Mostrar mensagens com a etiqueta exposicións. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta exposicións. Mostrar todas as mensagens

2/15/2009

Lalín Pork Art

A Lalín Pork Art(pdf), ao igual que a Cow Parade, parécenme moi boas ideas, danlle un "algo" distinto ás cidades e, nestas datas, o porco é indispensable para un bo cocido e Lalín o mellor sitio para ir comelo.

Dorvisou xa fotografara algúns destes exemplares cando estiveran expostos o ano pasado en Compostela, o de Paco Lareo, o de Armindo Salgueiro e o de José A. Fondevila García que foi o que máis lle debeu gustar ao alcalde José Crespo, xa que mesmo aparece ao seu carón no folleto de presentación.



Ao meu ver non é a mellor fotografía para un alcalde, pero é entroido e todo vale.


5/19/2008

Que ollos máis grandes tes

E o lobo, disfrazado de avoíña dixo, Son para verte mellor, carapuchiña.Os meus xa case están así de grandes e abertos.



Da exposición YO, BLYTHE. Vidas de plástico, no MACUF.


3/17/2008

Foto [espacios]



O venres fomos á inauguración no MACUF de Foto [espacios] da Colección MUSAC. Chabolas caraqueñas que non difiren moito dos galpóns que hai aquí, desertos chilenos que me recordan a emereci, esceas que quedan tras guerras que son reais e non so imaxes, mulleres de paraíso, American Nights totalmente poéticas, unha praia masificada, igual a calquera outra, na que alguén nos puido ter retratado algunha vez... de todas, a que máis me gustou é esta de Nicolai Howalt da serie How to Hunt, quizais porque era a única na que aparece un animal, un esquío fuxindo do home.

Despois houbo pincho e, como dixo unha coñecida que atopei, parece que a metade da xente ven a papear. Dúas cañas e falsomovemento con evasèe e främe remataron o día.


2/09/2008

Natureza Artificial

Sempre é unha alegría recibir novas de proxectos que van adiante, neste caso trátase da exposición Natureza artificial levada a cabo por Serxio e Gustavo Sequeiro: unha proposta conxunta de pintura e música contemporanea cunha mirada á natureza creando paixases plásticos e sonoros que, na súa estrea o próximo sábado 16 de febreiro a iso das 21:00 horas na Casa das Palmeiras de Neda, parece que vai ir acompañada dun pinchiño.

Pode ser unha boa ocasión para voltar a ver caras coñecidas e de paso coñecer o traballo de novos creadores, que sempre é unha bocanada de aire fresco.




11/21/2007

PhotoGalicia 2007: Man Ray


Fomos ver a exposición sobre Man Ray "Despreocupado mais non indiferente" na Fundación Caixa Galicia enmarcada dentro de PhotoGalicia 2007. As fotografías de Man Ray gústanme, non sei exactamente que é o que me fascina, pode ser unha asociación de sentementos e conversas sobre el con algunha persoa e algunha das súas fotografías o que me provoque este interés. Tanto ten, Man Ray fixo de todo: pintou, fotografiou, esculpiu, debuxou...pouco lle quedou por facer e un pouco de todo é o que se expón en "Despreocupado mais non indiferente".

Man Ray, dadaísta confeso, é coñecido sobre todo polas raiografías, as copias en negativo e positivo do seu traballo Noire et Blanche e fotografías como Le Violon d´Ingres, Le Baiser, Prayer, Glass Tears, Erotique voilée ou Observatory Time, The lovers, entre outras.

Da exposición conto o que me interesa, centrándome no que me interesa: a cantidade de corpos nús que Man Ray fotografiou ao longo da súa vida e entre eles inclúense a fotografía que abre esta anotación, reseñada na documentación que entregan ao inicio da exposición:

"No 1929, nunha reunión do surrealistas, os directores da revista Variétés, con sede en Bruxelas, anunciaron que non podían pagar o que adebedaba a publicación polas fotografías. O poeta Louis Aragon propuxo que se fixese un número especial de poesía erótica e máis tarde pediulle a Man Ray que achegase as ilustracións. Este abriu un caixón cheo de fotografías para lle amosar a Aragon que xa tiña o que precisaba: unha abundante colección de imaxes sexuais explícitas entre Man Ray e Kiki de Montparnasse. André Breton encargouse da producción do número, cunha tiraxe de cincocentos exeplares, pero as autoridades aduaneiras francesas secuestraron a revista e destruírona."

Ademáis diso a obra fotográfica de Man Ray vai amosando as distintas mulleres que pasaron pola súa vida, dende Kiki de Montparnasse, Lee Miller ou a súa muller Juliet Browner e a moitos persoeiros da época cos que tivo contacto: Marcel Duchamp, Henri Matisse, James Joyce, Jean Cocteau, Juan Gris, Picasso, Hemingway, Stravinsky, Vicente Escudero, Dalí, Coco Chanel ou Henri Cartier Bresson entre outros.

Días despois de ver a exposición, da que saín máis ou menos satisfeita, a conclusión á que cheguei é que a obra de Man Ray (filias, fobias ou despreocupacións aparte) interésame en canto amosa as distintas variantes e posibilidades de creación e experimentación sen alonxarse de temas tan terrenais como son a súa vida amorosa-sexual e o seu grupo de amigos e coñecidos que tanta influencia tiveron os uns nos outros. Vamos, que sen sabelo estaba facendo unha especie de blogue ou fotologue da súa vida e iso sempre é interesante.

Man Ray Trust




7/22/2007

100 posters para un século

100 pósters para un seculo é o título da exposición que ha de estar ata o 16 de setembro na Fundación Pedro Barrié de la Maza na Coruña. Onte pasamos por aí. Os carteis proveñen do Museum für Gestaltung Zürich que conta dun arquivo de 330.000 exemplares e tivemos a sorte que collemos unha visita comentada da exposición (e moi ben o rapaz que a comentou)

Sempre me chamou a atención isto dos carteis pola efémeros que son, unha vez pegados nas paredes duran o que tardan en poñer outros encima deles. Con todo non deixan de ser obras de arte.

Fai un percorrido dende a cartelería da man de Toulouse-Lautrec pasando por Chéret que foi quen comezou a darlle importancia á tipografía e quen viu na figura da muller unha fórmula de reclamo para anunciar productos e que a día de hoxe sigue vixente.



Na 1ª Guerra Mundial queda patente a inmediatez e a temática antibélica en carteis que parecen debuxos feitos con carboncillo e onde se amosan nais protexendo os seus fillos dos desastres da guerra. Despois hai exemplos tamén da época entre Guerras onde se destaca a Bauhaus e a antiga Unión Soviética coa máquina metida de pleno na vida diaria. En cartelería comeza a utilizarse a fotografía, o cine, as diagonais que dan movemento, a integrar máis a tipografía no cartel e a un uso do branco, negro e vermello para crear máis impacto visual.



E desta época e de El Lissitzky é un dos carteis máis caros da exposición



Ven despois a 2ª Guerra Mundial e toda a propaganda nazi, moi gótica en si pero que utiliza a síntese da Bauhaus por ser eficaz na mensaxe. Destaca Jean Carlu que incorporou conceptos e imaxes do cubismo nos seus carteis para as forzas aliadas e norteamericanas. No que atinxe a España, a Guerra Civil tamén deixou cartelería abondo (aquí unha recopilación deles).



Continúa a exposición con cartelería de postguerra con referencias á guerra fría e ao horror da ameaza nuclear e cambiando totalmente de estilo chega o pop-art e o comezo de posters de índole consumista que chegan ao seu máximo expoñente en campañas coma as de Toscani con Benetton, onde o que se quere conseguir é asociar imaxes impactantes a unha marca, anque non teñan nada que ver entre si.



A día de hoxe hai moita variedade de temas no deseño gráfico tanto en denunciar situacións, anunciar productos, publicitar eventos etc Tanto que ven ao caso un cartel de Cassandre no que expresaba a saturación de información que a día de hoxe temos, non hai sitio onde nos poidamos librar deses impactos visuais.



Gustoume a exposición e en especial o primeiro cartel que vin, que a pesar de anunciar Tabu, papel de liar



lembroume moito ao que si semella ser tabú estes días visto o secuestro de El Jueves.



E veña, que destrúan os moldes.

5/31/2007

E se pillo un avión...


O outro día no fedello, falando xa non sei ben de que, Roi Buligan puxo esta ligazón . Xa sei de que falabamos, das súas fotografías no flickr. O conto é que me dou a venada, que é como acostumo a facer as cousas que son así pouco transcendentais, e acabo de mercar uns billetes de avión para a próxima fin de semana, o destino: Madrid.

Vou sosiña e con toda a intención de perderme no Reina Sofía e ver as miradas de

Henri Cartier-Bresson
Dora Maar
Man Ray
Jean Moral
André Kertész...entre outros

ou como din, facer un percorrido polas instantáneas máis representativas do Fondo de Fotografía da Colección Permanente da pinacoteca madrileira.

Man Ray-Woman with long hair, 1929



Xa sei que aquí tamén hai boas exposicións, coma a de Tamara de Lempicka ou a de Keith Haring, e non fai falla ir tan lonxe, pero doume por aí. E iso é bo, volvo tolear.

A frase de hoxe, a que dixo Picasso de Dora Maar: "La dejé por miedo. Dora ya estaba loca mucho antes de que enloqueciera de verdad".

5/27/2007

Carmen Valiño no 14!

Esta moza é Carmen Valiño.



E expón no 14! outras tantas fotografías de 13+1 músicos no escenario.



Seica está ata o 16 de xuño, ou un pouquiño máis, así que irá que ir indo a vela e a tomarlle algo porque xa se me está poñendo o cu gordo de quedar na casa (falta facía que engordase algo tamén)

11/10/2006

Real Flickr

Encántame que a vida real se encha da vida virtual.

Café de Macondo, rúa de San Andrés nº 106. A Coruña.