2/08/2008

En Galicia non se le?

Pois semella que se le, pero pouco en comparanza co resto do estado español, os penúltimos en índice de lectura e iso dá que pensar.

Para quen queira ir mudando o feito e non se lle ocurra que libro pode ler, teño unha recomenda: este libro e de agasallo o poema de Louis Aragon cantado por Leo Ferré:



chuza!: Galiza ocupa o penúltimo lugar en índice de lecturas das autonomías

2/07/2008

Quero ir a Venecia!!

Este ano novo recibín unha postal de Venecia da miña mellor amiga que me contaba o marabillosa que era a cidade e que tivera a sorte de vela nevada...desexei estar alí, porque en moi poucas palabras resumiu a esencia da cidade. Agora ando buscando a postal e non a dou atopado (se estás lendo isto non te enfades, é que son un pouco desordeada).

Se o ano pasado en marzo maria máis Harvey fixeran o meme musical máis quente e en abril o fodemillo asulagou a semana menos santa xamais vista, este ano Vieiros adiántase e van facer neste febreiro unha Coresma ardente co seu concurso Ferve a rede: 550 sensuais caracteres poden levarte a Venecia ou, se hai sorte e non erotismo, unha fin de semana en O Sexo, na Golada.



Eu penso participar, quero ir a Venecia.

Mmmmmúsicas así comezou
Fodemillo


2/05/2008

E os afortunados son...

Pois aquí está a resposta, coa música de Annie Hall de fondo:



Noraboa e xa me diredes a onde vos mando os agasallos.

2/04/2008

Blogueira con moito lecer busca...

...isto é o que busca.


Sorteo Beliscos do porco-Apocalipse pequena II

E estes son os participantes no sorteo por parte de Beliscos Pequenos:

Oko
A Madriña Asociados Ltd.
ifrit
a rapaza do arco(2 boletos)
xabre
X
AK(2 boletos)
Calidonia
Paideleo(5 boletos)
opaco
Anxo D. (2 boletos)
Torre de babel
O´Fartura
Doutora Seymour (2 boletos)
An(2 boletos)
Homes de pedra(2 boletos)
dorfun
Manuel Rivas
moucho branco
Prosciutto Mourente(2 boletos)
Rosa
Jan
Joao Veiga


Nesta semana farase o sorteo dos regalos, a lembrar: 2 cd´s de Alddao, un CD con música baixo licenza Creative Commons pinchada na festa, da man do podcast common´s baby e un exemplar de Proxecto Identidade.

Sorte e coidado coas entroidadas!


2/03/2008

Máscaras

Neste entroido non sei se nos camuflamos debaixo das máscaras ou son as caretas as que caen e nos mostramos tal e como somos. Preferiría, hoxe e agora, que realmente fose o último, que a conversa que hoxe tiven fose a verdade e, así, poder respirar tranquila despois de moito tempo.

Dixéronme xa dúas persoas que non, que non me fixese ilusións. Pero eu quero crelo. Facer o imposible para que sexa así. O que me pregunto é, se eu non quero aceptar a realidade que estas dúas persoas me queren ensinar, como el vai aceptar o que eu lle amoso? E derrúmbome e négome a aceptalo e sigo tentando reflotar o que outros xa consideran un caso perdido.

Pode que me engañe e que todo sexa como estas datas: unha farsa que dura xusto o que ten que durar. E non quero porque o quero máis que á miña vida.

-Ai, Dios mío.
-Eso digo eu, a ver onde está o meu. Creo que ten unha nube grande diante e non me ve.



2/02/2008

Dombate

Teño varios amigos interesados no megalitismo en Galicia e na cultura castrexa, de feito a algúns téñolle feito regalos relacionados co tema. O conto é que non se me dera por ir visitar por gusto e interese ningún dos xacementos que abundan por esta terra como ten feito magago. Hoxe mudou o conto, fomos ata o Dolmen de Dombate (de 12:00 a 17:00os sábados e festivos)



Aínda lembraba o que era un dolmen/anta e unha mámoa. En Dombate excavaron e practicamente non queda nada da mámoa que cubría o monumento funerario.
Ten razón de ser porque atoparon restos do dolmen anterior ao que hai na actualidade coñecido como Dombate pequeno, e non se coñece outro caso en Galicia no que se construíse un dolmen nun sitio onde xa había outro.
Atoparon tamén pinturas na cara interior das lousas do corredor e da cámara, 20 idoliños en fila custodiando a entrada do corredor e no límite do túmulo e un axuar lítico e cerámico importante, que agora están no Museo Arqueolóxico da Coruña, no Castelo de San Antón, que dirixe José María Bello que tamén dirixiu as excavacións.

E tamén atoparon a Cousa.



Xa hai tempo que se viña avisando de que Dombate estaba mal coidado: unha lona de plástico por riba que non conservou nada, o dolmen desprotexido sen a mámoa coas súas intimidades ao aire e veña auga, e veña vento e así ata hoxe...gabándonos do que temos (neste caso un monumento funerario máis antigo que as Pirámides de Exipto) e deixando que todo iso se destrúa. O que deron en chamar a catedral do megalitismo galego quedou orfo: o Dombate pequeno foise á merda polo coidado que lle deron. En 20 anos non dá tempo a pensar que facer co patrimonio e agora que decidiran algo, resulta que a metade do que iamos protexer xa non existe e hai que mudar o plan.



Todo este despropósito lembroume un artigo de Manuel Rivas, concretamente un fragmento que vén moi ao caso e que vai tendo trazas de premonitorio se non lle poñen remedio á cousa:

"Hai un motivo da arte parietal, pintado ou gravado, que aparece no dolmen de Dombate. É unha figura senlleira, con moito engado e significado inexplicábel. Enigmática. Con graza. Hai quen di que é unha cunca. Quen ve un peixe. Quen coida que é unha criatura do espazo. Unha especie de anxo. Os arqueólogos non se puxeron de acordo. Foi Shee Twohig, que traballou en Dombate no 1973, e a que incluíu os gravados no seu tratado sobre a arte megalítica occidental, quen lle puxo un nome que fixo fortuna. Chámase a Cousa.

Para min que a Cousa era unha especie de marca anímica, na antiga escrita da pedra. Segundo a posición da Cousa, o que seguía debía entenderse dunha maneira ou doutra.

A Cousa era a retranca. A apertura de sentido. A indirecta. A sutileza. O ideograma de "depende".

Se se perde a Cousa, perdémolo todo."




E que lle imos facer...somos así, non? (a min cabréame un pouquiño)


1/31/2008

"Ámote" neste entroido

Falar de entroido é pensar en Laza, Xinzo da Limia e Verín. Casualmente o libro que ando a ler agora mesmo, Ámote, é dun autor nado en Verín: Xosé Carlos Caneiro. Del tamén lin O infortunio da soidade e Un xogo de apócrifos e o que poido dicir é que ás veces facíaseme pesada a súa prosa, demasiado densa, e agora marabíllome con ela.

Gaña a marabilla porque me parece incrible poder falar e falar dun mesmo tema, darlle voltas e rebiravoltas sen, aparentemente, chegar a sitio algún e, aínda así, conseguir que sigas lendo. Ás veces paréceme que as palabras saen do meu pensamento, o cal debe ser bo porque iso é conseguir que me embeba dos personaxes e das situacións, con Ámote e Ulises Craso, o seu protagonista, estame a pasar iso. É un home que de primeiras me inspira mágoa, moita mágoa, un solitario, un triste optimista (ou á contra), un xornalista findedición...non rematei aínda o libro mais, a terceira parte que levo lido, levoume a buscar unha dirección en internet: a páxina do protagonista.

" No ordenador de casa, antes de coñecerte, recibín un correo. De Sydney, Australia. Un individuo que entrara na páxina ulisescraso.com e que lera todas as miñas ameazas de desaparición, as queixas á vida, a miña amargura (unha páxina propia en internet resulta eficaz para reprimir os delitos da soidade, para laiarse de todo e de todos, para solicitar axuda, para dar a coñecer os teus delirios e improntas e sensabores). Envioume, o australiano, un correo que dicía iso precisamente: a vida é marabillosa."

A páxina non existe e non sei se algún día existiu, pero podería ter estado ben que Ulises Craso tivese a súa impronta na rede. So era para contar iso.

De paso e falando do verinés, deixar aquí unha ligazón a De bar en bar (Os poemas prohidos), 22 poemas recitados por el e acompañado por Xosé Manuel Salgado (guitarra) e Manolo Garrido (flauta), compositores da maioría dos temas. Dos tres que se poden descargar da páxina quédome con Cando digo que te amo.

1/26/2008

Tamén teño agasallos

Que contenta viña hai uns intres despois de ir a Correos a buscar o paquetiño que Joao mandou! Tan contenta coma cando no buzón atopei o que enviaran os rapaces da Madriña.



Da man de Joao e dos organizadores do sorteo CM da amizade galego-portuguesa teño agora para as lecturas nocturnas A campanha do Argus de Allan Villiers, oficial da Armada australiana e asiduo do National Geographic Magazine que se embarcou no Argus, veleiro portugués adicado á pesca do bacallau.

Por parte de A Madriña Asociados Ltd. un par de Cd´s coas películas de Aki Kaurismäkis, director digno de ser proxectado no CGAI sen dúbida algunha e que serán visionadas nesta tarde sabática.

E lembrade, vos tamén podedes ter agasallos, así que a seguir participando que aínda queda unha semana por diante!


1/22/2008

Sorteo Beliscos do porco-Apocalipse pequena

Xa dixemos que queriamos que esta festa fose para todos e o malo e o bo que ten internet é que anque nos xuntamos no mesmo mundo virtual, é moito máis difícil xuntarnos no mesmo espacio físico. De todos os xeitos queriamos agasallar a todo o mundo con algo e decidimos organizar este sorteo, baseándonos no que fixeron no Sorteo CM Amizade Galego-Portugesa.

1. Obxectivo: digamos que agasallar a todos aqueles que andan pola rede galega e que, por un motivo ou outro, viñeron dar aos nosos blogues. Por outra banda, tamén queremos dar o noso apoio e destacar a importancia das licenzas Creative Commons, da nova música galega que surxe e de que, coma sempre, a unión fai a forza.



2. Cousas a sortear: un CD recopilatorio de música baixo licenza Creative Commons da man de ictioscopio (o noso dall´aí Common Boy), dous CD´s de alDDao, o novo proxecto musical de Lucía Aldao e Diego Delgado e un exemplar de Proxecto Identidade, un libro colaborativo no que está implicada gran parte da blogosfera galega, tamén baixo licencia Creative Commons. Cada blogue sorteará dúas desas cousas (ah, non se sabe cal sorteará que)

3. Participación: poderá participar calquera que veña a dar a beliscos pequenos ou a apocalipse do porco e lle apeteza entrar no sorteo, o único requisito será deixar un comentario (que dará dereito a unha participación) nos blogues. Os comentarios que contabilizarán serán os feitos neste post e seguintes anotacións que se escriban nos blogues. Os comentarios feitos en beliscos pequenos darán dereito ao sorteo das dúas cousas que lle corresponda a este blogue e os comentarios de apocalipse do porco, ao sorteo das dúas cousas que lle correspondan a ghanito.

4. Periodo de participación: o periodo de participación ábrese hoxe, 23 de xaneiro, ata o día 3 de febreiro (inclusive). Os gañadores daranse a coñecer despois de celebrar o sorteo en cada un dos blogues na semana seguinte.

5. Entrega de premios: os gañadores poñeranse en contacto cos autores dos blogues (ou no caso de ser coñecidos, xa nos encargamos nós de localizarvos) e xa vos mandamos os regalos por correo (ou dámosvolos na man, como cadre)

Creo que quedou máis ou menos claro e se non é así e vos apetece participar, preguntádenos! Polo demais, moita sorte.

Como vedes, ao igual que aos The Homens tampouco nos cae ben a SGAE e contamos con todos vós.