2/15/2009

Lalín Pork Art

A Lalín Pork Art(pdf), ao igual que a Cow Parade, parécenme moi boas ideas, danlle un "algo" distinto ás cidades e, nestas datas, o porco é indispensable para un bo cocido e Lalín o mellor sitio para ir comelo.

Dorvisou xa fotografara algúns destes exemplares cando estiveran expostos o ano pasado en Compostela, o de Paco Lareo, o de Armindo Salgueiro e o de José A. Fondevila García que foi o que máis lle debeu gustar ao alcalde José Crespo, xa que mesmo aparece ao seu carón no folleto de presentación.



Ao meu ver non é a mellor fotografía para un alcalde, pero é entroido e todo vale.


2/07/2009

Unha de arte urbana

Bansky, Dolk...quedo con nin9, un rapaz da Coruña que fai marabillas co estarcido. Participou no 2007 no proxecto Galeria Oberta en Barcelona, na oitava edición do Marisquiño, no Artec 8/800 Ltd Edition na Coruña, a rúa comezou a facérselle pequena e os seus traballos puidéronse ver en varias exposicións, agora mesmo na tenda Westpeak en Vigo. Para quen queira máis, eBay é unha opción e outra pasarse por aquí:

http://www.flickr.com/photos/nin9/

http://www.fotolog.com/nin9

e ver a paciencia que hai que ter para facer estas marabillas:

nin9 stencil cutting













2/03/2009

Recuncando no "Eu sei" e meme (se queredes)

Eu sei que no ano 2000 os adxudicatarios das obras do tramo da alta velocidade que queda a carón da miña casa foron OHL e a súa filial Guinovart & Obras y Servicios Hispania, pertencentes ao GRUPO VILLAR MIR. Villar Mir, famoso de xeito vergoñento e con atisbos de corrupción polo caso da mina de Serrabal. Dubido que este home sufrise as consecuencias do seu comportamento. As obras finalizaron no 2005. Tiveron que facer un túnel e durante días, ás 3 da mañá, os cristais das ventás tremeron por mor dos estoupidos. Cando menos non houbo fendas nas casas cercanas, pero o descanso dos veciños rompeuse esas noites. Tiveron que facer pontes para o paso das carreteras por riba das novas vías. Unha delas tirárona 2 veces porque o terreo non aguantaba, anque os estudos xeolóxicos tiñan moi claro que si. Á terceira foi a vencida, pero estiñaron as fontes todas que alí había canalizando as augas subterráneas cara o río. Manaron anos e o tren xa non para na miña casa.

O río que pasa a carón da miña casa é o Lengüelle. Ven de Cerceda, onde está Sogama, onde está Areosa, onde está Danigal. Sempre considerei á auga do río, a das fontes, unha das cousas máis sagradas do mundo: sei a forza que ten cando hai enchentes, da beleza en primavera mentres andamos a pescar e sei dos veráns con risos nas súas augas frías. Sei que o que se facía en Sogama (a da Xunta, a de Fenosa), río arriba, era contaminar as augas que pasan a carón da casa. Sei que os responsables botan terra por riba da porcallada pensando que se continúan agachando os feitos, non imos pedir explicacións. O que non saben é que a auga na que lavan despois as mans está tan contaminada coma o Lengüelle o estivo en cada verquido e os responsables deberían, metaforicamente, estar coma as troitas eses días: mortos.

Dóeme a cabeza e penso nas pílulas enterradas en Cerceda, penso nos hospitais. A semana pasada foi de infarto: de urxencias no aínda chamado Juan Canalejo a urxencias no CHUS en Santiago, foi neste último onde vin unha situación deprimente: cortinas suxas manchadas de sangue, o barullo da feira e móbiles soando diante de cartaces que pregaban silencio e teléfonos apagados. Os familiares campando a pracer por urxencias, facendo de enfermeiros dos pacientes diante de cartaces nas paredes denunciando a diminución do persoal de urxencias. Sei que é deprimente, sei que é de vergoña, sei que me estou enfadando.

Sei tamén que me enfadei hai uns días. Cando acudín a unha ortopedia solicitando unha serie de aparellos precisos para o meu traballo. Cando me dixeron que non oíran falar diso na súa vida e que o que pedía non existía. Cando insistín, cando lle repito o nome dos aparellos e cando San Google lles amosa que si existe o que quero. E enfadeime cando tentaron camuflar a súa ignorancia, a súa pouca profesionalidade, a súa falta de humildade contestándome: "Claro, es que como lo dijiste en gallego...". Realmente estáballe pedindo as cousas polo seu nome comercial, o seu nome en inglés. Sei que hai quen non soporta que faga a miña vida en galego con normalidade e sei que son intransixentes, totalitarios e irrespetuosos para comigo.

Isto é o único que eu sei de primeira man, pouco, pero seino. Quen goberne ten que saber para quen e onde vai gobernar e ter claro que é unha responsabilidade.

E ti que sabes? Máis ca min, supoño.



2/02/2009

Eu sei

Pasolini sabía.

Roberto Saviano sabía.


Eu sei, nós sabemos,
teñen que saber que están no punto de mira porque o país non é seu. Eu polo menos non quero máis cagadiñas.


1/19/2009

Déjà vu

No 98 Miguel Anxo Murado foi a Palestina e tróuxonos Fin de Século en Palestina. No 2005 Hany Abu-Assad falábanos de mártires en Paradise Now.

Paradise Now


O sábado funa escoitando cando ía cara casa no programa Videodrome de Radio3.

O domingo moita xente manifestou non querer ter máis déjà vu deste tipo.


1/13/2009

Immolate yourself

Nestes días de guerra-invasión-asoballamento israelí encuberto e permitido vou dar cun par de rapaces de Nova Orleáns que fan música electrónica e o seu novo disco, Telefon Tel Aviv-Immolate Yourself.



Impactoume a combinación do nome do grupo e o título do album, casualidade, oportunismo ou podemos deducir algún tipo de posicionamento se unha canción se chama Helen of Troy? O caso é que sen darlle máis volta escoiteinos e non me disgustaron.

www.myspace.com/telefontelaviv


1/11/2009

Os Contacontos de Tala

Tala é un lugar en Manila, Filipinas, onde a Fundación Vedruna (chamada así por unha carmelita descalza que chegou a ser considerada santa) ten un taller onde emprega ata 200 mulleres excluidas socialmente para facer estes bonecos contacontos. Polo visto aproveitan os restos das industrias textiles da zona para facer os bonecos.Un deses contacontos regaláronnolo o ano pasado.

Amarante é unha Organización Galega de Cooperación para o Ecodesenvolvemento e vende tamén por internet estes bonecos aquí.

Comercio Xusto-Os contacontos de Tala





1/04/2009

Eu quería falar de amor

Para o comezo do novo ano eu quería falar de amor, porque sempre fai falla, pero a inxustiza, as atrocidades e as masacres que continúan nos territorios ocupados de Gaza por parte dos sionistas convirten en absurda e artificial esa palabra. Sempre queda a posibilidade de reconvertila en solidariedade, posto que se anda a convocar unha manifestación a nivel nacional repudiando estas accións a través do grupo Galiza-Palestina no Facebook (grazas emereci pola corrección)

Eu quería falar de amor