O río que pasa a carón da miña casa é o Lengüelle. Ven de Cerceda, onde está Sogama, onde está Areosa, onde está Danigal. Sempre considerei á auga do río, a das fontes, unha das cousas máis sagradas do mundo: sei a forza que ten cando hai enchentes, da beleza en primavera mentres andamos a pescar e sei dos veráns con risos nas súas augas frías. Sei que o que se facía en Sogama (a da Xunta, a de Fenosa), río arriba, era contaminar as augas que pasan a carón da casa. Sei que os responsables botan terra por riba da porcallada pensando que se continúan agachando os feitos, non imos pedir explicacións. O que non saben é que a auga na que lavan despois as mans está tan contaminada coma o Lengüelle o estivo en cada verquido e os responsables deberían, metaforicamente, estar coma as troitas eses días: mortos.
Dóeme a cabeza e penso nas pílulas enterradas en Cerceda, penso nos hospitais. A semana pasada foi de infarto: de urxencias no aínda chamado Juan Canalejo a urxencias no CHUS en Santiago, foi neste último onde vin unha situación deprimente: cortinas suxas manchadas de sangue, o barullo da feira e móbiles soando diante de cartaces que pregaban silencio e teléfonos apagados. Os familiares campando a pracer por urxencias, facendo de enfermeiros dos pacientes diante de cartaces nas paredes denunciando a diminución do persoal de urxencias. Sei que é deprimente, sei que é de vergoña, sei que me estou enfadando.
Sei tamén que me enfadei hai uns días. Cando acudín a unha ortopedia solicitando unha serie de aparellos precisos para o meu traballo. Cando me dixeron que non oíran falar diso na súa vida e que o que pedía non existía. Cando insistín, cando lle repito o nome dos aparellos e cando San Google lles amosa que si existe o que quero. E enfadeime cando tentaron camuflar a súa ignorancia, a súa pouca profesionalidade, a súa falta de humildade contestándome: "Claro, es que como lo dijiste en gallego...". Realmente estáballe pedindo as cousas polo seu nome comercial, o seu nome en inglés. Sei que hai quen non soporta que faga a miña vida en galego con normalidade e sei que son intransixentes, totalitarios e irrespetuosos para comigo.
Isto é o único que eu sei de primeira man, pouco, pero seino. Quen goberne ten que saber para quen e onde vai gobernar e ter claro que é unha responsabilidade.
E ti que sabes? Máis ca min, supoño.