5/13/2008

Igual son unha ilusa, pero...

Xa de pequenos nos decatamos da realidade que temos arredor, unha realidade que di que todos somos iguais pero que imos descubrindo rica e chea de matices precisos para distinguirnos os uns dos outros. Eu, con 6 anos, fun consciente de que posuía algo que me diferenciaba e do que estaba moi orgullosa: a lingua. Creo que foi o ano do centenario do nacemento de Castelao no que unha pícara escribiu, con trazos de lapis que non se borraron co paso dos anos, unhas liñas: “Nas cidades xa non se rin de nós se falamos o galego. Eu falo galego e a miña familia tamén. Nas escolas de Trasmonte fálase o galego.” Nesas tres frases recolleu un chisco de autoodio e desprezo que por algún lado foi insuflado, a familia coa que nos identificamos e que instaura valores e costumes, e a educación, tan necesaria para que esa nena seguise aprendendo moitas máis cousas, todas distintas e todas enriquecedoras.

Hai case un ano que coñezo a Andrea, unha rapaza dunha vila calquera deste país. O outro día, mentres estabamos con súa nai, díxome Tú hablas gallego. Si, sorrín. Y tú sabes hablar como nosotras?Por un intre, tan pequeno como imborrable é o seu recordo, creo que ese autoodio insuflado e un complexo de inferioridade quixeron facer presenza. O que lle atinei a dicir foi que si, pero que non me facía falla falar coma ela porque as dúas nos entendiamos. Andrea asentiu e animeina a continuar facendo o traballo que tiñamos entre mans, amodiño. Y que significa amodiño?
Así dese xeito funme decatando da verdade: amodiño é como nos imos dando conta da nosa idiosincrasia como colectivo que xa é usada como reclamo publicitario, de que somos país, de que temos unha cultura de noso, de que podemos ser creadores doutra realidade mimando aquelo que temos que gastar por exceso de uso, o único que permite que nos comuniquemos cos demais, aquelo que nos diferencia e que nos vai unindo amodiño: a lingua.

Amodiño é como van mudando as cousas: poder ler a Baricco, a Kavafis ou a Houellebecq xa é unha realidade da man de Rinoceronte, como real é ir a un concerto e poder tararear “só cinco coma min, controlamos o planeta” con The Homens. Tan real como rirte dos que se rían de ti (que agora tentan anular aos galegofalantes por ser diferentes e non avergonzarse de selo) dicindo que Galicia es una mierda como os Ataque Escampe, e pensar que cando se cree a segunda canle da TVG haberá cabida para toda a explosión cultural que se está creando nun idioma que medra cada día máis.

Amodiño é como nos imos decatando de que a realidade máis próxima que temos é a mesma que lle pode interesar ao resto do mundo: a Unión Europea pode tomar como exemplo a rexión Galicia-Norte de Portugal, premios nacionais e internacionais de literatura gáñanos autores que escriben en galego…e se outros recoñecen o valor da nosa lingua como nexo de unión, como significado de calidade, a que agradamos nós?

Estamos no momento de romper eses tópicos de se subimos ou baixamos escadas e avanzar, sen mirarnos o embigo e deixando á marxe as críticas destructivas, porque estou segura que ese é o camiño para que Andrea, o día de mañá, aprecie todo aquilo que saia da lingua que tanto sufriu e que tan politizada está nestes intres.

Andrea cando medre, mercará camisolas do Rei Zentolo, asistirá ao Artenativa, irá a Portugal cunha idea distinta á de mercar toallas e lerá a Clarice Lispector sen precisar traducción, porque a lingua, anque nos diferencia, tamén crea lazos de unión. E iso que fará Andrea é o normal.



5/08/2008

Istoria de I

Gústame moito este novo proxecto de Igor Lugrís, Poesía para ver/poesía para ler, do que forma parte o poema A minha língua quero na túa boca.



E eu sígo tentando facer poemas de abecedario para outro proxecto seu.

Istoria

I. Inféstana inmumerables imbecilidades (idiotas).
Iscade insectos!
Insisten insaciables: imposibilítana. Irrompen insanos, invádena intratables, infernais (in)humanos. Inféctante I.
I-kurriña, I imperturbable, I inspira.
I inventa illas inaccesibles, icebergs interoceánicos, ideas incribles, ignotos istmos, iglús icosaédricos, isoglosas ilegais…incluso invernos ibicencos.
Inventas iso I, invéntalo imparablemente, impetuosa. Inventas infinitos instantes, inmunízaste imaxinando isto.
Ignición.
I implosiona: impúlsase incontrolablemente, inalcanzable, ilesa…indecentemente impúdica.

I´m I.


5/07/2008

Os mellores amigos

De súpeto e a ritmo desta avanzadilla de Kara.o.ke de Projecto Mourente (agora mesmo soando Por adiante e por atrás) o pesadelo neboento que me envolvía, semella que comeza a esvaírse. Timidamente agroma nos beizos iso que semella un sorriso, que había moito tempo que non era tan habitual como acostumaba, na miña faciana. Son lembranzas e esperanza de que teña moitas máis cousas boas que recordar de aquí en diante.

Tantas cousas que me dixeron, outras tantas que sei que se calaron e unhas poucas que nunca terían que ser ditas comezan a ordearse e a impulsarme para que bote un chimpo para caer de novo no mundo (im)perfecto que vivín e que volvo soñar.

Nunca sabes como a vida (ou unha mesma) te pode sabotear, dende logo non quero volver a poñerllo fácil. Mentres tanto, no canto de analizar os posibles contratempos (que terei que solucionar porque shit happens sempre), deixo que o meu corpo sexa arrolado por esta marea de benestar, o carpe diem funciona e permitirme saborear estes momentos neste momento é un luxo: a felicidade está na sala de espera da felicidade, que di o Punset.


Os piores inimigos

Projecto Mourente-Os piores inimigos

...sempre sorrirán.

Xenial Projecto Mourente, esta canción acaba de engaiolarme por moitos motivos.
www.myspace.com/projectomourente


5/02/2008

Xenética e ambiente

Mañá faise un ano da desaparición de Maddeleine, o pai de MariLuz anda de viaxe recollendo firmas para pedir a cadea perpetua para os pederastas, non nos colle na cabeza o que fixo o tal Fritzl mantendo 24 anos á súa propia filla nun zulo e nin de lonxe somos capaces de imaxinar o que para esa rapaza tivo que supoñer estar encerrada tanto tempo, ter que manter relacións sexuais co seu propio pai e ademais ter fillos del.

Xa hai anos que dende a xenética veñen estudiando as variacións alélicas dun xen que controla a unha enzima, a MAOA. Niveis inusuais desta enzima téñense asociado a depresión, abuso de substancias, transtorno de atención e madurez sexual irregular. Variacións xenéticas do xen que a controla tamén se asociaron a conducta antisocial e comportamento violento. Con todo non se pode ser tan determinista coma Sarkozy, que atopa na xenética a explicación aos suicidios e á pederastia. Seguramente Sarkozy remataría facendo de Francia unha especie de Gattaca, pero todos sabemos como remata o conto.

Gattaca(1997)-Trailer


De feito, os estudos realizados neste sentido indican que non se pode demostrar unha conexión directa entre a xenética e a violencia, se non que en maior medida son os factores ambientais os que fan que ter esa estructura xenética supoña maior probabilidade de densenrolar conductas antisociais. Os factores ambientais dos que se fala, polo xeral, son o maltrato, o abuso sexual, etc e inflúen moito máis cando se dan na infancia.

Non se nace pederasta, non se nace maltratador, non se nace violador...algo tivo que acontecer para que remataran comportándose así, o gran problema agora é que facer ante todos estes comportamentos, se é posible ou non reinsertalos socialmente, se son capaces de cambiar esa forma de actuar, se mediante drogas e/ou terapia psicolóxica se solucionará o problema (se a min me costa cambiar o meu xeito de comportarme en determinadas situacións, comportamentos que non teñen consecuencias excesivamente graves, canto máis non lles costará a eles)...e non so iso, se non se a sociedade (cada un de nós) é capaz de perdoar a unha persoa que tivo a mala sorte de ter uns xens e unhas vivencias alleas á súa propia vontade que fan que o seu comportamento nos dea tanto noxo como para querer facelos desaparecer.

Porque despois penso nas víctimas destas persoas, se os que agora nos dan mágoa nun futuro tamén se comportarán do mesmo xeito que os seus verdugos(o factor ambiental xa o teñen, so lles faltaría o xenético). Semella un bucle de nunca acabar.

Con realidades tan duras e incertas, acudo á ficción, acudo a Kevin Bacon e a unha película do 2004: The woodsman (O leñador). Non é unha película dura, durísima, pero tampouco é unha película fácil de ver. Inquieta moito porque é moi complicado poñerse no sitio, porque ninguén quere ter un caso semellante preto, porque o perdón é moi difícil, porque hai cousas que non podemos xustificar emocionalmente por moito que poñas un xen ou unha historia persoal dura detrás. Recomendo vela.

The Woodsman(2004)-Trailer



5/01/2008

Estimulación excesiva

Agonía

Ignoro a vida media das flores de cidade, pero estímoa escasa: a contaminación, algún acto vandálico no que se vexan envoltas, o mareo de non saber cando é día e cando noite...escasa.

Acontece que chegou ás miñas mans un tulipán que residía á beira dos Xardíns de Méndez Núñez unha noite calquera. Estaba aberto, supoño agora que porque tiña unha farola iluminándoo xusto enriba del. No traxecto que me levou a unha cafetaría preto da casa foise pechando, lentamente, morrendo nunha agonía silenciosa por falta de luz e verse a flor arrincada e privada do seu sustento.

Pouseina na mesa da cafetaría, tremendamente iluminada esta e quedei mirando para ela. Mirando cun asombro infantil os pétalos abrir, dun xeito lento, nunha certeza de vida, nunha resposta absurda a un estímulo lumínico, dun xeito autómata. Deixei morrer esa flor que na noite aínda se mantiña aberta e que, se poidese, de seguro que emitiría sons desagradables mentres morría tentando redirixirse á luz, tentando que a savia seguise fluíndo por todo o seu ser, tentando, quen sabe, dar unha chamada de atención co seu recendo exquisito. Pero rematou a súa vida semi-estática diante de min sen que fixese nada máis que mirala e observar a súa reacción ante a luz que lle daría vida en circunstancias normais e que non era máis que un estímulo ao que de xeito mecánico reaccionaba aínda tendo a certeza de que non lle serviría de nada máis que gastar enerxía e levala á morte.

Era unha flor bonita. Cando xa non foi, nada lle doeu. A dor ten unha compoñente emocional e por tanto subxectiva...un vexetal o máis seguro é que reaccione a un estímulo calquera pero non creo que o procese máis alá da sensación. Un ser humano si e a agonía nos últimos días de vida de calquera persoa ben merece que a eutanasia sexa algo máis ca unha palabra.

Asociación DMD

(realmente isto comezou porque non me gustaría tentar revivir cando estou recibindo estímulos por outro lado que me indican que non me vai valer a pena, que sigo morta. se morta estou, se morta vou estar, morta quedo)


Anatomía dun café

Nos días que non hai que madrugar adoito espertar coa luz do sol, cedo. O cristal da ventá deixa pasar a claridade e as miñas retinas son sensibles ao gradual cambio de luz, as pálpebras ábrense sen ser eu consciente e volvo á realidade abandoando as ensoñacións. Isto último é incorrecto...vivo nun mundo de fábula (que non fabuloso).

Aínda queda hora e media para que o móbil comece a emitir os sons que o resto da semana fan que bruscamente me incorpore do leito para completar de xeito automático outras 24 horas de indigno traballo. E cando digo indigno é porque día tras día hai que enfrontarse a inxustizas froito da xenética, de axentes externos, factores ambientais, de idiopatías que provocan co tempo que a propia persoa non se recoñeza a si mesma. Indignamente dignificante ou dignamente indigno. A min gústame, doutro xeito non o faría.

Gusto tamén de preparar café con tempo, para tomalo sen présa na miña taza preferida: unha verde que di MU, un regalo dun amigo imblogsible que aínda descoñezo (quen es?) por non poñerme a facer combinacións probables porque, ás veces, non saber ten o seu atractivo e son moitas as ocasións nas que non quero ser consciente, nas que non quero que remate a maxia. Máxico foi tamén o ano no que recibín este agasallo que coido como ouro, máis ca nada porque todo semellaba que ía ir ben. E mal non foi, so mudou o rumbo dun xeito máis ou menos satisfactorio. O que quero dicir é que me gusta moito a taza e que a encho día si e día tamén de café. Café de pota, porque non teño cafeteira italiana.

E disecciono os tipos de café. Café con compañeiras de piso de conversas infinitas, café prenamoramento, café insomne, café diplomático, café primaveral con raios de sol, sabas e pel núa, café diario mecánico, café de sobremesa, café dominical, café e nicotina nos teus beizos...e o de hoxe é café con teclas.

Eu quería dicir que teño un pasado e que o café na miña taza preferida fixo que pensase nel, e quería dicir que se tivese unha goma de borrar, o caderno da miña vida tería amnesia selectiva, ou mellor aínda: se o soubese antes, as páxinas escritas con zume de limón serían escritas con tinta chinesa para non ter segredos ou non serían escritas nunca. Pero o libre albedrío non é retroactivo e todo está feito, agora aos limóns voulle dar trabadas e, anque son máis de doce, tamén teño papilas gustativas para o amargo e terei que acostumalas a distinguir ese sabor para non envelenarme por erro.

A miña lingua e o zume de limón, a cervexa, o café...amargos todos. E gústanme eses velenos, son velenosa, coma o alacrán e cando ataco por instinto desexaría que as víctimas non fosen alérxicas. Isto último pertence ás páxinas que agora se escriben con tinta chinesa e, coma toda calígrafa inexperta, estou deixando borranchos negros por toda a superficie, manchas na pel que tardarán en borrarse das miñas mans.

Miro as mans e redescubro as mínimas telanxiectasias que, como outras imperfeccións, me caracterizan. Perdín totalmente o fío do que quería diseccionar...quixera ser Gray e ser quen de describirme para min mesma con tanto detalle como el fixo, pero remato sendo redundante e horas despois de abrir os ollos, de espertar doutro sono máis, penso en Escher, en que son a miña propia referencia, en que todos somos infinitos ata que nos poñen fin na memoria, que son un bucle egoísta que se centra nos restos dun café que queren ser unha magdalena e non son máis que unha mexericada melancólica calquera que nin debera ser escrita.

Pero a min gústame escribir sen motivo.


4/26/2008

Por fin chegou o AVE a Galicia

Todo vai chegando, o bo e o malo. Touriño firmou con Carmen Caffarel un acordo de cooperación entre a Xunta e o Instituto Cervantes. Din uns que o Instituto Cervantes potenciará nos seus centros os cursos de lingua galega, que aumentará os libros en galego nas bibliotecas deste organismo e que a Xunta poderá proporcionar contidos culturais e académicos aos portais do Instituto Cervantes na rede. Outros danlle máis importancia á outra parte do acordo: deste xeito a Xunta apoia a implantación e difusión do AVE (Aula Virtual de Español) para a aprendizaxe do castelán por internet e ao fomento da participación de empresas galegas nas actividades que a Xunta e o Instituto Cervantes leven a cabo de forma conxunta.

Ao igual que o outro AVE (Alta Velocidade Española), todo isto ten a súa parte boa e mala. Para a xente de fora será marabilloso, o que queira estudar galego no Instituto Cervantes de seguro que o poderá facer segundo este acordo, máis seguro que non de xeito virtual na páxina da Aula Virtual de Español. Tamén poderá vir quen queira da meseta no ano 2000-vai ti a saber cando, nun tren de alta velocidade. Nada diso é malo, está moi ben a promoción no exterior.

O problema é dentro do país. Que precisa facer o Instituto Cervantes en Galicia? Que clase de actividades de forma conxunta vai levar a cabo coa Xunta? En que idioma as levará a cabo? Supoño que como Instituto Cervantes que é, serán feitas en castelán. Tampouco é que me pareza mal, está ben, estamos en España e é o idioma que a maior parte dos españois adoitan falar. O conto é que se en Galicia se fala galego (e quero pensar que unha grande parte da poboación así o fai) e se o galego é promocionado polo mundo adiante, non sería ben promocionalo tamén no único lugar onde realmente continúa a ser rexeitado? Si, estaría ben.

Pero de novo pasa como co tren, facemos kilómetros de camiños de ferro con man portuguesa a paso de caracol (xa non de tartaruga) para estar mellor comunicados co resto de España, para que as grandes cidades de Galicia estean máis preto unhas doutras pero...que acontece con esas pequenas estacións chamadas apeadoiros? Desaparecen. E con elas todos os usuarios que teñen a opción do tren como a máis cómoda e proveitosa para viaxar.

Ser minoría é o que ten, que te acaban facendo desaparecer. Sei que os que viaxan dende Vigo á Coruña odian tanta parada, pero os que suben neses apeadoiros tamén teñen dereito a viaxar e coller o tren (para ir a traballar, a estudiar...esas cousas que fai a xente) e Renfe debería ofrecer unha solución a todas esas persoas que teñen a vía preto da súa casa (ou o Goberno da Xunta darlle un toque).

Por outra banda, Touriño podía estar máis atento ao que anda acontecendo na casa cos tangas, con tanta opinión anti-galego nos medios de comunicación, nas propias subvencións a prensa galega que non emprega a lingua galega para nada e que cando a utiliza é de xeito anecdótico, e deixar claro que o de rotular en galego é o máis normal do mundo e, por suposto, prepararse un Celga 4 ou 5. E está ben o que di do Instituto Cervantes e a imaxe que dá: "España plural, unida e diversa, desa España consciente de que a súa pluralidade lingüística e cultural é un dos seus maiores activos e un valor que nos fai a todos máis ricos”, pero é que ás veces convén mirar un pouco máis para a casa, non vaia ser que en Galicia a pluralidade vaia a converterse nun problema, non vaia ser que expresarse en galego sexa un acto que algúns queiran extinguir ao igual que os apeadoiros de Renfe. E pode mirar para outro lado, pero están aquí: e non son eu a que o digo, que o din eles mesmos definíndose así: En defensa de la libertad de idioma en la enseñanza, y contra la normalización lingüística en Galicia. Contra a normalización lingüística en Galicia, máis claro...


4/25/2008

Ciganos

Amnistía Internacional solicitoulle á Xunta que poña en marcha un plan autonómico contra o racismo que inclúa medidas específicas de carácter político, social, económico e educativo para tratar de paliar a situación de discriminación que afecta a comunidades como a xitana e aos inmigrantes.

Chego a entender que o tema da droga o poñan por diante para rexeitar a veciños ciganos (ou xitanos, que non sei cal sería a palabra correcta), pero se esas manifestacións se levasen a cabo contra todo payo que soubesen traficante, entenderíao mellor. Con todo, os conflictos creados polo realoxo dos chabolistas de Penamoa e do Vao, a ver se valen para que os Servizos Sociais sigan traballando máis e mellor no tema da integración.

Polo demais, so penso que deberiamos vivir coma a xente e ser algo menos racistas, que algo diso creo que si que hai detrás de tanta manifestación (algo diso e un pouco máis de inquedanzas políticas)

Máis:
Quen tira a primeira pedra?
Aquí non
Callejeros: Penamoa

4/24/2008

Enjuto Mojamuto

Despois de ver a Enjuto Mojamuto instalando Ubuntu, lembrei o meme pendente (outro) que tiña, convidada da man da Pirámide. Vai o meme e o meu video preferido de Enjuto:

Enjuto Mojamuto-El peor día de mi vida


Voz en off> Cantas horas ao día de media pasas conectad@ a Internet?
Enjut@> Entre catro e seis horas e despois de ver en The Inquirer que se se pasan máis de 30 horas á semana navegando por Internet es un ciberadicto e precisas tratamento, rematei pensando o obvio: Enjuto somos todos.
Voz en off> Cantas contas de correo tes?
Enjut@> Tres.
Voz en off> De cantas redes sociais es?
Enjut@> Flickr, Last.fm, twitter, chuza! (se se considera rede social, que eu si) e xa non contamos o facebook que me rematei aburrindo do conto. O youtube tamén vale? Blogomillo? (non, que está morto)
Voz en off> Que che gusta máis para expresarte: o blogue, a wiki, flickr ou twiter?
Enjut@> O blogue e non me preguntes por que.
Voz en off>Cantos blogueir@s coñeces persoalmente?
Enjut@> Moitos/as...non quedamos que son coma os cus e que cada persoa ten un? E sigue sendo certo que uns son máis bonitos e apetecibles ca outros.
Voz en off> Cant@s blogueir@s les habitualmente?
Enjut@>Pois non teño intención de poñerme a contalos, pero tamén moitos/as.

e quen queira facelo que o faga!