1/20/2008

Así foi a festa PEYISCOS DEL PUERCO



Onte foi a festa e, a verdade, aínda me estou recuperando, que se van notando os anos. Deberíase facer unha crónica ou algo así, pero estou rebentada, así que agardo que ghanito a faga como é debido.

Así para informar un pouco, dicir que Mourente e Dj Pezunhitas foron baixa, un por mor da febre que voltaba subir e outro por problemas de axenda que lle impediron estar con nós, moi ao noso pesar, porque estabamos moi ilusionados coa súa presenza. De todos os xeitos temos que darlle as gracias porque o traballo e a escolma musical xa a tiñan feito. Ao final picaron música Dall´aí Common Boy, Dillei SK e Dillei Sak, xa que Dj Helena tivo problemas técnicos tamén e non foi posible escoitar a súa selección (xa vedes, todo atado e requeteatado e sempre hai sorpresas de última hora) o cal tamén foi unha mágoa.

Sak ofreceunos unha sesión de música electrónica galega xenial e non se quedou atrás SK, que fixo as delicias de todos, así como Common Boy que trouxo música libre, co cal a SGAE...pensándoo mellor, para que imos falar da SGAE mal se foi ela quen, da man de Zerovacas, nos proporcionou o Libro de Visitas no que os asistentes firmaron.

E a cousa non quedou aí, posto que todo aquel que veu levou de agasallo dúas crachás, unha de cada blogue, puido comer empanada a fartar e bolachas cantas quixeran (por certo, non quedou nada de nada). Ao final da festa sorteamos uns agasallos que tiñamos preparados: 3 cd´s con música libre escollida por Common Boy, 3 cd´s de Alddao en primicia para a festa e 3 exemplares de Proxecto Identidade, do que xa falaremos máis adiante, que lle temos que adicar unhas cantas liñas máis a este proxecto que, como esta esmorga, pretendeu ser algo para todos, contando con todos e entre todos.

Rematou a festa no 14! e seguímola no Patachim para darlle o remate no Velvet.

Foi unha boa noite, ao meu ver, e eu persoalmente quero darvos as gracias a todos os que viñestes, sobre todo a aqueles que máis vos costou porque sei que moitos fixestes un esforzo (máis grande ou máis pequeno) para estar alí, á xente de corublogs que tamén nos veu facer unha visita, gracias a aqueles que máis mareamos cos preparativos, aos dilleis todos polo ben que o fixeron e polo entusiasmo que puxeron (mesmo aqueles que ao final non puideron poñer a súa música), aos nosos "patrocinadores" c´ommons baby! e Alddao, a zerovacas por ese libro de visitas tan orixinal e que lle será devolto, a todos os que participan en Proxecto Identidade, aos rapaces do 14!...que vou dicir, que me encantou ver que somos un bo grupo e que para esta e outras cousas, ao final, precisamos os uns dos outros. Moitas gracias!

Fotos da festa Beliscos do porco-Apocalipse pequena

Libro de visitas

(Isto vai sen ligazóns, xa as porei...) Ah, os que non poidestes asistir...estade atentos que hai máis!!


1/17/2008

Sorteo CM da Amizade Luso-Galega/Galego-Portuguesa

Lembrádesvos o Sorteio da Cultura Marinheira? A causa desta bonita iniciativa surxiu a entrevista a Rafa Villar pola publicación do seu libro "Memorias de Ahab", na nova colección Edoy Leliadoura de Sotelo Blanco, levada a cabo por O´Fartura, Homes de pedra en barcos de pau e unha servidora. Esta entrevista mereceunos ser aos tres, os blogues do día segundo A Nosa Terra.

Pois nese sorteo que levaban a cabo blogues lusos e galegos caracterizados pola súa unión co mar (que por desgracia está moi presente estes días a causa dos naufraxios) e grazas á man de Xabier Queipo, gañei un libro: A Campanha do Argus, de Allain Villiers que Joao me fará chegar. O meu agradecemento e os meus parabéns a tan bonita iniciativa.

Máis información e gañadores do sorteo:
Sorteo CM da Amizade Galego-Portugues nas Sisargas
Sorteo CM da Amizade Luso-Galega na Orfeu

E con isto lembrarvos de novo que na festa Beliscos do porco-Apocalipse pequena (correxido) tamén haberá agasallos e sorpresas relacionadas coa cultura (que a festa non se leva mal con ela), así que xa sabedes...venres 18 ás 23:00h no 14!.

O 14! xa nos está anunciando a festa, o mesmo Vieiros e algúns dos nosos dilleis.

Agardámoste!


1/14/2008

Festa, festa, festa!!!


Para os que aínda non se enteraron ou se están a facer os avións: que este venres 18 é a Festa Beliscos do porco-Apocalipse pequeno no pub 14! da Coruña e a partir das 23:00h imos pasar lista. Xa dixemos que ían estar os mellores dilleis do blogomillo e seguro que vos estades preguntando quen son, pois comezamos a desvelar sorpresas, estes son os seus nomes:

Dj Mourente

Dj SK

Dj Helena

Dj Pezunhitas

Dj Common Boy

Dj Sak

Pinta ben, eh? Pois aínda hai máis cousas coas que vos queremos agasallar, así que non vos perdades a festa e apuntádevos no last.fm.

Sós non podemos, contigo si.


1/07/2008

Festa Beliscos do porco-Apocalipse pequeno

O venres 18 tedes unha cita ineludible ca noite blogomilleira.

A blogoesmorga estará unha vez mais na Coruña no pub 14!, en Orillamar na rúa San Vicente de Paul na Coruña.

Os blogues Beliscos pequenos e máis Apocalipse do porco decidiron unir as súas forzas cunha boa causa: a festaaa!

Non vai estar Pocholo, así que precisaremos de ti para que a noite estea completa. Contaremos ca música que pincharán algúns dos mellores djs da Galiza, que casualmente tamén fan parte do blogomillo e das nosas axendas de contactos e, para os que se porten ben pode que haxa algunha sorpresiña.




Para os que ainda non coñezades o 14!, probablemente sexa un dos mellores locais de Galicia, e esa noite non haberá ningunha dúbida, será o mellor.


Se liches isto xa estaś convidado, e se cho contaron, tamén.


1/04/2008

eu creo que...



non tedes a mesma sensación?


1/02/2008

Igrexa, familia, hipocrisía e contos de Nadal

Nestas datas é moi sinxelo encher a boca e falar de valores e reivindicar a FAMILIA. Tamén é sinxelo saber os que queren apoderarse do termo, definilo e utilizalo como a eles lles veña en gana. O máis deleznable é ver como dentro do mesmo seno desa Igrexa, cada día máis intransixente e con máis ansias de controlar as vidas e decisións dos demais, hai quen se atreve a expresarse dun xeito que roza a pederastia.

Dickens escribiu hai moito tempo A Christmas Carol. Ogallá as pantasmas do Nadal existisen e visitasen a toda esa xente de actitude perniciosa, a ver se así mudaban o seu punto de vista:

Conto de Nadal

Máis por chuza! adiante:

Eu sabía que tiña 9 anos, é que as visten como...
Os gais esixen ao bispo de Tenerife que rectifique tras relacionar a homosexualidade e os abusos a menores
Amanha: Concentraçom homofóbica e integrista en Madrid


Ano novo

Levo unha tempada arredada do mundo tentando descansar de todo o acontecido no 2007 que, para min, foi un ano de enfermidade, cansazo e demasiado traballo. Non é que me queixe de como me foi, pero hei dicir que non agardaba tantos acontecementos (bos e malos, que houbo de todo) nestes 365 días que xa deixamos atrás. Fago un repaso mental e levo un sabor agridoce de todo este tempo: nunca fixen tanto mal a xente que tanto quero. Será por iso polo que me miro ao espello e véxome vella, cousa que nunca antes acontecera.

Do 2008 agardo certo sosego, xa que teño a certeza de que será tempo de consolidación e resolución de moitos proxectos e incógnitas que me rondan a cabeza día si e día tamén. Para ben ou para mal, comeza outra etapa. Que sexa boa e aló vamos.

12/30/2007

Sobre a blogonovela galega

Alédame sobremaneira que sexan outros os que falen agora do tema, caso de Brétemas, porque hai case un ano a convocatoria do I Premio Blogomorgue de Novela buscábase ese feito e dicíase que:

"2º. Cada orixinal presentarase nun blogue feito para a ocasión ou ben tagueado convenientemente antes do día 10 de abril de 2007 ao correo blogomorguenarrativa no gmail punto com."

O destacable foi que non tivo éxito ningún e as tentativas de facer de "20.000 razóns para esquecerme de todo" unha blogonovela integrada noutro blogue quedaron nun proxecto inacabado, anque ás 20.000 razóns ao heille dar fin no ano que ven.

Por estes feitos é polo que me aledo ao ver (e ler) "A doble morte de Carina Mourela" da man de arume dos piñeiros, os meus ánimos para que siga coa iniciativa e así teñamos a primeira blogonovela galega. Por outra banda, a ver se así se anima máis xente na próxima convocatoria do II Premio Blogomorgue de Novela.


12/23/2007

Boas festas

Tiña idea de facer algo máis persoal este ano para felicitar as festas, non sei ben por que. O caso é que nin conto co tempo, nin cos medios necesarios e, de momento, vai ir un simple desexo para todos vos:

Que pasedes moi bos momentos cos que máis queredes.

12/21/2007

Entrevista a Rafa Villar

Esta entrevista é unha actividade cultural no blogomillo posible grazas á colusión de tres persoas que compartimos administrar blogues, gusto pola poesía e termos leído os tres o teu último poemario.

Somos tres persoas que participando activamente no SORTEO CULTURA MARIÑEIRA DA AMIZADE GALEGO-PORTUGUESA descobrimos a nosa afección común pola poesía, e plantexamos unha entrevista ao poeta por parte dos lectores.

Non somos un grupo mediático, nen unha editorial, nen membros do consello de redacción dunha revista especializada sequera, somos sinxelamente lectores de poesía que aquí e agora aproveitamos para agradecerche que respondeses afirmativamente ao noso convite, grazas Rafa.

Singradura da relinga-A modo de presentación, para que te poidan coñecer quen visita os nosos blogues, pódesnos dicir quen é a persoa que ten creado Memorias de Ahab?


Rafa Villar-Pois é unha persoa, nada en Cee hai uns 39 anos, que entre as súas actividades é escritor de poesía.

Estudei a carreira de filoloxía galego-portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade traballo como lingüista no Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

‘Memoria de Ahab’ é o meu undécimo libro de poemas editado logo de apenas uns catorce anos publicando obra poética individual.

Á parte disto, estiven vinculado a asociacións de carácter literario como o Batallón Literario da Costa da Morte, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ou a editorial alternativa “Letras de Cal”. Noutra faceta persoal, veño desempeñando labores de portavocía na plataforma “Nunca Máis”.



Singradura da Relinga-O afloramento é o fenómeno natural que converte ás nosas Rías nun dos ecosistemas máis ricos do mundo. Cal pode ser a explicación da fecundidade da literatura galega, e concretamente no teu caso cal é a enerxía que permite que teñamos ao noso dispor unha obra poética como a túa?

Rafa Villar-Penso que a fecundidade da literatura galega, a súa vizosidade, ten a ver, en parte, cunha vontade colectiva de resistencia e de persistencia. De resistencia á asimilación que como pobo e como cultura vimos padecendo desde hai séculos, e de persistencia nesa vontade de mantermos unha identidade propia, vehiculizada a través dunha lingua e cultura xenuínas.

Beliscos Pequenos-No 2001 Memorias de Ahab xa fora publicado na rede na túa páxina Mares de Sinbad e iniciativas semellantes tamén as teñen levado a cabo outros escritores como María Lado ou Carlos G. Meixide. Contando cunha boa traxectoria literaria detrás, que é o que te motiva para colgar na rede a túa obra?

Rafa Villar- A min a rede sempre me pareceu un soporte máis que aproveitábel á hora de difundir a literatura, e nese sentido nunca tiven demasiados prexuízos ao respecto. De feito, fun dos primeiros autores literatura galega en manter un sitio web persoal (hoxe inactivo) para dar visibilidade ao meu labor literario e mesmo publiquei libros aproveitando as posibilidades e o formato da rede.

Homesdepedra-O versolibrismo impera. En que parte da andaina quedou esquecida a métrica?

Rafa Villar-Penso que a poesía, por sorte, está sometida a cambios e mudanzas, e a experimentacións do máis diverso. Nese continuo devalar a métrica non deixa de ocupar o seu espazo, obviamente diferente ao que ocupaba hai un século. En todo caso, eu defendo as posibilidades expresivas do poema máis alá da estrutura métrica, o que non nega a posibilidade de que persoalmente desfrute cun soneto ben escrito. O que é raro -e dígoo como constatación- é que unha persoa nova que comece a escribir poesía o faga desde unhas estruturas métricas moi ríxidas, algo que si era habitual no pasado.

Singradura da Relinga-O Mar está presente ao longo de prácticamente toda a túa poesía, mais na túa última entrega ocupa un lugar central e mesmo poderiamos dicir que lle outorgas o don da ubicuidade. A que é debido?

Rafa Villar- É innegábel que desde os primeiros tatexos do meu traballo poético o mar foi un elemento básico e central. Tanto o mar na súa virtualidade máis física como o mar como referencia simbólica. E así, moitas das miñas imaxes literarias máis logradas teñen que ver co mar e con esa dobre dimensión, porque o mar transmite unha beleza intensa e á vez posúe unha capacidade de evocación enorme. O mar tamén é en si mesmo -e vós sabédelo mellor ca min- un espazo de liberdade case absoluta. Iso, en termos literarios, oferece unhas posibilidades tremendas.

Beliscos Pequenos-A Costa da Morte foi unha das zonas máis afectadas polo chapapote do Prestige, como afectou este feito no ámbito literario e como o viviches ti?

Rafa Villar-A moitos niveis o Prestige significou unha gran conmoción e non só para as xentes da Costa da Morte, senón para o país enteiro. Iso, a nivel persoal, tivo tamén unha plasmación no plano literario, como se pode ver, sen ir máis lonxe, no poema final do libro ‘Memoria de Ahab’, o titulado “Rastros de mar”.

Homesdepedra-A túa é unha poesía valente. Aínda e posible vivir da valentía nestes tempos?

Rafa Villar-Pois non che sei se é tan valente... En todo caso, indo á pregunta, coido que non só é posíbel facelo, senón que é necesario. A miña ollada persoal sobre estes tempos non é moi esperanzadora, e non pode selo cando máis dun terzo da humanidade malvive neste planeta. Un planeta contra o que, por certo, o ser humano parece conspirar día a día (xa sabe que detrás diso está un modelo económico, o do capitalismo, que é en si depredador). A outro nivel, tamén provoca bastante descougo ver a perda de vitalidade da nosa lingua, e mesmo o grao de indiferenza que semella amosar a sociedade galega ante iso.

Singradura da Relinga-Para nós o Batallón Literario da Costa da Morte representa un proxecto cultural colectivo que desapareceu baixo o peso do seu propio éxito, e que mentres estivo activo configurou unha referencia de dinamización desde a base do sistema literario galego, con actividades como por exemplo o recital de poesía na Vila de Esteiro desde o Palco da Festa das Carrilanas da que non sabemos se te acordas. Ti, como destacado integrante do Batallón, que opinas ao respecto?

Rafa Villar-Ben, de entrada, que o Batallón Literario non morreu de éxito... Si que lembro (e cónstame que non son eu só) o recital de Esteiro, no Palco da Festa das Carrilanas, e outros dos moitos actos desenvolvidos polo Batallón. De feito, aínda recordaba hai pouco con algún daqueles tripulantes que xa ían uns dez anos das primeiras actividades feitas. Dito isto, tamén me penso que é boa cousa reivindicarmos, colectivamente, o traballo feito polo Batallón Literario, que penso que tivo moito de labor desinteresado que procuraba apenas a dinamización sociocultural da Costa da Morte desde o ámbito literario. En certa maneira, naquela altura algo fixemos e algo conseguimos. Se cadra o que dá máis mágoa é vermos que ese labor non tivo demasiada continuidade e penso que aí nós -eu o primeiro- temos que ser algo autocríticos ao respecto.

Beliscos Pequenos-A nova colección Edoy Leliadoura de Sotelo Blanco na que se publicou Memorias de Ahab, está centrada na poesía e outras editoriais como Xerais e Galaxia tamén lle están prestando máis atención. Hai un resurxir da poesía en Galicia?Por que se fai tan necesaria?

Rafa Villar-Non teño moi claro que haxa un rexurdir da poesía en Galiza nestes momentos; se cadra, persoalmente iso visualiceino máis aí a mediados da década dos 90, cunha implosión dunha nova fornada de poetas, con colectivos literarios funcionando, con novos proxectos editoriais... En todo caso, hoxe por hoxe a poesía no noso país é un xénero literario moi dinámico, no que conviven poetas de catro ou cinco xeracións, con preto dun cento de títulos ao ano. Ben, que non hai queixa. E isto quizais se deba a que a poesía, ademais de ter en Galiza unha longa e fecunda tradición, segue a ser unha forma de expresión artística de difícil reemprazo. Poida que, cos tempos, vaia mudando, pero sempre está aí,sempre acaba por aparecer. E nesta beira atlántica, tamén.

Homesdepedra- Case todos algunha vez da nosa vida tentamos escribir “poesía”. Cal é a fronteira que separa a un “xuntapalabras” dun poeta?

Rafa Villar-Existe realmente esa fronteira? En todo caso, non é doado estabelecela. Supoño que cada época, cos mecanismos dos que se dote o chamado sistema literario, vai marcando os límites e definindo os trazos daquilo que se pode considerar ‘poesía’. Para min, a poesía é fundamentalmente un acto de linguaxe, que comunica, reflexiona, conmociona, mesmo divirte... A partir de aí, penso que o/a poeta non é ningún ser especial, tocado pola divindade, senón unha persoa normal que, con máis ou menos talento, emprega a linguaxe dentro dun esquema que tradicionalmente se considera como poesía. Así que, no fondo non somos máis que “xuntapalabras”. Ha, ha, ha...

Singradura da Relinga-Tendo o epicentro na Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial, no noso país neste momento desenvólvese como unha vizosa realidade a Cultura Mariñeira, entendida como movemento cultural a prol da difusión e defensa do noso patrimonio material e inmaterial vinculado ao mar. Cómo valoras a aparición deste fenómeno de base asociativa nas vilas e cidades de Galicia?

Rafa Villar- Que vou dicir?... É obvio que ante fenómenos coma este só cabe compartirmos obxectivos. Calquera movemento cultural xa é si mesmo é moi importante, e máis nun país coma o noso país. Por outra banda, que o seu obxecto sexa a defensa do noso patrimonio material e inmaterial vinculado ao mar, aínda o fai máis necesario e atractivo. Resultaría imposíbel explicar a nosa identidade como galegos e galegas sen o que significa o mar; o mar como traballo, como vínculo, como cultura, como paisaxe, etc. Pola miña banda, só podo admirar e aplaudir o voso traballo, así como animarvos a que perseverades nese labor.

Beliscos Pequenos-Memorias de Ahab, co seu título fai que lembremos a Moby Dick, outro libro relacionado co mar. Poderíasnos recomendar outras lecturas coa mesma temática?

Rafa Villar-Teño que recoñecer que non son un gran lector de literatura “mariñeira”, se cadra porque tampouco non é unha temática tan común como pode parecer. En todo caso, ademais da xa dita ‘Moby Dick’, de Herman Melville, vou citar dúas obras que ao meu ver son imprescindíbeis (e se cadra moi obvias): en poesía ‘De catro a catro’ do poeta galego Manuel Antonio e en narrativa ‘The old man and the sea’ [O vello e o mar], de Ernest Hemingway.

Homesdepedra-“Se o voo dunha bolboreta perdida pode mudar as cores do mundo” . A solitaria pluma dun poeta , que pode chegar a mudar?

Rafa Villar-Moito menos do que nos gustaría aos que escribimos poesía... Ben, en todo caso algúns asumimos que, aínda nunha sociedade tan complexa como a que vivimos, a poesía debe servir para, humildemente, avivecer os espazos máis críticos que existan, rachando con ese amorfo “pensamento único” que os poderosos tentan impor. Nese sentido, a poesía debería apuntar cara ao inconformismo, desde unha ética diferente á modelada desde o poder. Evidentemente, non sempre foi así nin sempre será así, mais en todo caso si pode ser unha proposta a realizar. No meu caso, procuro que sexa desta maneira. Aínda que tampouco quero enganar a ninguén, e menos a min mesmo, acerca sobre a s-mínimas- posibilidades reais que ten de incidir a poesía na transformación dunha sociedade.


Ah!. Un último apuntamento para vos agradecer o interese en facer e divulgar esta entrevista. Reitero a miña admiración ao labor que desenvolvedes. Avante toda!