Teño varios amigos interesados no megalitismo en Galicia e na cultura castrexa, de feito a algúns téñolle feito regalos relacionados co tema. O conto é que non se me dera por ir visitar por gusto e interese ningún dos xacementos que abundan por esta terra como ten feito
magago. Hoxe mudou o conto, fomos ata o
Dolmen de Dombate (de 12:00 a 17:00os sábados e festivos)

Aínda lembraba o que era un
dolmen/anta e unha
mámoa. En Dombate excavaron e practicamente non queda nada da mámoa que cubría o monumento funerario.
Ten razón de ser porque atoparon restos do dolmen anterior ao que hai na actualidade coñecido como Dombate pequeno, e non se coñece outro caso en Galicia no que se construíse un dolmen nun sitio onde xa había outro.
Atoparon tamén pinturas na cara interior das lousas do corredor e da cámara, 20 idoliños en fila custodiando a entrada do corredor e no límite do túmulo e un axuar lítico e cerámico importante, que agora están no Museo Arqueolóxico da Coruña, no Castelo de San Antón, que dirixe José María Bello que tamén dirixiu as excavacións.
E tamén atoparon a Cousa.

Xa hai tempo que se viña avisando de que
Dombate estaba mal coidado: unha lona de plástico por riba que non conservou nada, o dolmen desprotexido sen a mámoa coas súas intimidades ao aire e veña auga, e veña vento e así ata hoxe...gabándonos do que temos (neste caso un monumento funerario máis antigo que as Pirámides de Exipto) e deixando que todo iso se destrúa. O que deron en chamar a catedral do megalitismo galego quedou orfo: o Dombate pequeno foise á merda polo coidado que lle deron. En 20 anos non dá tempo a pensar que facer co patrimonio e agora que decidiran algo, resulta que a metade do que iamos protexer xa non existe e
hai que mudar o plan.

Todo este despropósito lembroume un
artigo de Manuel Rivas, concretamente un fragmento que vén moi ao caso e que vai tendo trazas de premonitorio se non lle poñen remedio á cousa:
"Hai un motivo da arte parietal, pintado ou gravado, que aparece no dolmen de Dombate. É unha figura senlleira, con moito engado e significado inexplicábel. Enigmática. Con graza. Hai quen di que é unha cunca. Quen ve un peixe. Quen coida que é unha criatura do espazo. Unha especie de anxo. Os arqueólogos non se puxeron de acordo. Foi Shee Twohig, que traballou en Dombate no 1973, e a que incluíu os gravados no seu tratado sobre a arte megalítica occidental, quen lle puxo un nome que fixo fortuna. Chámase a Cousa.
Para min que a Cousa era unha especie de marca anímica, na antiga escrita da pedra. Segundo a posición da Cousa, o que seguía debía entenderse dunha maneira ou doutra.
A Cousa era a retranca. A apertura de sentido. A indirecta. A sutileza. O ideograma de "depende".
Se se perde a Cousa, perdémolo todo."
E que lle imos facer...somos así, non? (a min cabréame un pouquiño)