5/13/2008

Igual son unha ilusa, pero...

Xa de pequenos nos decatamos da realidade que temos arredor, unha realidade que di que todos somos iguais pero que imos descubrindo rica e chea de matices precisos para distinguirnos os uns dos outros. Eu, con 6 anos, fun consciente de que posuía algo que me diferenciaba e do que estaba moi orgullosa: a lingua. Creo que foi o ano do centenario do nacemento de Castelao no que unha pícara escribiu, con trazos de lapis que non se borraron co paso dos anos, unhas liñas: “Nas cidades xa non se rin de nós se falamos o galego. Eu falo galego e a miña familia tamén. Nas escolas de Trasmonte fálase o galego.” Nesas tres frases recolleu un chisco de autoodio e desprezo que por algún lado foi insuflado, a familia coa que nos identificamos e que instaura valores e costumes, e a educación, tan necesaria para que esa nena seguise aprendendo moitas máis cousas, todas distintas e todas enriquecedoras.

Hai case un ano que coñezo a Andrea, unha rapaza dunha vila calquera deste país. O outro día, mentres estabamos con súa nai, díxome Tú hablas gallego. Si, sorrín. Y tú sabes hablar como nosotras?Por un intre, tan pequeno como imborrable é o seu recordo, creo que ese autoodio insuflado e un complexo de inferioridade quixeron facer presenza. O que lle atinei a dicir foi que si, pero que non me facía falla falar coma ela porque as dúas nos entendiamos. Andrea asentiu e animeina a continuar facendo o traballo que tiñamos entre mans, amodiño. Y que significa amodiño?
Así dese xeito funme decatando da verdade: amodiño é como nos imos dando conta da nosa idiosincrasia como colectivo que xa é usada como reclamo publicitario, de que somos país, de que temos unha cultura de noso, de que podemos ser creadores doutra realidade mimando aquelo que temos que gastar por exceso de uso, o único que permite que nos comuniquemos cos demais, aquelo que nos diferencia e que nos vai unindo amodiño: a lingua.

Amodiño é como van mudando as cousas: poder ler a Baricco, a Kavafis ou a Houellebecq xa é unha realidade da man de Rinoceronte, como real é ir a un concerto e poder tararear “só cinco coma min, controlamos o planeta” con The Homens. Tan real como rirte dos que se rían de ti (que agora tentan anular aos galegofalantes por ser diferentes e non avergonzarse de selo) dicindo que Galicia es una mierda como os Ataque Escampe, e pensar que cando se cree a segunda canle da TVG haberá cabida para toda a explosión cultural que se está creando nun idioma que medra cada día máis.

Amodiño é como nos imos decatando de que a realidade máis próxima que temos é a mesma que lle pode interesar ao resto do mundo: a Unión Europea pode tomar como exemplo a rexión Galicia-Norte de Portugal, premios nacionais e internacionais de literatura gáñanos autores que escriben en galego…e se outros recoñecen o valor da nosa lingua como nexo de unión, como significado de calidade, a que agradamos nós?

Estamos no momento de romper eses tópicos de se subimos ou baixamos escadas e avanzar, sen mirarnos o embigo e deixando á marxe as críticas destructivas, porque estou segura que ese é o camiño para que Andrea, o día de mañá, aprecie todo aquilo que saia da lingua que tanto sufriu e que tan politizada está nestes intres.

Andrea cando medre, mercará camisolas do Rei Zentolo, asistirá ao Artenativa, irá a Portugal cunha idea distinta á de mercar toallas e lerá a Clarice Lispector sen precisar traducción, porque a lingua, anque nos diferencia, tamén crea lazos de unión. E iso que fará Andrea é o normal.



5 comentários:

A pirámide disse...

Parabéns, Besbe. Grazas a ti somos menos pesimistas.
Desculpa a pouca autoestima. O ambiente xunteiro que nos absorve (mellor, que nos abduce). Menos mal que aínda "sentimos a Forza".

FEANS ASESORES disse...

fermoso post, Besbe 8-)

eu tamén son optimista co tema, de feito case prefiro a unha rapaza que comece a falar galego aos 18 que unha paleofalante que igual se pasa ao castelán aos 16 por ser máis guai ou aos 25 para medrar no traballo. Pola contra quen se pasa ao galego xa de adulto faino convencido, é un falante gañado de por vida. Tristemente non se pode dicer o mesmo dos paleofalantes non conscientes, que en calquera intre da súa vida poden ceder á presión do castelán.

O certo é que, gostemos ou non, o a responsabilidade de garantir o futuro do galego recae sobre todo nos neofalantes.

torredebabel disse...

como xa dixeches todo canto podía ser dito, eu so vou engadir unha soa palabra máis: Bravo!!

A Raíña Vermella disse...

Non está mal ler de cando en vez opinións positivas, aínda que só sexa para contrarrestar toda a avalancha de pesimismo que nos afoga e que, sexa ou non xustificado, non fai ningún favor. Un bico;)

Son Unha Xoaniña disse...

Parabéns por iste texto. Nada máis que engadir.
Eu tiven a mala sorte de medrar e estudar nun tempo no que o Galego estaba afastado da ensinanza e tiña esas connotacións de lingua menor que só falaban os paletos.
Así que tiven que aprender a escribila xa de moza, inda que recoñezo a sorte de ter un pai que falou e ecribiu dende sempre o Galego e nos enculturizou nesta fermosa lingua.
Apertas.