Sempre me chamou a atención isto dos carteis pola efémeros que son, unha vez pegados nas paredes duran o que tardan en poñer outros encima deles. Con todo non deixan de ser obras de arte.
Fai un percorrido dende a cartelería da man de Toulouse-Lautrec pasando por Chéret que foi quen comezou a darlle importancia á tipografía e quen viu na figura da muller unha fórmula de reclamo para anunciar productos e que a día de hoxe sigue vixente.

Na 1ª Guerra Mundial queda patente a inmediatez e a temática antibélica en carteis que parecen debuxos feitos con carboncillo e onde se amosan nais protexendo os seus fillos dos desastres da guerra. Despois hai exemplos tamén da época entre Guerras onde se destaca a Bauhaus e a antiga Unión Soviética coa máquina metida de pleno na vida diaria. En cartelería comeza a utilizarse a fotografía, o cine, as diagonais que dan movemento, a integrar máis a tipografía no cartel e a un uso do branco, negro e vermello para crear máis impacto visual.

E desta época e de El Lissitzky é un dos carteis máis caros da exposición

Ven despois a 2ª Guerra Mundial e toda a propaganda nazi, moi gótica en si pero que utiliza a síntese da Bauhaus por ser eficaz na mensaxe. Destaca Jean Carlu que incorporou conceptos e imaxes do cubismo nos seus carteis para as forzas aliadas e norteamericanas. No que atinxe a España, a Guerra Civil tamén deixou cartelería abondo (aquí unha recopilación deles).

Continúa a exposición con cartelería de postguerra con referencias á guerra fría e ao horror da ameaza nuclear e cambiando totalmente de estilo chega o pop-art e o comezo de posters de índole consumista que chegan ao seu máximo expoñente en campañas coma as de Toscani con Benetton, onde o que se quere conseguir é asociar imaxes impactantes a unha marca, anque non teñan nada que ver entre si.

A día de hoxe hai moita variedade de temas no deseño gráfico tanto en denunciar situacións, anunciar productos, publicitar eventos etc Tanto que ven ao caso un cartel de Cassandre no que expresaba a saturación de información que a día de hoxe temos, non hai sitio onde nos poidamos librar deses impactos visuais.

Gustoume a exposición e en especial o primeiro cartel que vin, que a pesar de anunciar Tabu, papel de liar

lembroume moito ao que si semella ser tabú estes días visto o secuestro de El Jueves.

E veña, que destrúan os moldes.