O Cuestionario Proust polo que estiven mirando, leva ese nome porque o das madalenas foi o que o publicou por vez primeira no 1892 e está feito coa idea de coñecer mellor a unha persoa. Seica no século XIX nos salóns de París era un entretemento de cabaleiros e mesmo había xente que llo pasaba ás visitas e tíñanos todos recollidos nun libro.

O conto é que o Marcel respostou a estas preguntas no aniversario da súa amiga Antoniette Felix-Faure cando tiña 13 anos que a rapaza gardou no "libro de aniversario" (supoño que sería algo así como o album da primeira comunión) e despois fixo outro aos 20. Hoxe tócanos respostar, eivai!
1. O principal rasgo do meu carácter?
Supoño que a empatía, anque ás veces penso que é o contrario, a falta de personalidade e de asertividade. Tanto ten, eu penso que é boa cualidade porque así non me radicalizo en canto a pensamentos e actitudes e escoitar o que ten que dicir a xente é algo moi enriquecedor e xa non é todo branco ou negro, se non que rematas tendo unha paleta enorme de cores coa que ver as cousas.
2. A calidade que prefiro nun home?
A capacidade de facerme rir, que sexa unha persoa comunicativa, as mostras de afecto e por suposto, a ausencia de soberbia.
3. A calidade que desexo nunha muller?
Sinceridade.
4. O que máis aprecio nos meus amigos?
Que sempre estean aí cando o preciso, que saiban que poden contar comigo e que nunca nos damos problemas nin nos botamos cousas en cara, doutro xeito non serían amigas/os. Vamos, que nos queremos.
5. O meu principal defecto?
Pouca autoestima? E ser moi desconfiada.
6. A miña ocupación preferida?
Non facer nada.
7. O meu soño de dicha?
Non aspiro a nada nesta vida, ou mellor dito, xa son dichosa.
8. Cal sería a miña maior desgraza?
Morrer ou que morresen/desaparecesen persoas queridas da miña vida.
9. Que quixera ser?
De pequena quería ser escritora ou xornalista agora, o que son (anque algunhas veces penso que me enganei en escoller profesión). Despois penso que calquera traballo ou ocupación sería interesante pero como nunca tiven vocación de nada, pois tanto me daría. O que si me gustaría sería poder ser unha exploradora, unha alpinista, formar parte dunha expedición na Antártida...algo así.
10. Onde desexaría vivir?
En calquera sitio onde tivese amigos e me poidese localizar a familia, de clima aceptable e se pode ter mar mellor, que anque son de interior tamén se bota de menos. A miña idea é ter unha casa no campo nun futuro, coa súa camposa, cos froitais, coa parra e coa parrilla para o churrasco. Estaría ben.
11. A cor que prefiro?
Gústame o azul. E os verdes e os laranxas rechamantes tamén.
12. A flor que prefiro?
Gústanme tres xuntas que fan contraste no medio do verde: as queiroas violetas, as chorimas amarelas dos toxos(ou no sitio as flores das xestas)e as herbas das doas azuis.
13. O paxaro que prefiro?
Os pardais.
14. Os meus autores preferidos en prosa?
Borges, García Márquez, Saramago, Houellebecq, Terry Pratcher, Neil Gaiman, Manuel Rivas, Blanco Amor, Roald Dahl, Bukowski...
15. Os meus poetas preferidos?
Pessoa, Maria Lado, Lorca, Neruda, anque se digo a verdade non leo moita poesía non sei por que.
16. Os meus heroes de ficción?
Obi-Wan Kenobi
17. As miñas heroínas de ficción?
Chihiro, Alicia e Dorothy.
18. Os meus compositores preferidos?
Mozart, Miles Davis e Coltrane (e gracias a quen mos descubriu) e a partir de hoxe o Doctor Keli.
19. Os meus pintores predilectos?
Rubens, Rembrandt, Caravaggio, El Greco, Tiziano, El Bosco, Dalí, Renoir, Manet,Pisarro e case todos os impresionistas. Envexo moito a quen sabe debuxar e pintar ben.
20. Os meus heroes da vida real?
Meus pais.
21. As miñas heroínas históricas?
Juana de Arco, a pesar de toda a relixiosidade que a rodea.
22. Os meus nomes favoritos?
Uxía, Xiana, André, Asier, Alexandre e Inés.
23. Que detesto máis que nada?
A mentira, a soberbia, a hipocresía, a traición, a intransixencia, a inxustiza e o resquemor.
24. Que caracteres históricos desprezo máis?
Todos aqueles que leven implícitos todo o anterior e que arrastraron masas nunha única dirección de pensamento.
25. Que feito militar admiro máis?
A Revolução dos Cravos.
26. Que reforma admiro máis?
A Española.
27. Que dons naturais quixeras ter?
Sangre nas venas que ás veces non me viña mal e algo máis de asertividade e confianza.
28. Como me gustaría morrer?
Tranquila, sabéndoo de antemán e sen dor.
29. Estado presente do meu espírito?
Coma un río calmo de gran caudal a piques de desbordar coma un bañeiro cando esta cheo e sigue a billa botando auga, ando revolucionándome amodiño.
30. Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Os que se fan sen maldade e sen querer.
31. O meu lema?
Non facer aos demais o que non me gustaría que me fixesen a min e o Carpe Diem sen dubidalo un momento.
Que o faga quen lle apeteza, se por min fose:
W. Sobchak
arume dos piñeiros
Gustavo Harvey