Habito un corpo enfermo e revoloteo nunha bitácora que quería ser pequena. Que é pequena. Que será máis pequena. Enfermo tanto nestes últimos 60 días que visito máis á miña médica que a miña nai. Invádeme o cansazo e interrúmpoo con esporádicos momentos de euforia nocturna que me son precisos, pero que me embrollan aínda máis. Acho no meu interior outra vida máis calma, que non é a miña pero que estou adoptando como tal. Outra vida a vivir que implica distancia dun mundo no que se non estás, eres relegado ao esquecemento e contribúe a ese feito un móbil que quixo saír defectuoso e que mantés canda ti porque, en ocasións, cumpre o seu cometido.
(Sempre me preguntei que pasaría se morrese alguén en internet. Non pasaría nada. Un mínimo de comentarios sen dicir, de correos sen respostar, de música sen escoitar, de fotografías sen tirar, de palabras sen comunicar...un mínimo tan mínimo que se alguén collese o móbil e chamase á xente que habita a axenda e dixese Inés morreu atoparía como resposta Que Inés? ou Perdoe, pero penso que se enganou. É lóxico nunha lóxica de axiomas que rexeito inutilmente.)
Estou febril de novo e xa me estou habituando á sensación do corpo morno.
11 comentários:
A ver se chega o soliño, que a praia é moi terpéutica.
Mellórate
Permítame ser cínico.
O ibuprofeno é moito mellor que o tremendismo para recobrarse dunhas febres.
Que a saúde lle acompañe.
gracias zerovacas :) e aquí sigue chovendo e eu esbichando.
el duende, estou saturada de ibuprofeno e demais marabillas farmacéuticas, aínda así sigo delirando. A ver cando remata esta mala racha que levo e saúde para todos, chin chin.
Mmm, eu son da opinión de que, tanto na vida real coma na virtual, hai certa xente que che fai a vida máis agradable. Xente que está aí. Xa pode ser un bo amigo ou a caixeira que che gusta que esté cobrando cando compras no "súper". Coma dicía, máis ou menos, Tyler Durden: "es a mellor porción de realidade individualizada que coñezo dende hai tempo".
En canto a Inés, pois polo dagora non sei quen é. Non a coñezo. Pero Besbellinha sei quen é e quero que siga aí moito moito tempo contándome as súas filias, fobias e neuras.
Un saúdo.
Corrección de erros pola que se convoca concurso aberto ao blogomillo para a provisión de cariños que fagan máis levadeira a doenza inoportuna de Besbe.
Onde di: "...provisión de cariños...", debe dicir: "provisión de moitos cariños...".
Aínda sendo delito administrativo, nós presentámonos.
Tamén eu o teño pensado. Se morrese algún autor de blog anónimo ninguén o sabería nunca.
En fin, deixémonos de pensamentos luctuosos.
Saúdos, a mellorarse e ánimo.
Arriba ese ánimo e abaixo esa temperatura!!! Eu tamén teño andado algo febril estes días, pero o meu é tan habitual que case non se note. Bicos.
Ei Besbe!!! Ese ánimo!!! Os que te vemos de cando en vez xamais diriamos que estás enferma, sempre co sorriso, sempre animada...Veña ese espíritu erguido, animado, que a luita non remate!!!
Un bico moi forte.
Colle unha lancha branca. Sae do peirao de Capri. Leva o mínimo imprescindible: é dicir outros ollos que te miren. Enfía os faraglioni, moi paseniño. No medio do mar azul e baixo o ceo azul pecha os ollos, toca cos dedos a auga e deixa que a música de Parlami d'amore> acompañe ese momento eterno.
Se lle digo que se anime e que non pense só por vicio, e que aínda que non lle soe o mobil de seguido ten que haber moita xente que se lembre de vostede, e que a morte..., vaime botar a bronca como a última vez?
Pois entón só lle mando un bico e unha aperta ( aquí non ten nada que apor, lista que son!)
non sei que lle pasaría aos demáis, pero eu teño unha presada de blogues que botaría de menos e a correspondente presada de blogueir@s que estrañaría. Precisamos de Ines e da Besbellinha, como se precisan entre elas...
un saúdo e mellórate (isto de andar con retraso fará que os meus desexos sexan realidade rápido, ben seguro)...
Enviar um comentário