10/09/2008

Arumes, besbe e a CNT (Woody Allen por diante)

Que se é unha postal, que se non deixa de caer nos tópicos, que se a voz en off, que, en definitiva, vaia fraude de película. Pois a min gustoume e por un momento comparei a Woody Allen con Stephen King en canto á facilidade que teñen ambos de imaxinar os seus mundos, as súas historias, dun xeito que ata parece fácil.

Vicky, Cristina, Barcelona é iso, o que é Barcelona para os que non viven na cidade e para os que van de turistas: o aeroporto, Miró, Gaudí e o parque Güell e a Pedrera, Miró, a fonte máxica e Montjuïc, a burguesía catalana e o barrio de Pedralbes, as Ramblas, a estatua de Colón, o Tibidabo, o catalán, os extranxeiros...e o que pode acontecer nunha cidade ou noutra (Oviedo e os carbayones, e Santa María del Naranco e unha fabada) mentres bebes viño, escoitas tocar unha guitarra (que nunca está de máis, pero tamén son casualidades atopar tantas guitarras) e te sorprendes coas persoas coas que te xunta a vida.

Trailer de Vicky, Cristina, Barcelona



Barcelona non é maís que o marco no que se conta unha historia que tanto ten que acontecese en Londres, ou Manhattan, San Petersburgo ou na Coruña, o que se vai buscando é encadrar nalgún sitio o que todos facemos e a todos nos pasa: seducir, namorarnos, botar un ferrete, comezar unha relación, plantexarte outra, cuestionar o futuro na compaña de alguén, decidir continuar co que xa tes, decidir ser infiel, saber o que non queres e buscar o que colme a insatisfacción, decidir que as etiquetas homosexual/heterosexual/bisexual non sempre son correctas, querer a alguén e namorarte doutro alguén, cuestionarte a monogamia, cuestionarte a vida en parella...e todo o que iso implica cando non se comparten puntos de vista, cando a moralidade che impide tomar certas decisións, cando as eleccións non son "correctas", cando che da igual o que digan os demais, cando non atopas o que queres, cando ves que as túas decisións están influenciadas polos demais e optas por deixar que iso sexa así ou todo o contrario.

A película non soluciona nada, pódese dicir que é un cliché de pensamento e ata podo aventurar que sexa unha película a programar nas tardes dos domingos en calquera cadea de televisión, o cal me parecería xenial: ver con naturalidade certas maneiras de vivir a vida, a sexualidade, que non son as convencionais e sementar unha dúbida en milleiros de cabezas.

O que máis me gustou é que a historia é presentada así tal cual, non xulga, non critica, non condiciona, so mostra o que hai e cada un que escolla, porque á fin, a vida hai que vivila e das túas escollas vai depender a túa vida. Gustoume porque é sinxelo identificarse con cada un dos personaxes.

E a banda sonora tamén foi do meu agrado: http://www.myspace.com/giuliaylostellarini

adicado a arume dos piñeiros, gustoume máis Pe que Scarlett e non me decatei do cartel da CNT, débolle un libro...


3 comentários:

Mario disse...

Eu o de Stephen King podo concedercho, en parte porque non sei se dá máis medo Pe ou Bardem (aínda que apostaría pola primeira).

En calquera caso é o de sempre. É moi difícil ser un director "independente", caer no xogo dos cartos cataláns e sair indemne. Eu aí apostaría polas mañas do vello Woody, pero vese que apostaría mal. Claro, unha cousa é refugar dos Oscar como icona do cinema comercial, e outra rexeitar un proxecto do terceiro mundo para rodar en Barcelona (sen reparar que é a mesma hipocrisía pero en pequeno).

Por outra banda, nada comparábel aos mitos de Manhattan ou Annie Hall, nen sequera a outras máis cuestionábeis como Desmontando a Harry. Nen sequera as cortinillas en espiral chegan a convencer da enorme brincadeira que pretende representar todo o filme. E para as dúbidas sobre a sexualidade e a familia prefiro a Ozpetek, que polo menos sabe do que fala e nunca representou ao macho ibérico que "pode conseguir todo o sexo que quere" (Allen dixit).

E non é por mal, pero até a banda sonora e a súa historia me pareceron do máis oportunista que teño visto na vida.

Anónimo disse...

Moitísimas gracias, querida Besbe.

O que pasa é que eu nin me fixei no que supostamente ten de provocativo ou de trasladable á miña vida ou á vida dos máis próximos. En realidade, poucas veces miro as películas con esa intención. Sempre as vexo como algo aparte, como un artificio. E nese caso tampouco lle atopo eu a película nada excepcional. Salvo, eso si, a sarta de tópicos que só desde unha perspectiva paródica (que Allen non remarca o suficiente, pero podemos albiscar por analoxía con outras películas como a de Todo o mundo di Quérote onde o puntiño irónico aparece) pode aceptarse.
Scarlett Johansson fai o papel máis penoso da súa xa extensa filmografía. Non sei se o Allen o fixo aposta, se temos en conta o que di dela no seu diario (?). E eu teño un certo bloqueo con Pe: non me gusta nada, nin siquera naquela película supostamente tamén a mellor dela de Non ti muovere, con Sergio Castellito. Esa teima por parecerse a Sofia Loren ou a Claudia Cardinale vaille pasar factura. Ao tempo.

Non obstante, se non viche o cartel foi por que estabas máis pendente ca min da historia. Podemos ampliar o desafío a todo o que se acerque ao teu blog. Poño eu nese caso o libro.

Por certo, boto en falta as crónicas noctívagas. A ver se saimos máis.
Bicos de nait.

besbe disse...

Botareille un vistazo a Oezpetek logo, Mario, e sobre o tema de que haxa homes que poden conseguir todo o sexo que queren, ao meu ver, é ben certo (así como tamén mulleres) outra cousa é que sexa un tópico de "macho ibérico". Polo demais tampouco é que agardase unha super obra mestra, co cal o resultado agradoume, a película fácil de ver e que me gustou, a que se poñen unha e outra vez na TV (caso de Pretty Woman) igual por "agradable" vexo. Por iso me gustou a película. Sobre os cartos cataláns, para min foron un pouco inxenuos pretendendo, se é que pretendían, que amosase unha Barcelona real, non creo que haxa moitas cidades reais en moitas películas, case todas son postais.

Arume mmm a Pe é o seu personaxe en Volver pero un pouco menos, que non acaba de chegar, porque eu dende que vin Jamón, Jamón téñoa "de non". Polo demais iso, a historia gústame, irreal como todas as películas deste tipo, pero gústame, polo menos polo que poida dicir a xente.

Non lle vou dar o calificativo de super peliculón pero tampouco de gran fiasco, igual é que por ser de Woody Allen todo o mundo agardaba outra cousa, pero por ser Woody Allen pode facer un cagallón, salvar o pelexo e quedar tan pancho.

Sobre as noites noctívagas, o ano pasado perdín cinco kilos por andar tanto de farra e traballar coma unha condenada, todo hai que dicilo. Como as cousas mudan e o de condenarse traballando non, decidín recuperar os kilos e non quedar no chasis.

E parece que todo iso foi hai anos...que mundo este.