10/28/2008

Fartei de perrenchas lingüísticas

Vía O quilombo lin unhas declaracións de Kureishi, o titular é o seguinte: Europa deve criar esquerda alternativa para assegurar futuro. Fala, sobre todo, do capitalismo, pero tamén da multiculturalidade.

No caso do galego tamén fai falla, xa non unha política alternativa porque a día de hoxe semella que toda a política está vendida, se non unha masa crítica que evite caer en trampas que so buscan alterar os ánimos e en accións empresariais que desexan encher o peto a base do despiste e da incoherencia.

O resto é o de sempre: se o poder son os cartos e os cartos se xeran azuzando aos consumidores con publicidade, cortemos ese ciclo espantoso e publicitemos, non o que nos ataca, se non o que nos honra.

En Galicia, en castellano

Alema, "bueno" marea e non precisamente na RAG.



10/23/2008

A imaxe da crise

Unha crise sempre é ben recibida, cambios e máis cambios, no económico mellor que sexan mudanzas a mellor. Ben pensado, sempre que haxa crise é preferible que sexa para mellor, e cando se fala de cartos, non sei quen dixo que non dan a felicidade, pero axudan. Igual nesta casa xa se comezan a notar os efectos desta suposta (para min aínda ficticia e etérea) crise e aínda así, por agotamento, estou pensando en deixar un dos segundos traballos que teño para o ano que ven (si, síntoo moito, son pluriempregada a xornada supercontinua).

A historia é a seguinte: os amigos van pescar a Santa Cristina un día destes, levan as súas cañas, as súas rapalas, a súa ilusión e asisten á subida e baixada das mareas mentres eu quedo na casa facendo sabe Deus que (perder o tempo, basicamente). Chega a hora na que despois de ter pescado unha lubina e dous xargos deciden retirarse e chaman ao móbil (non sempre operativo non se saber por que) para reclamar a miña presenza. Vou e recólloos. Decidimos ir a tomar algo, ponlle un prato combinado, unha hamburguesa ou algo semellante, alí onde van os rapaces guapos e pregúntome onde andarán aqueles que o primeiro día que cheguei a Coruña vin.

Conclúo moitas cousas, que Santa Cristina segue sendo o que era cando frecuentava Chevalier, que unha xa ten dez anos máis enriba, que moito che mudaron as cousas e que, efectivamente estamos en crise. Non porque o prezo das hamburguesas, pratos combinados, cañas e café sexa excesivo, se non porque, como teño oído veces abondo como para rematar convencéndome do feito, a creatividade aumenta en tempos aciagos (así como o gusto polo gran tamaño dos peitos). E, de non ser así, de que todo "artista" ou similar, tolea de cando en vez.

Pido un café con leite e respóstanme "con leite?" ao que digo "si". Xa non tomo tanto café coma antes, faime ter bruxismo, ponme demasiado nerviosa, pero de cando en vez agradécese o sabor. Despois de que mo traian bótolle o azucre. Polo xeral sempre lle boto unha ollada ao envoltorio do azucre e desta vez fixérono antes os acompañantes cun riso semi-obsceno na cara. Miro o envoltorio e de primeiras non vexo nada significativo, de segundas penso que, efectivamente, o meu é café con leite.



Creo que a obra é de Yolanda Dorda e, a verdade, creo que non hai imaxe mellor para falar da crise nin para os versos de Connie Francis cantando Siboney:

Siboney, yo te quiero
yo me muero por tu amor;
Siboney en tu boca
la miel puso su dulzor;
ven a mí que te quiero
y que te adoro
y qué eres para mi...


Connie Francis-Siboney



10/12/2008

Ai, Chantal, Chantal...pero ti que pretendías??

...la frase "los hombres ya no se vuelven para mirarme" es la luz roja que indica el comienzo de la progresiva extinción del cuerpo.

Por mucho que él le dijera que la quiere y la encuentra guapa, su mirada de enamorado no le serviría de consuelo. Porque la mirada del amor es la mirada del aislamiento. (...) No, lo que ella necesita no es la mirada del amor, sino un aluvión de miradas indiscriminadas, desconocidas, groseras, concupiscentes, que se detengan fatal e inevitablemente sobre ella sin simpatía, sin ternura ni cortesía. Esas miradas la mantienen en la sociedad de los humanos. La mirada del amor la arrebata de ella.

(...)

Cuando Chantal tenía dieciséis, diecisiete años, le encantaba una metáfora; ¿la había inventado ella misma, o la había oído, o leído? Poco importa: ella quería ser un perfume de rosas, un perfume expansivo y avasallador, quería traspasar así a todos los hombres y, por mediación de los hombres, abrazar el mundo entero. Perfume expansivo de rosas: metáfora de la aventura. Esa metáfora había brotado en el umbral de su vida adulta como la promesa romántica de una dulce promiscuidad, como una invitación al viaje a través de los hombres.


La identidad, Milan Kundera.

Descontextualizando ou contextualizando fora de contexto, mentres escoito voces que me calman e música que me agrada, penso se Chantal debería mercar ou non unha antiarrugas. É a dúbida existencial que nestes intres me corroe.


10/10/2008

Impactada

Isto é un geoduck, unha especie de ameixa enorme que pode vivir 146 anos tan tranquilamente. Alá pola China, Corea e Xapón cómenos tan panchos e tan anchos, ríome eu dos que lle teñen noxo aos percebes.



Vía Dark Roasted Blend.



10/09/2008

Arumes, besbe e a CNT (Woody Allen por diante)

Que se é unha postal, que se non deixa de caer nos tópicos, que se a voz en off, que, en definitiva, vaia fraude de película. Pois a min gustoume e por un momento comparei a Woody Allen con Stephen King en canto á facilidade que teñen ambos de imaxinar os seus mundos, as súas historias, dun xeito que ata parece fácil.

Vicky, Cristina, Barcelona é iso, o que é Barcelona para os que non viven na cidade e para os que van de turistas: o aeroporto, Miró, Gaudí e o parque Güell e a Pedrera, Miró, a fonte máxica e Montjuïc, a burguesía catalana e o barrio de Pedralbes, as Ramblas, a estatua de Colón, o Tibidabo, o catalán, os extranxeiros...e o que pode acontecer nunha cidade ou noutra (Oviedo e os carbayones, e Santa María del Naranco e unha fabada) mentres bebes viño, escoitas tocar unha guitarra (que nunca está de máis, pero tamén son casualidades atopar tantas guitarras) e te sorprendes coas persoas coas que te xunta a vida.

Trailer de Vicky, Cristina, Barcelona



Barcelona non é maís que o marco no que se conta unha historia que tanto ten que acontecese en Londres, ou Manhattan, San Petersburgo ou na Coruña, o que se vai buscando é encadrar nalgún sitio o que todos facemos e a todos nos pasa: seducir, namorarnos, botar un ferrete, comezar unha relación, plantexarte outra, cuestionar o futuro na compaña de alguén, decidir continuar co que xa tes, decidir ser infiel, saber o que non queres e buscar o que colme a insatisfacción, decidir que as etiquetas homosexual/heterosexual/bisexual non sempre son correctas, querer a alguén e namorarte doutro alguén, cuestionarte a monogamia, cuestionarte a vida en parella...e todo o que iso implica cando non se comparten puntos de vista, cando a moralidade che impide tomar certas decisións, cando as eleccións non son "correctas", cando che da igual o que digan os demais, cando non atopas o que queres, cando ves que as túas decisións están influenciadas polos demais e optas por deixar que iso sexa así ou todo o contrario.

A película non soluciona nada, pódese dicir que é un cliché de pensamento e ata podo aventurar que sexa unha película a programar nas tardes dos domingos en calquera cadea de televisión, o cal me parecería xenial: ver con naturalidade certas maneiras de vivir a vida, a sexualidade, que non son as convencionais e sementar unha dúbida en milleiros de cabezas.

O que máis me gustou é que a historia é presentada así tal cual, non xulga, non critica, non condiciona, so mostra o que hai e cada un que escolla, porque á fin, a vida hai que vivila e das túas escollas vai depender a túa vida. Gustoume porque é sinxelo identificarse con cada un dos personaxes.

E a banda sonora tamén foi do meu agrado: http://www.myspace.com/giuliaylostellarini

adicado a arume dos piñeiros, gustoume máis Pe que Scarlett e non me decatei do cartel da CNT, débolle un libro...


10/07/2008

E se hoxe rematase todo...

Vía acedre chégame o meme que Mario atopou por aí, aló vamos:

Se fose a fin do mundo...

1. Que canción che gustaría escoitar?

Ningunha en especial e todas en xeral, tirando de last.fm escollería tags tales como mowtown, twee, britpop, sweden ou algo semellante.

2. A que libro lle botarías un ollo?

Non creo que se me dese por ler, se acaso rematar o último que ande a ler, por iso de non morrer coa intriga. Pero non ían ser os libros os que me preocupasen nese intre.

3. Con quen che gustaría falar?


Con quen estivese ao meu carón, neste caso J., adicar unhas palabras á familia e unhas mensaxes aos amigos, que supoño que estarían tamén preparándose para a fin do mundo.

4. Que che gustaría comer?

Chocolate ou xeado de limón ou pipas e café ou licor café ou cervexa ou zume de laranxa (é que agora mesmo ando de sobremesa e se vai rematar o mundo é o que me apetece)

5. Que farías e que che queda pendente por facer?

Pois collería o coche e tiraría cara Fisterra ou cara San Andrés de Teixido ou cara algún sitio con mar lonxe da cidade, coa música e comida/bebida anteriormente escollida e cun libro de poesía para non ler no asento de atrás. Supoñendo que chegase ao sitio escollido, pois disfrutar da compaña e acompañamentos.

Se remata o mundo non creo que me arrepinta de nada nin pense no que me quede por facer, a día de hoxe quero facer moitas cousas, tantas, que xa me pesa non telas feito antes...pero se hoxe remata todo, tede por seguro que non me vou amargar pensando nelas.

Living la vida loca



10/03/2008

Steiner, non máis fracasos

A estas alturas a polémica xerada por Steiner semella xa auga pasada, con todo no grupo de Literatura Galega de anobii.com adoptamos a este home "experto" en literatura comparada como padriño.



Polo menos ata o de agora, antes de que apareza outro que faga máis méritos (Gloria Lago e compaña non contan por cansinos, que estou farta de ver cartas ao director en La Voz de Galicia cun claro diagnóstico de manía persecutoria).



10/02/2008

Dinosaurios e blogueiros en 3D

O martes fomos a ver a proxección para blogueiros de Dinosaurios na primeira sala en 3D en Galicia, na Domus da Coruña. O evento foi organizado polos Museos Científicos da Coruña e Galinus e como dixo Xosé Antón Fraga, unha experiencia piloto do que agardaba que fose o primeiro de moitos máis encontros que habían facer pensando nos blogues. Logo da súa presentación Enrique Criado, de Enxebre, empresa que se encargou de adaptar a sala, falou sobre a orixe e futuro das 3D e despois xa procedemos a ver a película e unha curta que produciu Enxebre. Tras o pase, pinchos e o mellor destes eventos: conversa e intercambio de opinións.

A pega que lle vexo eu a isto das 3D é, por incrible que pareza, a adaptación da vista a ver as cousas como supostamente xa as ve, pero comentaba tamén un dos rapaces de Galinus que el probara unhas gafas electrónicas para 3D e que a visión era perfecta, así que supoño que isto mellorará a aceptación, e pensando nos videoxogos é de supoñer que será un éxito.

Falamos con Sole e con algún dos membros de galinus das aplicacións das 3D, que se emperraban en facer películas e igual tiñan que centrarse tamén noutros campos. J. comentaba que para o seu traballo podían virlle moi ben para realizar exposicións nas súas terapias de psicoloxía, por iso dun "entrenamento á experiencia real" no caso de fobias e outros transtornos. Sole comentounos o caso das persoas que teñen fobia a montar en avión e o programa que ten Aena para estes casos, que conta cun simulador de voo real, así que teñen campos abondo para explorar e sacarlle partido a isto das 3D.

Experiencias en 3D xa tivemos ocasión de comprobar aquí en Galiza noutros ámbitos, como é o caso da exposición Galicia Dixital.

Ao final falouse do que se tiña que rematar falando: mestura internet, ocio e 3D e seguro que a palabra "porno" non tarda en aparecer...nada de HD, o que seguro que trunfará serán as 3D, ou que??

Paseino ben, encantoume voltar a ver a moitos compañeiros que había tempo que non vía, coñecer a outros, desfrutar das vistas dende a Domus e coñecer á xente de galinus. Agardo que repitan este tipo de experiencias e a miña noraboa.

Donnie Darko estivo alí


9/30/2008

Pekín Express

Vin o domingo o programa este Pekín Beixín Express, presentado por Paula Vázquez. Aquí na casa falamos de La larga marcha (a chinesa non, a de Stephen King) onde cen rapaces participan, por gusto ou disgusto, nunha camiñata que comeza na fronteira dos Estados Unidos e Canadá ata que so queda un...vivo.

-Sentaos, muchachos -dijo, una vez en tierra-. Tened en cuenta el consejo número 13.
El consejo número 13 rezaba: «Conservar las energías siempre que sea posible.»
Los que se habían puesto en pie volvieron a sentarse. Garraty consultó de nuevo su reloj: las 8.16. Decidió que iba un minuto adelantado. El Comandante siempre aparecía a la hora prevista. El muchacho pensó en atrasar el reloj un minuto, pero pronto lo olvidó.
-No voy a hacer un discurso -continuó el Comandante, escudriñándoles con las gafas que le ocultaban los ojos-. Quiero felicitar al que resulte vencedor, y expresar mi reconocimiento a los perdedores por su valor.


Mañá comezo a correr e entre La larga marcha e o novo de Haruki Murakami (do que lle teño libros pendentes) What I Talk When I Talk About Running do que fala de novo Jaureguízar, xa teño lecturas motivadoras de sobra para acadar o de mens sana in corpore sano.

Mañá, á hora de estourar os pulmóns, as orellas acollerán música coma a que me esperta cada mañá pero hoxe de banda sonora quedo con jazz, tan presente tamén na vida e obra de Murakami.

Jhon coltrane-My Favorite Things



9/26/2008

Outra vaca no millo: sobre o M. González Garcés

Chegoume toda a información nun correo de Igor Lugrís e a estas alturas saberá todo o mundo que lle concederon o premio de poesía Miguel González Garcés a Eduardo Estévez cun poemario baseado nun blogue chamado "en construcción" onde se vía claramente que era el o autor, onde os lectores podían ler, opinar e influír sobre o decorrer dos versos, o que veñen chamando "work in progress", cousa novidosa nas nosas letras e usando as novas tecnoloxías que se teñen ao alcance. A Xavier Lama chegáronlle novas sobre a procedencia da obra gañadora e impugnou a decisión do xurado que polo visto nin sabía de quen eran os versos gañadores nin tiñan coñecemento da existencia do blogue en construcción, co cal o anonimato preciso segundo as bases do premio estaba garantido. Ao final quitáronlle o premio a Eduardo nunha nova deliberación do xuri con presencia dun avogado por parte da Deputación polo medio e estimarion conveniente outorgarllo a Lama.

A impugnación de Lama, e a explicación da cal que se pode atopar na de Jaureguízar, viña dada polo feito de que se "en construcción" estivo á vista de todo aquel que o quixese ler, de que se supostamente a obra de Eduardo estaba baseada en todos eses versos, revisados ou non coa axuda dos lectores do blogue, e outros novos...había a posibilidade de que algún membro do xuri soubese a quen pertencían (que parece que non foi así) e de que realmente a obra non fose inédita, se estaban publicados xa nun blogue... Lama, ao meu ver, ten toda a razón do mundo, posto que existe a dúbida razoable de que poidese ter habido algún incumprimento das bases do premio.

Visto que o anonimato foi garantido, o que queda por aclarar é se a obra era inédita ou non. Eduardo a través de consultas feitas a Fran Alonso ou a Miguel Anxo Fernán Vello concluiu que un blogue non se pode considerar unha edición, e Marcos S. Calveiro expresa na súa bitácora o que se considera inédito ou non. Ata aquí todo correcto, a obra era inédita dende o punto de vista legal. Entón o premio non debería de retirárselle a Eduardo.

María Lado expresa tamén que é moi normal que se presentan a concurso "obras" nas que parte dos versos xa estivesen antes expostos en publicacións como revistas ou fosen antes recitados polo propio autor.

Sorprendinme moito con toda esta información posto que se presentas unha "obra" a un concurso onde fala de obras inéditas (así en xeral) por moito que a maioría do poemario sexa inédito e supoñendo que o xuri estea enterado do que se coce a nivel galego asistindo a recitais, lendo publicacións, lendo blogues de autores...é moi fácil que uns versos che sonen de telos lido ou oído antes e polo tanto que os poidas atribuír a un determinado autor. E isto é un perigo nunha literatura onde, máis ou menos, todo o mundo se coñece, que ao final somos catro gatos así ben contadiños. Co cal entendo perfectamente a Lama e a súa impugnación.

Penso que o de inédito para concursos literarios deste tipo ten que ser máis definido nas bases porque está visto que o que xuridicamente se entende por inédito (obra publicada baixo ISBN ou obra que se poida descarregar en formato pdf, doc ou lit por poñer un caso) non sirve no caso de recitais, blogues ou outro tipo de soporte no que se difundan os contidos polo posible futuro recoñecemento da obra e autor vulnerando así o anonimato que tamén se require neste timo de certames.

Eduardo di que non vai recurrir a impugnación de Lama e penso que si o debería facer para aclarar este tema e non deixar este caso como precedente posto que non deixa contentos nin a uns nin a outros e non remata de aclarar nada posto que ao final todo queda reducido á redacción das bases pola entidade convocante e interpretación que o xuri faga delas, todo moi relativo ao final.

Para min neste caso vai quedar como gañador Eduardo e Xavier Lama como merecedor dun accésit. Iso si, tamén quero dicir que non se me ocurriría presentar un poemario procedente dun "work in progress" a un concurso deste tipo polos problemas que podería traer (e que ao final trouxo), máis ben tentaría que algunha editora o publicase debido a que é unha forma innovadora de escrita e colaboración cos lectores e no caso de que á editora non lle interesase (anque o louvasen ata o infinito dicindo que é un proceso creativo marabilloso bla, bla, bla) faría por publicalo no mesmo medio que o viu nacer, neste caso a rede (A Regueifa, por exemplo, por poñer un netlabel e por non dicir o único) e sobre os dereitos de autor case que non vou falar, como que paso.

Porque aquí, a pesar de que se trata de gañar un premio (prestixio e cartos), tamén importa moito o feito de publicar a obra en papel, que semella que é o que importa. Déixase de lado a evolución da literatura na rede en canto a facer reseñas e críticas de ebooks pero fáiselle caso cando é motivo para retirar un premio, por poñer un caso. Penso que as editoriais teñen un traballo que facer poñéndose a traballar co abano que a rede lles permite utilizando catálogos de libros on line daquelas obras que pasen un mínimo de calidade exixida coa opción de impresión baixo demanda (o papel sigue tendo o seu peso) por iso de non sobrecargar os estantes das tendas de libros nin o sistema literario galego.

Polo demais, o feito de que neste caso os poetas teñan que recurrir a versos, poemas etc que xa recitaron, xa publicaron noutros soportes etc para incorporalos ás súas obras dime moito da precariedade literaria deste país, co cal ideas coma as da Axencia Literaria Galega para promover a carreira literaria dos autores e a prol dunha profesionalización dos escritores parécenme do melloriño que en moito tempo apareceu por estes lares, da contra haberá que darlle a razón a Steiner (e eso doe moito, moito, moito).

Como pinga para facer rebosar o vaso non estaría mal que aproveitando este debate sobre o édito e o inédito se falase do que xa outros compañeiros como Mario Regueira, María Lado ou Alfredo Ferreiro teñen dito: Arsenio Iglesias, o X Premio Avelina Valladares e a súa obra premiada pero inédita a efectos legais Ático.

Hoxe, máis ca nunca, o hipertexto é literatura.



A boa nova: Construccións será publicado en edicións positivas.