7/22/2007

100 posters para un século

100 pósters para un seculo é o título da exposición que ha de estar ata o 16 de setembro na Fundación Pedro Barrié de la Maza na Coruña. Onte pasamos por aí. Os carteis proveñen do Museum für Gestaltung Zürich que conta dun arquivo de 330.000 exemplares e tivemos a sorte que collemos unha visita comentada da exposición (e moi ben o rapaz que a comentou)

Sempre me chamou a atención isto dos carteis pola efémeros que son, unha vez pegados nas paredes duran o que tardan en poñer outros encima deles. Con todo non deixan de ser obras de arte.

Fai un percorrido dende a cartelería da man de Toulouse-Lautrec pasando por Chéret que foi quen comezou a darlle importancia á tipografía e quen viu na figura da muller unha fórmula de reclamo para anunciar productos e que a día de hoxe sigue vixente.



Na 1ª Guerra Mundial queda patente a inmediatez e a temática antibélica en carteis que parecen debuxos feitos con carboncillo e onde se amosan nais protexendo os seus fillos dos desastres da guerra. Despois hai exemplos tamén da época entre Guerras onde se destaca a Bauhaus e a antiga Unión Soviética coa máquina metida de pleno na vida diaria. En cartelería comeza a utilizarse a fotografía, o cine, as diagonais que dan movemento, a integrar máis a tipografía no cartel e a un uso do branco, negro e vermello para crear máis impacto visual.



E desta época e de El Lissitzky é un dos carteis máis caros da exposición



Ven despois a 2ª Guerra Mundial e toda a propaganda nazi, moi gótica en si pero que utiliza a síntese da Bauhaus por ser eficaz na mensaxe. Destaca Jean Carlu que incorporou conceptos e imaxes do cubismo nos seus carteis para as forzas aliadas e norteamericanas. No que atinxe a España, a Guerra Civil tamén deixou cartelería abondo (aquí unha recopilación deles).



Continúa a exposición con cartelería de postguerra con referencias á guerra fría e ao horror da ameaza nuclear e cambiando totalmente de estilo chega o pop-art e o comezo de posters de índole consumista que chegan ao seu máximo expoñente en campañas coma as de Toscani con Benetton, onde o que se quere conseguir é asociar imaxes impactantes a unha marca, anque non teñan nada que ver entre si.



A día de hoxe hai moita variedade de temas no deseño gráfico tanto en denunciar situacións, anunciar productos, publicitar eventos etc Tanto que ven ao caso un cartel de Cassandre no que expresaba a saturación de información que a día de hoxe temos, non hai sitio onde nos poidamos librar deses impactos visuais.



Gustoume a exposición e en especial o primeiro cartel que vin, que a pesar de anunciar Tabu, papel de liar



lembroume moito ao que si semella ser tabú estes días visto o secuestro de El Jueves.



E veña, que destrúan os moldes.

4 comentários:

paideleo disse...

O tema dos cartaces tamén me gusta a min.
Graciñas pola ligazón para os cartaces da guerra civil.

A rapaza do arco disse...

que interesante! é unha pasada poder percorrer a historia a través deste tipo de cousas que, aparentemente, son algo pequeno pero que che axudan a entender moi ben cómo era a sociedade de cada época.

Roi Buligan disse...

A min fascíname o estilo modernista e Art-Deco na cartelería

O Breogán de Gáidil disse...

É curioso, seguindo con isto que dis do efémero que é, o "Ars longa, cartel na rúa brevis" por dicilo dalgunha maneira. Meu irmán o maior lévame dez anos, i eu flipaba coa súa habitación, á que miña avoa se negaba a entrar por estar chea de pósters de Sid Vicious, Siouxsie, The Cure... e moitos pósters que pillaba de obras de teatro (lembro o cartaz de "Un Códice Clandestino" de Quico Cadaval, dalá de 1990 polo menos) ou aqueles de Inzar de protesta (coma o de "O Silencio dos Corcueiros" contra a Lei Corcuera)... pregúntome se alguén os ten atesourados para que os nosos netos poidan facer unha exposición con eles.

Quen sabe?