Ferrol e arredores aparte de ter gasificadoras e de saber e querer facer barcos, tamén é un fervedoiro de cultura e así o poidemos comprobar o sábado no Pote en Maniños onde nos achegamos a rainha vermella, Gustavo Harvey, sergio74 máis eu a escoitar as voces das que podemos ir tomando nota que nun futuro seguro que estarán nos libros de texto, como ben dixo Arsenio Iglesias que fixo de presentador do acto e agradecéndolle tamén a Darío Iglesias facer que o acto fose posible.
Arrancou os aplausos dos asistentes Daniel Salgado cando leu "Non á SGAE" de 20.000 leguas de viaxe subnormal, desfrutamos dos haicus de Leo, da sensualidade de Lorena e por fin lle poñía cara a Arsenio Iglesias do que tivera novas por vez primeira a través de Alicia Fernández e a quen dá gusto escoitar. Despois María embelesou ao público coas súas palabras cargadas de emocións e de osiños de peluche, de novembros e que bonita porque te miramos e so te vemos sorrir. Mario puxo fin ao recital lendo versos de Tanxerina e xa andamos agardando todos a que volva á poesía despois da L´affiche rouge. Finalizou todo cunha gran actuación de Leo que non deixou indiferente a ninguén e que creo que ás señoras máis maiores que alí había lles fixo sacar as cores e as risas.
E se Tanxerina gañara o ano pasado o Premio Nacional de Poesía XoseMaría Pérez Parallé este ano gañouno Ortigas de Xía Arias e fomos á presentación que ía da man de Fernán-Vello e Leo. Mención hai que facer a Xosé Carlos Hidalgo que é o responsable da portada do libro e á súa vez do deseño gráfico do documental CCCV (Cineclube Compostela Carlos Varela).
Había máis casualidades e máis que celebrar porque se o Ático de Arsenio gañara a anterior edición do Avelina Balladares, este ano Nove de María Lado é o galardonado.
Despois de confirmar que a poesía si da de comer e con lamentables baixas que como ben dixeron "estaría ben espertar en Compostela" o resto da cuchipanda fomos de troula pola noite ferrolana que, unha vez máis, confirmamos que é para recomendar.
Agora estou ortigándome e vendo lauras por canto sitio hai.
O venres na Capitol foi a noite de dous grupos grandes e que van dar moito que falar por aí adiante 6pm e Niño y Pistola. Tíñaos visto antes na Mardi Gras pero hai que dicir que a Capitol é o escenario que merecían eles e o que merecía o seu público para darse esa homenaxe acústica nunha sala practicamente chea. Os homes orquesta de 6pm fixeron delicias electrónicas paseándose no escenario entre cables, guitarras, acordeóns e demais instrumentos e fíxose curto o concerto e creo que todos escoitariamos mil veces máis temas como Crossfading Natures ou Homemade Screener.
6pm-Homemade Screener
Despois tocaron Niño y Pistola e de novo non defraudaron, a xente bailou ao son das notas e ven se ve que teñen lexión de fans que algunhas ata teñen coreografías para algunha canción e todo. Desta vez a súa "Dancing Queen" non foi a canción que pechou o concerto.
Niño y Pistola-Dancing Queen
Despois dunha ovación pedindo outra máis saíron e cantaron unha que non tiñan moi ensaiada pero que o público soubo agradecer destilando dobarrismo polas orellas "O tren", que xa se pode escoitar no seu myspace, foi coreada polos alí presentes deixándonos un sorriso na cara e unhas ganas tremendas de facernos xa con ese disco homenaxe a Andrés do Barro.
Foi unha noite moi bonita por ver como a Capitol estaba chea para ver a dous grupos galegos que han encherse de éxitos (6pm van ir ao Primavera Sound e Niño y Pistola xa andan dando concertos por toda a Península) polo mundo adiante. Eu polo menos quedei moi contenta e seguroque non funa única igual de satisfeita. E aproveito de paso para dar gracias a ifrit e compañía (e que boa compañía) por aturar a miña presencia e foi unha pena que non poidesen quedar ata o final do concerto onde coincidín con outro coñecido máis.
Despois das troitas lisérxicas, con ausencia de representantes da Madriña, de visitar amigas en Compostela e de coñecer a esas grandes persoas e mellores seres humanos que son Elianinha, o home de Hellboy e Chexire, onte tocou concerto again, ao remate do cal pillei o playlist en News Time Romans hételo aquí:
Foi unha noite ogrovita total sendo o nexo de unión SugarKane (ás veces non sei que faría sen ti, rapaz). E está claro que O Grove , que nunca saberei como se escribe correctamente, é un sitio distinto con grupos coma The Phantom Keys ou locais onde so hai que poñer a ourella para darse conta do bo gusto ogrovita, destacando Vado Permanente ou Vinilo: grandes, que son grandes. Outra ourella tiñámola posta no 14 (a partir de agora catorsse) coa honrosa presencia dos mariñeiros do navío. O concerto estivo xenial e o Playa petado e desta vez non houbo queixa de son, moi ben todo. A golpe de martes fomos de visita pola Coruña adiante con parada no Patachim e a botarlle un baile despois no Rock´n´Roll en pleno Orzán, así ata as catro da mañá que eran horas e ao día seguinte había que traballar (anque se por min fose aí quedaba toda a noite).
E está claro que Vigo queda cada día máis preto da Coruña porque alí atopamos a Ra (ese marabilloso nevero) e compañía onde se incluían aos rapaces de proxecto-ds. Encontros breves pero non por iso menos gratos.
Decirlle á xente de la baca pop, a ese dr. infarto, que foi unha pena que non poidesen vir que aquí tiñamos os brazos abertos e a Ladytron en concerto, para outra vez será, verdade?
Pouco máis que contar, agás que como ben dixen ante a pregunta das lentillas: quero crer que eses ollos son seus. Fermosas mulleres.
Si, agora si que o fan gracias ao Apophysis creado por Mark Townsend e que ten a súa orixe no ano 92 cando Scott Graves se puxo a facer chamas fractais (fractal flames). É un software libre e hai un plug-in no gimp (tamén para Mac) que permite facer o mesmo. Outra opción é ir á páxina das ovellas eléctricas, onde tamén se pode descargar un salvapantallas de código aberto tamén que vai creando o que eles chaman ovellas, imaxes coma esta. Cada un vota pola súa preferida e esa perdurará e seguirase reproducindo seguindo un código xenético con mutacións incluídas.
E diredes, código xenético a conto de que? A conto da mesma esencia fractais e copio da wikipedia: os fractais veñen sendo obxectos xeométricos nos que a súa estructura básica se repite a diferentes escalas. Os fractais polo visto poden ser xerados por un proceso recursivo e producir estructuras auto-similares a eles independentemente da escala e son estructuras xeométricas que combinan irregularidade e estructura.
Os fractais están relacionados coa Teoría do Caos e lendo esta explicación quedoume todo moito máis claro e tamén esbocei un tremendo sorriso porque collendo unha frase do artigo parece ser que o caos da tanta liberdade que nada se organiza nin perdura e a orde é tan ríxida que non permite que nada interesante aconteza. O meu caos determinista ten o seu fundamento, e por terceira vez consecutiva teño que voltar a nomear a mourullo (porque o día que foramos a ver a Ballan a Pontevedra xa me tiña clasificada como determinista) e chiscarlle un ollo a outra persoa que eu me sei.
Pois para animar a cousa resulta que agora non flipamos por colores, agora alucinamos en fractais. Lendo este artigo do 2004 Neuroloxía, Filoxenia e Teoría do Caos que sei que lle ha de interesar á rainha vermella vou dar ao tema das drogas e resulta que eso, que alucinamos fractalmente e viría sendo algo así:
Pois eso, XI Festa da Troita en Oroso . Esta noite andan as rapazas de Faltriqueira a tocar e tamén a Cristina Pato, non sei se poderei ir pero mañá seguro que ando a comer as ricas troitiñas. Invitados quedades que cunhas cerveciñas nos baretos do lugar (véxase Sigüeiro) hánvolas poñer de balde, 5.ooo kilos de troitas malo será que non cheguen.
E de paso, gracias a que mourullo mo lembrou, a Barciela é nosa!(bueno, un cacho)
Como pasa o tempo. Hai unha semana desta hora estaba rematando de ver a actuación de Camera Obscura na Fundación Caixa Galicia. O sitio é ben bonito e non se podía pedir mellor compaña: SugarKane e amigos, o noso camareiro favorito (ese home do 14) e á súa compañeira de fatigas nocturnas, zetxek (amiguiño no last.fm) e mourullo a quen cría desaparecido en combate, tamén estaban alí. Quedei encantada do concerto e nalgún momento púxoseme a pel de galiña e creo que a máis dun tamén. Deixo un dos temazos causantes desa erección pilosa que en directo é para quitarse o sombreiro e o dito, moi bonito, tranquilo e relaxado (síntoo sr nohara).
Baixo a choiva liscamso pitando a facer o macuto que me acompañaría nos 4 vindeiros días camiño a Compostela. Despois de que Sak me fixese de GPS telefónico e facer a parada típica por Lugo "mira, vou ben por aquí?" por desviarme onde non era, á unha da mañá cheguei a Portomarín. Alí agardábame a miña compañeira de soños, unha alicantina que levou o xeonllo vendado e revendado como recordo da camiñata.
Andando polo Camiño
O sábado erguinme pensando que a ver que facía eu no Camiño de Santiago no medio de 50 persoas que non coñecía de nada, pero pronto rematou a incertidume porque os que serían a escoba e o recolledor do grupo baixaban a almorzar e pronto me dixeron que eu debía ser a quen estaban agardando. Efectivamente, era eu e xa se encargaron de difundir a nova entre o grupo de peregrinos e asombreime do bo recebemento que tiven (anque dado o traballo que ía facer creo que era máis que comprensible). E xa nos puxemos a andar.
Contaría mil cousas dese día e millóns de millóns dos tres seguintes e non acabaría nunca. Andivemos moito nas catro xornadas 6 horas, 7 horas, 8 horas...xa non sei porque o tempo relativízase. As cousas que che aconteceron esa mañá parecen de fai 15 días e disfrutas de que iso sexa así, de que che cunda o tempo tanto, que se faga inmenso e rico de vivencias. Se nos primeiros cinco minutos resulta que non coñeces a ninguén, aos sete xa sintes que os coñeces a todos de toda a vida anque so cruzaras unha mirada con eles.
Así transcorre o Camiño: seguindo as frechas marelas, andando, rindo, saudando a máis peregrinos, preguntando se viramos pasar a outros que compartían etapas, cruzando estradas, meténdonos en bosques encantados que pensabas extintos, tentando non esvarar na lama, enchoupando as botas en pozas que parecían lagoas, apartando das 200 bicicletas que ían timbrándonos, escoitando as verbas máxicas "Buen Camino", acompañando aos que cara o final da andanza non podían máis, falando de todo e con todos, aledándote polo bo tempo e agradecendo poder darlle uso ao poncho cando sarabeou e se puxo a chover...Disfrutando, disfrutando moito.
Cando non andas...
Toca xantar, toca cear e re-descubres o caldo con repolo (que non con grelos), os chuletóns das cuchas galegas, saboreas o rape, a pescada, as xudías co refrito por riba, a empanada, a carne asada, o polvo de Melide na de Ezequiel e o pan. Saboreas o café de pota e régalo coa caña, co licor de herbas e co LK ou coa crema de orujo. Despois de repoñer forzas estamos todos mellor e rimos fitándonos coa chispa na mirada.
O que non esquecerei nunca vai ser a sesión de estiramentos do grupo na praza de Portomarín, onde todo eran ais, nin a enfermería que montamos nun cuarto para pinchar bozas, facer curas, vendar xeonllos, vendar nocellos, dar masaxes e trapichear con antiinflamatorios. Como ben dixeron, non imos a Santiago, parece que imos a Lourdes. Son todos moi agradecidos, aínda hai moitos que non coñeces pero eles a ti si, e alédaste de que ningún estea demasiado grave. Son un encanto de rapaces.
E as noites son o mellor, o ron seica quita tódolos males, convídante a Zamora cando lle falas doutro zamorano de adopción, convidas en Arzúa por 30 euros a 12 copas, queren que quedes e ti vas canda outros pero á noite seguinte estás con eles como lles prometeches, aínda estamos preguntándonos os nomes despois de horas de conversa, hai unha servilleta con tódalas direccións de correo e sigues rindo e falando e sabes que xa tes amigos para sempre.
E entre todo iso choras, choras andando no camiño sen saber por que, choras falando con alguén cando che pregunta que tal o día, choras despois de que te abracen sen motivo, choras ao chegar ao Obradoiro e nunca tanto te aledaches de ver a Praza, choras sen motivo e a choiva ás veces disimula esas pingueiras na cara. Pero estás feliz, moi feliz.
Un remate que non é tal
A chegada a Compostela eu non a sentín coma o final, o Camiño sigue. Queres volver facelo e continúas preguntándote por que: porque foi moi enriquecedor, porque ogallá toda na vida fose coma o Camiño, porque é coma estar noutro mundo e porque merece a pena. Non sabería dicir que é iso da introspección que tanto falan porque eu sigo sendo a mesma, anque houbo algo que se remexeu dentro de min pero non sei o que.
E agora é cando podedes dicir o falsa que son. Teño a Compostela. Podería ter un certificado que dan conforme fixen o Camiño de Santiago porque cando cubres os datos na Oficina do Peregrino (onde che din que se queres deixar esmola que botes 1 ou 2 euros) marcas os motivos polos que o fas: relixiosos, relixiosos e outros e Outros. Marquei a segunda opción, non porque fose por motivos relixiosos, se non porque sen a relixión o camiño non existiría e a esencia é esa. Non é argumento ningún e no momento pareceume moi obsceno poñer un X nese recadro, de feito aínda mo sigue parecendo e creo que me enganei. Ás veces penso que fago cousas aínda sabendo que me vou a arrepentir delas (ao igual que sempre aposto cando sei que vou perder). Tanto ten, é un papel, é un rito.
Non tiven unha soa vexiga (chiste malo coas ampollas: un que vaia unha farmacia en Londres e pregunta Hay ampollas? e respostalle o farmacéutico Hello, Mr Pollas) porque as miñas botas están feitas para iso...for walking!
Levei cámara de fotos prestada pero non levei o cargador para as pilas así que non teño unha soa fotografía, pero xa mas pasarán e xa darei a lata con elas.
Andar é do melloriño que hai.
Nunca tanto castelán falei na vida, unha semana despois aínda se me escapan cousas en español.
Non sei como non me deshidratei porque ao chegar a casa ben podía cantar iso de eu chorar, chorei o domingo á tarde...
Quero volver a facer o Camiño así que se a alguén lle leva idea, que avise (como dixo Elianinha, é unha proposición indecente)
Polo de agora a Mariam Agnetus esta que vos fala vai ir devotamente Camiño de San Antón da man desa escisión de RM chamada The Policarpo Sound Inc. que nos ofrece en primicia A Regueifa para petiscar xunto co Corpiño Xeitoso versionada por Mourente. Data clave para ese disco dobarrista tan agardado: 5 de xuño, estaremos atentos.
Tedhead, un policarpo, fala por aí dun coro final inédito que seica di así:
lévame, elévame, lévame, lévame á pandeirar... e-lévame meu xeitosiño que eu non quero camiñar
Pois ata aquí chegou o meu Camiño de Swan, amigos, Bobby McGee mediante.
Da man de larvós chega o Cuestionario Proust e imos aventurarnos a facelo anque supoña contar algo máis dun mesmo, cousa que anque normalmente facemos, non deixa de dar un pouco de vergoña cando é así tan explícito.
O Cuestionario Proust polo que estiven mirando, leva ese nome porque o das madalenas foi o que o publicou por vez primeira no 1892 e está feito coa idea de coñecer mellor a unha persoa. Seica no século XIX nos salóns de París era un entretemento de cabaleiros e mesmo había xente que llo pasaba ás visitas e tíñanos todos recollidos nun libro.
O conto é que o Marcel respostou a estas preguntas no aniversario da súa amiga Antoniette Felix-Faure cando tiña 13 anos que a rapaza gardou no "libro de aniversario" (supoño que sería algo así como o album da primeira comunión) e despois fixo outro aos 20. Hoxe tócanos respostar, eivai!
1. O principal rasgo do meu carácter? Supoño que a empatía, anque ás veces penso que é o contrario, a falta de personalidade e de asertividade. Tanto ten, eu penso que é boa cualidade porque así non me radicalizo en canto a pensamentos e actitudes e escoitar o que ten que dicir a xente é algo moi enriquecedor e xa non é todo branco ou negro, se non que rematas tendo unha paleta enorme de cores coa que ver as cousas.
2. A calidade que prefiro nun home? A capacidade de facerme rir, que sexa unha persoa comunicativa, as mostras de afecto e por suposto, a ausencia de soberbia.
3. A calidade que desexo nunha muller? Sinceridade.
4. O que máis aprecio nos meus amigos? Que sempre estean aí cando o preciso, que saiban que poden contar comigo e que nunca nos damos problemas nin nos botamos cousas en cara, doutro xeito non serían amigas/os. Vamos, que nos queremos.
5. O meu principal defecto? Pouca autoestima? E ser moi desconfiada.
6. A miña ocupación preferida? Non facer nada.
7. O meu soño de dicha? Non aspiro a nada nesta vida, ou mellor dito, xa son dichosa.
8. Cal sería a miña maior desgraza? Morrer ou que morresen/desaparecesen persoas queridas da miña vida.
9. Que quixera ser? De pequena quería ser escritora ou xornalista agora, o que son (anque algunhas veces penso que me enganei en escoller profesión). Despois penso que calquera traballo ou ocupación sería interesante pero como nunca tiven vocación de nada, pois tanto me daría. O que si me gustaría sería poder ser unha exploradora, unha alpinista, formar parte dunha expedición na Antártida...algo así.
10. Onde desexaría vivir? En calquera sitio onde tivese amigos e me poidese localizar a familia, de clima aceptable e se pode ter mar mellor, que anque son de interior tamén se bota de menos. A miña idea é ter unha casa no campo nun futuro, coa súa camposa, cos froitais, coa parra e coa parrilla para o churrasco. Estaría ben.
11. A cor que prefiro? Gústame o azul. E os verdes e os laranxas rechamantes tamén.
12. A flor que prefiro? Gústanme tres xuntas que fan contraste no medio do verde: as queiroas violetas, as chorimas amarelas dos toxos(ou no sitio as flores das xestas)e as herbas das doas azuis.
13. O paxaro que prefiro? Os pardais.
14. Os meus autores preferidos en prosa? Borges, García Márquez, Saramago, Houellebecq, Terry Pratcher, Neil Gaiman, Manuel Rivas, Blanco Amor, Roald Dahl, Bukowski...
15. Os meus poetas preferidos? Pessoa, Maria Lado, Lorca, Neruda, anque se digo a verdade non leo moita poesía non sei por que.
16. Os meus heroes de ficción? Obi-Wan Kenobi
17. As miñas heroínas de ficción? Chihiro, Alicia e Dorothy.
18. Os meus compositores preferidos? Mozart, Miles Davis e Coltrane (e gracias a quen mos descubriu) e a partir de hoxe o Doctor Keli.
19. Os meus pintores predilectos? Rubens, Rembrandt, Caravaggio, El Greco, Tiziano, El Bosco, Dalí, Renoir, Manet,Pisarro e case todos os impresionistas. Envexo moito a quen sabe debuxar e pintar ben.
20. Os meus heroes da vida real? Meus pais.
21. As miñas heroínas históricas? Juana de Arco, a pesar de toda a relixiosidade que a rodea.
22. Os meus nomes favoritos? Uxía, Xiana, André, Asier, Alexandre e Inés.
23. Que detesto máis que nada? A mentira, a soberbia, a hipocresía, a traición, a intransixencia, a inxustiza e o resquemor.
24. Que caracteres históricos desprezo máis? Todos aqueles que leven implícitos todo o anterior e que arrastraron masas nunha única dirección de pensamento.
25. Que feito militar admiro máis? A Revolução dos Cravos.
26. Que reforma admiro máis? A Española.
27. Que dons naturais quixeras ter? Sangre nas venas que ás veces non me viña mal e algo máis de asertividade e confianza.
28. Como me gustaría morrer? Tranquila, sabéndoo de antemán e sen dor.
29. Estado presente do meu espírito? Coma un río calmo de gran caudal a piques de desbordar coma un bañeiro cando esta cheo e sigue a billa botando auga, ando revolucionándome amodiño.
30. Feitos que me inspiran máis indulxencia? Os que se fan sen maldade e sen querer.
31. O meu lema? Non facer aos demais o que non me gustaría que me fixesen a min e o Carpe Diem sen dubidalo un momento.
You keep saying you've got something for me. something you call love, but confess. You've been messin' where you shouldn't have been a messin' and now someone else is gettin' all your best.
These boots are made for walking, and that's just what they'll do one of these days these boots are gonna walk all over you.
You keep lying, when you oughta be truthin' and you keep losin' when you oughta not bet. You keep samin' when you oughta be changin'. Now what's right is right, but you ain't been right yet.
These boots are made for walking, and that's just what they'll do one of these days these boots are gonna walk all over you.
You keep playin' where you shouldn't be playin and you keep thinkin' that you´ll never get burnt. Ha! I just found me a brand new box of matches yeah and what he know you ain't HAD time to learn.
Desexádeme moito ánimo e poucas bozas nos pés e que ninguén se ría de min por facer o Camiño que é por motivos solidarios e sacrificando días de vacacións.
Vaime vir moi ben isto que hai moito que non lle meto unha camiñata así ao corpo. O dito, o sábado start walkin!