Falan do cambio climático que vai converter a Galicia nun novo Mediterráneo, da marbellización da costa galega… deso nada, aquí chove e hoxe "It´s raining Homens".
Hai pouco que os The Homens apareceron na escea musical galega, pero as súas orixes ben poderían quedar plasmadas nalgún filme de Spielberg. Que foi para vos a Asociacion Cultural Xurásica e que recordos gardades daquela época?
MartinWu: Ei, a época da Asociación Cultural Xurásica é a actual! Nunca estivo máis viva! Organiza, por exemplo, un dos mellores festivais do país, o Rock en Costa, grupos galegos e portugueses, reivindicación da periferia das cidades como motor cultural.
Na programación da TVG hai un concurso, o Pequeño Gran Show, no voso caso as ganas de tocar e cantar nun grupo tamén veñen da infancia? Imitabades a algún cantante nos salóns das vosas casas? Mercabades a Superpop?
M.W. Cando era un cativo, o meu primo e máis eu faciamos playbacks de cancións da Década Prodigiosa na palleira dos meus avós, poñendo a cinta no radiocasete dun Simca 1.200. Eu tocaba un teclado destes que colgan recortado nun tablón, e o meu primo unha batería que basicamente era o cepo dun castiñeiro. Por certo, a maior parte dos programas de cativos que hai nos medios danme bastante noxo, ese rollo "mira que aleuto é o pequeno". A televisión en xeral dá bastante noxo.
Os comezos no mundo musical foron duros ou sentístevos sempre arroupados?M.W. Pola xente, sobre todo pola nosa xente, sempre, moitísimo máis do que esperábamos. É evidente que se te pos encima dun escenario a facer o canelo algo de ganas de que se fixen en ti si que tes, pero no noso caso desde logo non é o esencial.
Os tópicos falan de sexo, drogas e rock and roll (neste caso power pop), que hai de certo á hora da verdade? Notades xa o fenómeno fan detrás de vos?M.W. Calquera das tres cousas están moi ben, toques nun grupo ou sexas perito agrícola. En canto ao do fenómeno fan, espero non notalo nunca; é algo bastante chungo.
Á hora de escribir as letras como surxe a inspiración? Hai algunha especialmente adicada?M.W. Hahahaha, hai unha dedicada a alguén ao que queremos moito e que é moi cool, pero é mellor deixalo correr. As letras aparecen moi pouco a pouco e con bastante dificultade, unha vez engánchanse por unha frase, outras por un estribillo que se che ocorre, outras simplemente se van adaptando á música. Non me gustan demasiado os grupos con "exceso de texto", pero tamén creo que é importante dicir cousas, aínda que logo á xente lle pareza que fas cancións lixeiras e que, como nos dixeron algunha vez, falamos de "coches, chicas y cervezas"... Asuntos que, por outra parte, tamén están moi ben.
No panorama literario galego vese unha gran creación de poesía, poderían algúns versos ser a letra dalgunha das cancións de The Homens?M.W. Desde logo, non estaría nada mal, hai cousas ben interesantes... Así non teriamos que soportar algunhas chafalladas do noso letrista...
Considerades a fórmula copiceibe e as ferramentas que dispoñedes en internet os factores do voso éxito e independencia creativa?M.W. Cremos que é fundamental para entender o que está pasando na música deste país. Antes un facía un disco, sacáballe, eu que sei, mil copias, e quedaba con oitocentas no garaxe da casa. A través de internet –por exemplo, da nosa web,
http://www.thehomens.com, a xente pode chegar a ti con máis facilidade, sen ter que pedir o disco, ilo buscar a este ou aqueloutro bar, e sobre todo sen ter que facer números para enterarse do que está pasando. Por certo, independentes somos un cacho, agora que o do éxito... o noso contable non estaría moi de acordo...
Supoño que, polo de agora, a música non pode ser aínda un medio de vida, pero poñéndonos transcendentais: si pode ser unha filosofía de vida…ou non deixa de ser máis que unha afición que une a tres amigos?
M.W. Calquera dos tres homens temos o noso modesto historial de grupos con máis penas que glorias, así que non podemos ser inxenuos a ese respecto... Sen embargo, isto é algo que nos ocupa demasiado tempo na cabeza como para pensar que só e unha afección. Non hai moitos momentos na miña vida nos que non pense en cancións, ás veces moito máis do conveniente.
Como vai o tema de contratacións? Hai un circuito estable para dar saída aos grupos galegos e que canten en galego?M.W. A verdade é que nós estamos tendo unha sorte que desde logo non nos esperábamos. Somos un grupo totalmente autoxestionado, e tamén bastante folgazán, pero de momento estannos chamando moitísimo máis do que pensabamos, sen movérmonos nós demasiado... O circuíto? Desafío a quen queira a dicirme se hai algún sitio decente en Santiago no que se poida tocar sen arriscarse a perder unha pasta...
Cales son as datas da voso tour "Non vale parar"?M. W. De momento isto é o que hai pechado:
24 de novembro Colinas Bar (Albergaria, Portugal) + D3Ö
25 de novembro Kastrus Bar (Esposende, Portugal) + Green Machine
9 de decembro A Molinera (Vilarrubín, A Peroxa) + Annie Hall
29 de decembro Felipop de Inverno (Limodre)
Temos un par de cousiñas máis para xaneiro, pero aínda non están pechadas...
Hai novo proxecto á vista?M.W. Inmediatamente, consultar a pregunta anterior... E tamén facer cancións coma tolos para chegar ao verán con material suficiente, porque en xullo imos gravar un disquete, deses con trece ou quince cortes, ou iso é o que pretendemos.
Por último e falando de temas de máis seriedade, coa cantidade de guerras e conflictos destes tempos hai unha iniciativa (ver ligazón) que pretende conseguir a paz mundial no solsticio de inverno: cal podería ser a vosa colaboración musical para favorecer ese momento?M.W. Iso hai que facelo todos os días, pola paz mundial ou polo que faga falta. E, desde logo, podendo foder pola paz, négome a poñer a banda sonora mentres outras e outros fan o choio máis agradecido...
Moitas gracias e se queredes engadir algo máis, adiante!M.W. Que a revolución non a van televisar, e que hai uns cantos capullos que deberían ir facendo acopio de alimentos, "porque seremos cientos por cada uno de los vuestros"...
Mentres tanto quedamos cunha das vosas cancións mozos:Desaparece-The Homens