos dixeron algunha vez, falamos de "coches, chicas y cervezas"... Asuntos que, por outra parte, tamén están moi ben.

No panorama literario galego vese unha gran creación de poesía, poderían algúns versos ser a letra dalgunha das cancións de The Homens?

M.W. Desde logo, non estaría nada mal, hai cousas ben interesantes... Así non teriamos que soportar algunhas chafalladas do noso letrista...

Considerades a fórmula copiceibe e as ferramentas que dispoñedes en internet os factores do voso éxito e independencia creativa?

M.W. Cremos que é fundamental para entender o que está pasando na música deste país. Antes un facía un disco, sacáballe, eu que sei, mil copias, e quedaba con oitocentas no garaxe da casa. A través de internet –por exemplo, da nosa web, http://www.thehomens.com, a xente pode chegar a ti con máis facilidade, sen ter que pedir o disco, ilo buscar a este ou aqueloutro bar, e sobre todo sen ter que facer números para enterarse do que está pasando. Por certo, independentes somos un cacho, agora que o do éxito... o noso contable non estaría moi de acordo...

Supoño que, polo de agora, a música non pode ser aínda un medio de vida, pero poñéndonos transcendentais: si pode ser unha filosofía de vida…ou non deixa de ser máis que unha afición que une a tres amigos?

M.W. Calquera dos tres homens temos o noso modesto historial de grupos con máis penas que glorias, así que non podemos ser inxenuos a ese respecto... Sen embargo, isto é algo que nos ocupa demasiado tempo na cabeza como para pensar que só e unha afección. Non hai moitos momentos na miña vida nos que non pense en cancións, ás veces moito máis do conveniente.

Como vai o tema de contratacións? Hai un circuito estable para dar saída aos grupos galegos e que canten en galego?

M.W. A verdade é que nós estamos tendo unha sorte que desde logo non nos esperábamos. Somos un grupo totalmente autoxestionado, e tamén bastante folgazán, pero de momento estannos chamando moitísimo máis do que pensabamos, sen movérmonos nós demasiado... O circuíto? Desafío a quen queira a dicirme se hai algún sitio decente en Santiago no que se poida tocar sen arriscarse a perder unha pasta...

Cales son as datas da voso tour "Non vale parar"?

M. W. De momento isto é o que hai pechado:

24 de novembro Colinas Bar (Albergaria, Portugal) + D3Ö
25 de novembro Kastrus Bar (Esposende, Portugal) + Green Machine
9 de decembro A Molinera (Vilarrubín, A Peroxa) + Annie Hall
29 de decembro Felipop de Inverno (Limodre)

Temos un par de cousiñas máis para xaneiro, pero aínda non están pechadas...

Hai novo proxecto á vista?

M.W. Inmediatamente, consultar a pregunta anterior... E tamén facer cancións coma tolos para chegar ao verán con material suficiente, porque en xullo imos gravar un disquete, deses con trece ou quince cortes, ou iso é o que pretendemos.

Por último e falando de temas de máis seriedade, coa cantidade de guerras e conflictos destes tempos hai unha iniciativa (ver ligazón) que pretende conseguir a paz mundial no solsticio de inverno: cal podería ser a vosa colaboración musical para favorecer ese momento?

M.W. Iso hai que facelo todos os días, pola paz mundial ou polo que faga falta. E, desde logo, podendo foder pola paz, négome a poñer a banda sonora mentres outras e outros fan o choio máis agradecido...

Moitas gracias e se queredes engadir algo máis, adiante!

M.W. Que a revolución non a van televisar, e que hai uns cantos capullos que deberían ir facendo acopio de alimentos, "porque seremos cientos por cada uno de los vuestros"...

Mentres tanto quedamos cunha das vosas cancións mozos:

Desaparece-The Homens

11/21/2006

Máis concursos de fotografía


Acabo de ver outros dous concursos de fotografía:

O primeiro convócao o concello de A Coruña, Coruña en foto 06, e o prazo remata este 25 de novembro, en troques ofrécennos unha viaxe a Londres.
Pode ser unha boa oportunidade para retratar unha cidade que, a verdade, ten sitios moi bonitos: as praias, o paseo marítimo coas súas farolas de miles de euros, a sempre presente Torre de Hércules, o monte de San Pedro aínda sen ascensor e protagonista dunha manifestación contra o desfile militar no 2005, os ascensores do edificio da Fundación Caixa Galicia nos Cantóns, as galerías da avenida da Marina, os xardíns de Méndez Núñez, o parque de Santa Margarida, a zona vella... anque, dende logo, cando oes un "buh, neno!" non é precisamente todo iso o que che ven á cabeza.

Outro non tan bonito é o que convoca Audasa co obxectivo "de destacar fotograficamente os valores da autoestrada Ferrol-Fronteira Portugesa (AP-9) en calquera dos seus aspectos. O tema da fotografía deberá estar, polo tanto, relacionado coa autoestrada AP-9 e o seu entorno."
O premio é interesante e a temática creo que este ano, entre algunha que outra retención, queda marcada polo lume. Ou non?


11/18/2006

Indigènes

Bush fai mención a Vietnam cando fala de Irak, e parece que aínda non se enterou que as invasións nunca son boas e se non, aí está o exemplo da loita eterna entre israelís e palestinos. Hoxe, e porque alguén mo lembrou, púxenme a mirar de onde viña o termo "pés negros" e rematei atopando outro caso de invasión: Alxeria e dende logo non ten final feliz.

Relacionado co tema, presentouse en Cannes este ano o filme "Indigénes", do director Rachid Bouchareb, que fala dos norteafricanos que combatiron ao lado de Francia na II Guerra Mundial e que apenas son recordados na historia. Axudaron a liberar Italia, os Alpes, a zona da Provenza etc... En Cannes o xurado doulles o premio ao mellor actor, como galardón colectivo, aos 5 actores protagonistas. "Indigènes" está este ano no programa de Cineuropa, a ver se o sábado ou o domingo poido ir.

Tanto monta, monta tanto

Durante a Reconquista na Península Ibérica moitos xudeus e musulmáns marcharon ao norte de África asentándose, entre outros sitios, no que hoxe é Alxeria. Estes países norteafricanos ante os ataques españois recurriron a corsarios para defenderse sendo os máis coñecidos os irmáns Barbaroja. Ante o éxito, Alxer pasou a ser parte do Imperio Otomano e convírtese nunha potencia militar marítima que controla o comercio no Mediterráneo.

Conquista

Tras ese período de calma de case tres séculos, no 1830, Francia decide invadir Alxeria, non sen dificultades, poñendo como escusa un abanicazo dado polo Bey de Alxer ao Cónsul francés(realmente foi por non pagar unha débeda por importación de trigo que arrastraba Francia dende a época de Napoleón e as súas expedicións en Exipto, razóns tiña o Dey para abanicar ao outro). Colonízase e no 1948 é declarada parte da metrópole francesa.

O 1 de novembro de 1954 comeza a guerra da Independencia en Alxeria impulsada polo FLN (Fronte de Liberación Nacional) que remata no 1964. A guerra foi dura e ambos bandos sufriron moitas baixas, mesmo se deron casos de tortura por parte dos franceses.

La valise ou le cercueil (a maleta ou o ataúde)

A partir do ano 62 comezou o éxodo dos colonos franceses e dos xudeus a Francia, que se acelerou despois da masacre de Orán. Tamén saíron do país os alxerianos que loitaron da parte de Francia (harkis). Esta xente pasou a ser coñecida como pieds- noirs (pés negros), din que o nome lles vén dos que traballaban nos barcos botando carbón á caldeira e que ao saír ían cos pés negros.

Les Pieds-Noirs à la mer (pés negros ao mar)

Chegaron a Francia sen nada e foron mal recibidos. Tiveron problemas para conseguir a nacionalidade francesa porque as actas de nacemento, de matrimonio etc estaban en Alxeria.
Pés negros ou descendentes coñecidos son, entre outros, Isabel Adjani, Albert Camus, Enrico Macias ou Yves Saint Laurent.

Le chant des africaines (1944)

Himno non oficial da comunidade francesa en Alxeria.



Outra ligazón interesante: cuisine pied-noir.

11/12/2006

Torre de Hércules II: o futuro

Ano 2108

Ano 2125


Fotos de Factoría gráfica.

Nairobi 2006

Dende o 6 deste mes están reunidos 189 países na Convención das Nacións unidas sobre o Cambio Climático a ver que fan a partir do 2012, ano no que remata o Protocolo de Kyoto (1997). Este Protocolo, ratificado por 165 países, entrou en vigor o 16 de febreiro do ano pasado coa idea de que os países industrializados reduzan, entre o 2008 e 2012, as emisións de gases que contribuen ao efecto invernadoiro a uns niveis un 5% inferiores aos que xa se emitían no 1990. Estes gases serían:

CO2 (dióxido de carbono)
CH4 (metano)
N2O (óxido nitroso)
HFC (hidrofluorocarbonos)
PFC (perfluorocarbonos)
SF6 (hexafluoruro de xofre)

No 2001, en Marrocos, seguiron sentándose as bases para a correcta posta en marcha deste Protocolo:

- Decidiuse que os compromisos dos países desenvolvidos fosen vinculantes legalmente
- Métodos de implementación na reducción das emisións, ou implementación conxunta, de xeito que os países desenvolvidos adquiren unidades de reducción de emisións a través da financiación de proxectos en países menos desenvolvidos.
- Levar a cabo un Mecanismo de Desenvolvemento Limpo de xeito que os países en vías de desenvolvemento non vexan frenada a súa economía e que os países máis industrializados axuden a diversificala.
- Realizar informes e revisións por un grupo de expertos.
- Avaliación do cumplemento por parte dun Comité.

O cambio climático, certo ou non, preocupou no 1998 á ONU e á WOM (Organización Mundial de Meteoroloxía) e formouse o IPCC (Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático). O IPCC ten como fin avaliar de xeito obxectivo, aberto e transparente a información científica, técnica e socioeconómica relevante cientificamente sobre o risco do cambio climático inducido polo home, o seu posible impacto, e as capacidades de adaptación e mitigación. Todo isto faino consultando publicacións científicas revisadas externas ao propio IPCC.
Tamén hai estudios que refutan os informes do IPCC e manteñen que o quencemento global pode ser unha evolucion natural do medio ambiente e desestiman o efecto invernadoiro.

O último estudio que saíu á luz é o "Informe Stern" onde, ademais de facer unha previsión dos posibles cambios climáticos nun breve prazo de tempo, alerta sobre o resentemento da economía debido a esas mudanzas. Apunta tamén unha serie de medidas para reducir os gases que contribúen ao efecto invernadoiro:

1. Reducir a demanda de bens e servicios intensivos en emisións.
2. Aumentar a eficiencia.
3. Actuar sobra as emisións non enerxéticas (p.ex. evitar a deforestación)
4. Cambiar ás tecnoloxías de carbono máis baixo para acadar enerxía, calefacción e transporte.

Todo isto penso que ha de estar bastante ben resumido no documental "Una verdad incómoda" sobre un libro que firma Al Gore, que se está adicando a concienciar ao mundo sobre o quecemento global.

Ligazóns

Trailer "Una verdad incómoda"
10 cousas que podemos facer para evitar o quencemento global.
Protocolo de Kyoto.(pdf)
IPCC. Terceiro informe de Avaliación. Cambio climático 2001. A base científica.(pdf)
IPCC. Informe de síntese. Resumo para responsables de políticas.(pdf)
Proxy climatic and environmental changes of the 1000 years.(pdf, inglés)
Stern Review of the Economics of Climate Change. 2006.(inglés)
Chistopher Monckton replícalle a Stern.(pdf, inglés)

En Chuza!:

Desfacendo a teoría do quecemento global.
Campaña mundial para plantar un millón de árbores.
De CO2 a gasolina.
Temperaturas médias na Galiza aumentan 1´5º C em 30 anos.

Imos morrer todos!

11/11/2006

Erasmus sound festival 06

Ao máis puro estilo número un (que dixen que ía ir e fun) e número dous (actividades favoritas) aí vai.



Quedoume perda de non me ter acollido ás bolsas Erasmus cando puiden, pero polo menos disfrutamos da música co seu nome. Non chegamos para ver a Revolujoin, pero si na metade de Soardy, uns suecos que me encantaron. Deles é a foto de arriba, non moi boa, pero non tiven tempo a facer máis que a cámara deixou de traballar.

Revolujoin-Cuarta Dimensión



Soardy-Memories



Despois chegou o turno a Le Mygale Corp. , que co seu hip-hop guitarreiro, resulta que foi o grupo que máis animou a festa e, para a miña sorpresa, case case os que máis me gustaron. Cousas deles: cada un ten un nome de araña e o que andaba cos scratches (DJ Black Widow), daba a súa última actuación con eles ese noite. Mención especial pola miña parte ao Spider Deluxe (Julien Campus) três mignon o rapaz, e ao Poppayann (Yann Coucharriere) que lucía unha barba ben chula.



Logo tocaron Heissel que xa se encargaron ben eles de facerse publicidade e de repartir Cd´s seus de gratis entre a xente que alí estaba. A posta en escea moi ben que o cantante lembrou ao Robert Smith ao saír vestido cunha camisa de forza e coa cara pintada de branco. Ata houbo invitado sorpresa: un de Haiku.
Para min, o que lle sobrou foi poética ao cantante, que de cando en vez soltaba unhas frases moi sentidas e moi evocadoras pero dame que non era o sitio máis axeitado para facer esa poética.

Heissel-Al oír el mar



E os que agardaba eu con máis ansias, os Pony Pony Run Run, como que me decepcionaron no directo. Non sei, altas expectativas que tería eu.

Pony Pony Run Run-Gettin´drunk on you



Gustáronme os falsetes que facía un dos guitarristas que me lembraron ao Justin Hawkins pero nin punto de comparación, que coma el, ningún!

The Darkness-Girlfriend



De tódolos xeitos mereceume a pena, ata saquei amigos!

11/10/2006

Real Flickr

Encántame que a vida real se encha da vida virtual.

Café de Macondo, rúa de San Andrés nº 106. A Coruña.

11/07/2006

III. Suicidarasme algún día

Xa non nos aturamos, ese foi o día.

O día que anoitecín e tiven que fumar para poder durmir,
o día que me inquietei cando xa non quedaba nada máis para beber,
o día que desexei que as miñas mans fosen as túas
mentres tiña vontade de foder...
con todos eses días, fixen unha úlcera no estómago
e vomitei.

Botei flemas negras que envelenaban o corazón,
caín no chan coa miña cara a afogar nos restos dunha choiva de cervexa
mentres o fígado verquía sangue escuro no meu interior.

Despois desa degradación tan humana, espertei e vinte.
Vinte de cada vez que abrín os ollos porque sempres estiveches.
Notei na caluga os teus ollos, fora das coveiras, mirando para un corpo tendido,
souben que non me abandoaras porque a través das interferencias dos meus oídos
chamáchesme cousas ruíns e as máis tenras tamén
e as primeiras, meu ben, fixéronte temeroso aos meus ollos.

Laváchesme o corpo e acordei cos teus brazos arredor,
arrepentida.
Arrepentida e leda de saber da túa dependencia por min.
A ciclotimia da miña vida, dominarate.

Estou enferma de ti.

11/06/2006

I. Si que me gusta

Nin espero por ti, nin esperas por min. Eu voute atopar e ti has de vir.



Rinôçèrôse - Bitch

11/05/2006

Madredeus - Amor infinito

Madredeus-Amor infinito



Disfrutámolo moito.

(Vale, está claro que non me vou adicar ao tema audiovisual)

11/04/2006

A Torre de Hércules


Na entrada do Concello de A Coruña teñen un libro de firmas para conseguir a declaración da Torre de Hércules, por parte da Unesco, como Patrimonio da Humanidade. Xa o tentaran hai 4 anos. En Galicia xa temos a Cidade Vella de Santiago de Compostela (1985), o Camiño de Santiago (1993) e as Muralla Romana de Lugo (2003) declarados como tal. As Médulas tamén teñen esa honra dende o ano 1997.

España é o país con máis lugares declarados como Bens do Patrimonio da Humanidade, cun total de 39, por iso ten que restrinxir as súas candidaturas a unha ao ano para equilibrar a representación dos estados na Lista de Patrimonio Mundial. Este ano, a sorte tívoa a Ponte de Bizkaia.
Das lendas que falan sobre este faro, hai unha que é a que adxudica a súa construcción a Heracles que, vencendo a Xerión nun dos seus 12 traballos encomendados, enterrou a súa cabeza debaixo da Torre. Arredor da Torre fíxose un parque escultórico que ten referencias a estes traballos de Hércules, e explícano moi ben aquí, os rapaces do I.E.S. de Adormideras.

Así é que o concello de A Coruña ten no seu escudo á Torre de Hércules dende 1448, e os osos e a calivera que hai debaixo dela representan ao xigante Xerión. Non é para menos, tiña a mesma importancia xeográfica que o desaparecido Faro de Alexandría, ou así o facía ver hai case mil anos no "Mapamundi" o Beato de Burgo de Osma.

Eu fun firmar hoxe no libro ese. Fun firmar por todas as veces que fun ver o Atlántico ao seu carón, por todas as veces que se ve emerxer maxestuosamente e silandeira entre a néboa , por todas as veces que estando de noite na praia seguía os seus pulsos de luz e por toda a xente que a leva visto neses 2000 e pico anos que leva en pé.

Digo eu que, se ides (a) A Coruña (a min tamén me gusta), non estaría de máis facer o mesmo.