
Os desexos de ser unha maldita alimaña poden comigo. As fantasías están precisamente para iso, para fantasear.
Desexo saír feita unha odiosa cadela de caza sabendo que son eu a presa e que so de min depende baixar a garda para ser devorada. Andar polas rúas e por ese local fantaseado intuíndo os ollos cravados en min, máis ou menos disimuladas esas miradas, pero tan profundas que enardecen as ansias.
Nos meus adentros a chama da altivez sorrí e na miña face amósase ese desdén finxido, pero é a miña fantasía e non hai que renegar del polo que dirán. Agora é cando entendo o luxo que sería pisalos a todos cos tacóns de agulla. Sometidos, porque é a miña fantasía e así eles o queren. Non hai moitos que sexan capaces de facelo anque o tenten.
Poño os meus ollos na mirada dun deles e como se adiviñase certeiramente os meus pensamentos (así ten que ser) amosa no seu ollar como se consume por necesitar de min. Nese momento sabes que é certo que nada pasa se ti non queres. E sempre escolles ben.
De volta ao teu ser, descobres que nunca foi improbable a posibilidade, pero que te camuflas moi ben entre o resto dos mortais e ninguén nunca saberá ata que punto desexas o que imaxinas ou imaxinas o desexo.