Mostrar mensagens com a etiqueta billarda. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta billarda. Mostrar todas as mensagens

11/21/2008

Pasalo ben, Italo Calvino

Erase un país onde todo estaba prohibido.

Como o único que non estaba prohibido era o xogo da billarda, os súbditos reuníanse nuns prados que quedaban detrás do pobo e alí, xogando á billarda, pasaban os días.

E como as prohibicións comezaran con pouco, sempre con motivos xustificados, non había ninguén que atopase nada que dicir ou que non se soubese adaptar.

Pasaron os anos. Un día os condestables viron que xa non había razón para que todo estivese prohibido e mandaron mensaxeiros a anunciar aos súbditos que podían facer o que quixesen.

-Sabede -anunciaron- que xa non hai nada prohibido.

Os súbditos seguían xogando á billarda.

-Comprendestes? -insistiron os mensaxeiros- Sodes libres de facer o que queirades.

-Está ben. -respostaron os súbditos- Nós xogamos á billarda.

Os mensaxeiros afanáronse en lembrarlles cantas ocupacións belas e útiles existían ás que se adicaran no pasado e ás que podían adicarse novamente de agora en diante. Pero os súbditos non facían caso e seguían xogando, un golpe tras outro, case sen respirar.

Comprobando a inutilidade dos seus intentos, os mensaxeiros foron a comunicarllo aos condestables.

-Moi sinxelo. -dixeron os condestables- Prohibamos o xogo da billarda.

Foi a vez na que o pobo fixo a revolución e matounos a todos.

Despois, sen perder tempo, voltou xogar á billarda.

Pasalo ben, Italo Calvino




3/05/2008

III All Stars da Liga Nacional de Billarda



Xogamos este domingo o III All Stars e, ao igual que o ano pasado, foi moi emocionante. Ver como este deporte xunta a tanta xente nun ambiente tan agradable é moi satisfactorio. O sorriso e os abrazos e bicos eran obrigados cando chegaron Xermán, Zidane, David, Toño, Carmiña, Calvete e toda a tribu do NorLeste.

A Conferencia NorOeste non se amilanou ante a chegada da Laranxa Mecánica e dou guerra ata o final. Todo o partido foi moi emocionante, posto que ata o último momento estando ao borde do infarto, a Conferencia NorLeste non logrou facerse coa victoria (Markitos, lembrarémoste toda a vida). Despois concurso de mates, de varados e a comer.

Teño moi bos momentos grabados do partido. A emoción de xogadores do NorLeste que confesaron que esta era a primeira vez que xogaban todos xuntos contra outro equipo sen ter que prestalles xogadores aos contrarios. O momento no que me confesaron que se me notaba a melloría dun ano para o outro, posto que no anterior All Stars "parecía que estabas matando conexos" e neste polo menos fixen dous puntos de tres. Na comida volver a ser nena con Juan Pedro, o meu pícaro preferido, e rir un anaco con Carmiña cando acordamos entre as dúas que para o ano tiñamos nós que ir xogar ao Norleste.

Agora a prepararse para o Play Off 2008 na Alameda de Compostela o 25 de maio.

E sen máis unha aperta para Zidane, máis ca nada porque o pasou algo mal na comida (que non fose nada).

Outro deporte é posivel (gracias á ilusión de todos, a Vieiros e a Novas da Galiza)



12/18/2007

Be palán, my friend...

O domingo houbo de novo xornada billardeira con moitas novidades que se irán adiantando no blogue da Conferencia NorOeste.

Mentres, un vídeo dos nosos palanadores coa música de The Homens. Aproveitando a ocasión, temos que dicir que fontes fidedignas informaron que Martin Wu é seguidor da franquicia Tronos do Masma (que vivan os fans) da Conferencia NorLeste. Dentro vídeo (Bruce Lee mediante):

Be palán, my friend...


E aproveito a ocasión para presentarvos ao meu palán semituneado:



Hoxe, máis convencida ca nunca, digo: soa non podes, con amigos si.


12/01/2007

Premio Nacional do Deporte Galego

Pois o Premio Nacional do Deporte Galego á Mellor Iniciativa no Deporte Tradicional déronllo onte a O Varal. A crónica e fotos na de ghanito, a quen lle collo esta prestada. As noraboas no Varal, nas Conferencias NorLeste e NorOeste. Todo un gusto coñecer a Juan Pico, voltar a ver a todos os demais palanadores e con ganas de ver no Tele-Varal a zimmer103 recollendo o premio e ler un discurso que ben merece ser escoitado e lembrado.



O dito, outro deporte é posíbel!

11/19/2007

Así palanamos, así, así

O domingo púxose en marcha a Liga de Billarda do NorOeste con gran éxito no debut, sobre todo por parte da nosa franquicia, a dos Electr@nicos (nome proposto por ghanito a última hora e que aceptamos todos por unanimidade) e se non, a botarlle un ollo ás clasificacións. E así palanamos, amigos. Máis fotos aquí, agardando a que ghanito poña as súas.



Por outra banda, Tele-Varal conta con outra adquisición, uséase eu (algo perdida si que estaba, pero que o fixen con toda a boa intención do mundo). O dito, outro deporte é posíbel!

Ah, e como non, darlle as gracias á xente do Varal que, ademais de axudarnos, tamén trouxeron a choiva!

Tele-Varal na inauguración a LNB-NorOeste

11/15/2007

Comeza a Liga Nacional de Billarda na Coruña


Domingo 18, ás catro da tarde na pista de billarda da Zapateira, a Conferencia NorOeste vai dar que falar e para iso precisamos de ti!!

Outro deporte é posible!!

Máis en Vieiros e no blogue oficial da Liga de Billarda do NorOeste.


9/08/2007

Billarda rules!



A recén creada Conferencia NorOeste de Billarda vai dar guerra. Mañá apúntome porque Sak, David, o Randeeiro e Zimmer 103 fixeron que me enganchase ao billardeo.

Nace a LNB-NorOeste no Varal.
Blogue Oficial da Conferencia NorOeste
Conferencia Leste vs Conferencia Noroeste no II All Stars en Vieiros.
Inscripcións aquí: lnbnoroeste@gmail.com

Tremede, palanadores ao ataque!

3/19/2007

Billarda: outro deporte é posíbel!


E tanto que é un deporte con posibilidades esto da billarda, eu xa me enganchei. Aínda non recuperada da noite do venres pero facendo caso ao que as camisetas de e-music nos inculcan e con medo a ver que era eso da billarda, achegueime o domingo pola mañá, invitada por Sak, ao lado da CUAC.fm alá na "Pateira" bautizada así por un dos integrantes da Liga Nacional de Billarda.

Celebrábase o II All Stars da Billarda e resultou todo un éxito: o equipo do Leste conta o do Oeste, laranxas contra azuis, e fixémolos sufrir: Sak, David, Aitor, Toño, Leti, Anxo, Calve máis eu, integrantes do equipo azul do Oeste podemos estar orgullosos do traballo realizado, que non sei como demos para tanto sendo tan principiantes como eramos, non todos, pero si a maioría.

No encontro coñecín a David, rapaz a mar de feito onde os haxa, e semifinalista do concurso de mates (que non de triples) de billarda, a ilustres mandriles das ondas coma Zimmer 103 e durante a comida tivo lugar o encontro con ese gran home que fai posible A Randeeira, e cando digo gran home quédome curta. Canto da de si o blogomillo, eh?

Despois de encher ben os bandullos e tomarlle o obrigado licor café de sobremesa dirixímonos ao Patachim onde voltamos a lembrar a noite do venres no 14 con Rubén que nos agardaba detrás da barra.



Eu dende aquí non poido facer máis que darlle a miña noraboa e as gracias á xente do Varal por todo o que andan a facer con eses campionatos a través da LNB (Liga Nacional de Billarda), polo ben que se pasa con eles, pola boa xente que son e porque si, porque me da a gana e porque me meteron as ganas do corpo de xogar máis a billarda, onde tamén hai un equipo feminino, as Fanecas Bravas que animan calquera celebración en menos de nada.

E a prepararse todo o mundo que eu trouxen para casa con que entrenar, e a ver se imos pensando en montar un equipo aquí na Coruña porque hai canteira, e eso, que esto vai en serio, así que a prepararse que xa sabedes onde conseguir todo o que fai falla para xogar, so falta poñer as ganas e eu teño moitas.



O dito, todo un placer e unha marabilla de día :) e agardo que toda esa xente chegara ben a casa guiada polo conductor da guagua.



E a quen botamos de menos desta vez foi ao Gustavo Harvey, non sei que excusa tería, pero tamén lle perdoamos a ausencia.