2/25/2006

Pulsión


Os desexos de ser unha maldita alimaña poden comigo. As fantasías están precisamente para iso, para fantasear.

Desexo saír feita unha odiosa cadela de caza sabendo que son eu a presa e que so de min depende baixar a garda para ser devorada. Andar polas rúas e por ese local fantaseado intuíndo os ollos cravados en min, máis ou menos disimuladas esas miradas, pero tan profundas que enardecen as ansias.

Nos meus adentros a chama da altivez sorrí e na miña face amósase ese desdén finxido, pero é a miña fantasía e non hai que renegar del polo que dirán. Agora é cando entendo o luxo que sería pisalos a todos cos tacóns de agulla. Sometidos, porque é a miña fantasía e así eles o queren. Non hai moitos que sexan capaces de facelo anque o tenten.

Poño os meus ollos na mirada dun deles e como se adiviñase certeiramente os meus pensamentos (así ten que ser) amosa no seu ollar como se consume por necesitar de min. Nese momento sabes que é certo que nada pasa se ti non queres. E sempre escolles ben.

De volta ao teu ser, descobres que nunca foi improbable a posibilidade, pero que te camuflas moi ben entre o resto dos mortais e ninguén nunca saberá ata que punto desexas o que imaxinas ou imaxinas o desexo.


(Despois de ver dúas cousas ou tres)

4 comentários:

acedre disse...

Eu tamen andei polo posteo de Ningures e, anque non deixa de ser un exercicio literario, ben que reflexa o pensamento dos homes.
Eu tenhome sorprendido muitas veces elucubrando e barrenando sobre as posibles vidas que levaria se andase co esoutra ou estoutra muller.
Suponho que e normal e estou vacinado contra iso. Penso que a imaxinacion e libre e que todo o mundo fai o mesmo. Dende logo que non dou o paso de facer realidade os meus pensamentos porque penso que vou perder no cambio e ter que empezar de novo dame preguiza de mais. Agora estou mais que contento co que tenho e non quero arriscalo nin quero "canitas al aire" nin farrapos de gaita.
Non sei. Pero as mulleres tenhen un encanto especial e penso que poderian ter mais poder usando as suas armas.
Ui, que comentario mais longo. Isto de madrugar os sabados e o que ten.

Anónimo disse...

A todos, supoño, nos gustaría vivir tódalas vidas posíbeis. Claro, que como non é posíbel, algunhas hai que conformarse con soñalas. Iso si, se dispós de imaxinación suficiente, o estremecemento de soñalas pode superar mesmo ao que sentirías ao vivilas. Aí radica o mellor dun maxín prolífico en fantasías.

Anónimo disse...

Moito máis interesante que vivir todas as vidas posibles é levar adiante aquilo que dixo unha das mulleres máis fascinantes da historia, Lou Andreas Salomé: "Chega a ser quen es".

besbe disse...

Ben, igual que me pasa cando me din algo que me angustia, me preocupa ou me impacta, con esto pasou o mesmo: fico calada, penso e normalmente non chego a conclusión ningunha.

Quero ser eu, non quero ser eu, quero mudar cousas e non as mudo, quero quero quero e non fago nada por acadalo. Ás veces so me queda pensar nas cousas, imaxinalas, ao mellor porque teño medo de que cando as leve a cabo non sexan como as penso. Medo, conformismo, vai ti a saber.

E o de "Chega a ser quen es"...eu creo que de ser e facer o que eu quixese convertiríame nunha persoa odiosa. Non sei.

De tódolos xeitos, estes días estoume dando conta de que teño un problema de control, e cando algo non sae como quero non aturo o resultado...ao mellor si vai ser preferible facer o que me pareza sen darlle tantas voltas e deixar de imaxinar tódalas posibilidades.

Sexa como sexa, gracias aos tres porque me fixestes pensar moito.

Bicos, saúdos ou apertas.