O 7 do 7 do 7, que se día do orgullo lgbt en Compostela, que se a festa do planeta contra o aquecemento global, que se o día do paraugas negro que descubriu dorfun e xa que estabamos, tamén a quedada da blogocousa, como lle chamou Elianinha á proposta de Calidonia.
A Quintana a verdade non estaba moi chea cando Lucía Aldao comezou a presentación (que ben o fixeches) que nos contou que este ano o día ía adicado aos bisexuais, falou de canto mal ten feito El diario de Patricia e nos prexuizos que a día de hoxe siguen existindo cando se fala de homosexualidade.
Tocaron The Homens e pouco a pouco fomos atopándonos todos e enchendo as pedras da praza. Así cando Projecto Mourente comezou a tocar xa estabamos por alí reunidos un bo grupiño, máis revoltos pola Quintana adiante ca xuntos: marinha de allegue, nemeth, gustavo harvey, serxo 74 e brother, a raiña vermella, a rapaza do arco, Mario, elianinha and friends, zerovacas e compañía...
Mentres tocaba Mourente e facía aparición un látigo no escenario, sorprendémonos cando ocuparon a primeira fila as fans máis novas: un grupiño de rapazas dándolo todo e sendo máis fans que os fans. As novas xeracións veñen pisando forte. Andaban por alí integrantes de proxecto-ds, Anxo e o Juanma lunaticboy.
Nun de tantos paseos pola Quintana, luis transitando mellor ca nunca, brunhaven, misscorpse e o regueifeiro polo medio da xente. Canta aglomeración! Aglomeración e consignas: se na manifestación de pola tarde se berraba "Detrás das persianas, hai moitas lesbianas. Nos balcóns, tamén hai maricóns", nun momento do concerto, Mourente tivo que oír o de "Non oposites, fai electropop!".
O caso é que chegaron as Nancys Rubias despois dunha actuación de danza do ventre moi orixinal e tras atopar a María Franc3s (tocan en Razo no II Festival Sereas e Piratas o 21 de Xullo con Delorean) demos en bailar e bailar, e Mario Vaquerizo nos cae mal, pero que ben o pasamos, do que poden dar boa fe Ra e Elvi.
Así que rematou todo fomos ás Crechas, punto de reunión onde nos agardaba Calidonia e onde tamén atopamos a Berto e a María. Finalmente incumplimos todos os plans previstos e rematamos no Malas Pécoras, onde atopei a un par de bos amigos que facía moito que non vía.
A ruta continuou polo Tarasca onde vimos a Rosa Valdeorosa, polo Forum a onde non chegamos a entrar porque nos puxemos de parola e mentres uns marchaban outros seguiamos cara o Maycar para rematar no Ruta, onde atopamos a Kate e ao Outstanding Pupil.
Pois iso, que cando marchamos xa era de día e hoxe aínda estamos ríndonos e lembrándonos dos que non viñeron, véxase Sak (sonou a sintonía de e-music nun dos descansos), SugarKane, Jan, lourixe e tantos outros. Para outra será!
Mentres tanto e lembrando eses bailes con Marinha máis con Nemeth e á rapaza do triángulo das Nancys (non facía frío ningún), algo de musiquita (anque a apoteose foi con Sálvame, queda aquí Corazón de Hielo), ale a bailar.
Nancys Rubias-Corazón de Hielo
