Como pasa o tempo. Hai unha semana desta hora estaba rematando de ver a actuación de Camera Obscura na Fundación Caixa Galicia. O sitio é ben bonito e non se podía pedir mellor compaña: SugarKane e amigos, o noso camareiro favorito (ese home do 14) e á súa compañeira de fatigas nocturnas, zetxek (amiguiño no last.fm) e mourullo a quen cría desaparecido en combate, tamén estaban alí. Quedei encantada do concerto e nalgún momento púxoseme a pel de galiña e creo que a máis dun tamén. Deixo un dos temazos causantes desa erección pilosa que en directo é para quitarse o sombreiro e o dito, moi bonito, tranquilo e relaxado (síntoo sr nohara).
Camera Obscura-Razzle Dazzle Rose
Baixo a choiva liscamso pitando a facer o macuto que me acompañaría nos 4 vindeiros días camiño a Compostela. Despois de que Sak me fixese de GPS telefónico e facer a parada típica por Lugo "mira, vou ben por aquí?" por desviarme onde non era, á unha da mañá cheguei a Portomarín. Alí agardábame a miña compañeira de soños, unha alicantina que levou o xeonllo vendado e revendado como recordo da camiñata.
Andando polo Camiño
O sábado erguinme pensando que a ver que facía eu no Camiño de Santiago no medio de 50 persoas que non coñecía de nada, pero pronto rematou a incertidume porque os que serían a escoba e o recolledor do grupo baixaban a almorzar e pronto me dixeron que eu debía ser a quen estaban agardando. Efectivamente, era eu e xa se encargaron de difundir a nova entre o grupo de peregrinos e asombreime do bo recebemento que tiven (anque dado o traballo que ía facer creo que era máis que comprensible). E xa nos puxemos a andar.
Contaría mil cousas dese día e millóns de millóns dos tres seguintes e non acabaría nunca. Andivemos moito nas catro xornadas 6 horas, 7 horas, 8 horas...xa non sei porque o tempo relativízase. As cousas que che aconteceron esa mañá parecen de fai 15 días e disfrutas de que iso sexa así, de que che cunda o tempo tanto, que se faga inmenso e rico de vivencias. Se nos primeiros cinco minutos resulta que non coñeces a ninguén, aos sete xa sintes que os coñeces a todos de toda a vida anque so cruzaras unha mirada con eles.

Así transcorre o Camiño: seguindo as frechas marelas, andando, rindo, saudando a máis peregrinos, preguntando se viramos pasar a outros que compartían etapas, cruzando estradas, meténdonos en bosques encantados que pensabas extintos, tentando non esvarar na lama, enchoupando as botas en pozas que parecían lagoas, apartando das 200 bicicletas que ían timbrándonos, escoitando as verbas máxicas "Buen Camino", acompañando aos que cara o final da andanza non podían máis, falando de todo e con todos, aledándote polo bo tempo e agradecendo poder darlle uso ao poncho cando sarabeou e se puxo a chover...Disfrutando, disfrutando moito.
Cando non andas...
Toca xantar, toca cear e re-descubres o caldo con repolo (que non con grelos), os chuletóns das cuchas galegas, saboreas o rape, a pescada, as xudías co refrito por riba, a empanada, a carne asada, o polvo de Melide na de Ezequiel e o pan. Saboreas o café de pota e régalo coa caña, co licor de herbas e co LK ou coa crema de orujo. Despois de repoñer forzas estamos todos mellor e rimos fitándonos coa chispa na mirada.

O que non esquecerei nunca vai ser a sesión de estiramentos do grupo na praza de Portomarín, onde todo eran ais, nin a enfermería que montamos nun cuarto para pinchar bozas, facer curas, vendar xeonllos, vendar nocellos, dar masaxes e trapichear con antiinflamatorios. Como ben dixeron, non imos a Santiago, parece que imos a Lourdes. Son todos moi agradecidos, aínda hai moitos que non coñeces pero eles a ti si, e alédaste de que ningún estea demasiado grave. Son un encanto de rapaces.
E as noites son o mellor, o ron seica quita tódolos males, convídante a Zamora cando lle falas doutro zamorano de adopción, convidas en Arzúa por 30 euros a 12 copas, queren que quedes e ti vas canda outros pero á noite seguinte estás con eles como lles prometeches, aínda estamos preguntándonos os nomes despois de horas de conversa, hai unha servilleta con tódalas direccións de correo e sigues rindo e falando e sabes que xa tes amigos para sempre.
E entre todo iso choras, choras andando no camiño sen saber por que, choras falando con alguén cando che pregunta que tal o día, choras despois de que te abracen sen motivo, choras ao chegar ao Obradoiro e nunca tanto te aledaches de ver a Praza, choras sen motivo e a choiva ás veces disimula esas pingueiras na cara. Pero estás feliz, moi feliz.
Un remate que non é tal
A chegada a Compostela eu non a sentín coma o final, o Camiño sigue. Queres volver facelo e continúas preguntándote por que: porque foi moi enriquecedor, porque ogallá toda na vida fose coma o Camiño, porque é coma estar noutro mundo e porque merece a pena. Non sabería dicir que é iso da introspección que tanto falan porque eu sigo sendo a mesma, anque houbo algo que se remexeu dentro de min pero non sei o que.
E agora é cando podedes dicir o falsa que son. Teño a Compostela. Podería ter un certificado que dan conforme fixen o Camiño de Santiago porque cando cubres os datos na Oficina do Peregrino (onde che din que se queres deixar esmola que botes 1 ou 2 euros) marcas os motivos polos que o fas: relixiosos, relixiosos e outros e Outros. Marquei a segunda opción, non porque fose por motivos relixiosos, se non porque sen a relixión o camiño non existiría e a esencia é esa. Non é argumento ningún e no momento pareceume moi obsceno poñer un X nese recadro, de feito aínda mo sigue parecendo e creo que me enganei. Ás veces penso que fago cousas aínda sabendo que me vou a arrepentir delas (ao igual que sempre aposto cando sei que vou perder). Tanto ten, é un papel, é un rito.
E comemos unha vieira, dinnos que aínda non é o tempo de pementos de Padrón e temos que ir marchando todos e despedímonos felices sabendo que nos imos voltar a ver.
Trapalladiñas
Non tiven unha soa vexiga (chiste malo coas ampollas: un que vaia unha farmacia en Londres e pregunta Hay ampollas? e respostalle o farmacéutico Hello, Mr Pollas) porque as miñas botas están feitas para iso...for walking!
Levei cámara de fotos prestada pero non levei o cargador para as pilas así que non teño unha soa fotografía, pero xa mas pasarán e xa darei a lata con elas.
Andar é do melloriño que hai.
Nunca tanto castelán falei na vida, unha semana despois aínda se me escapan cousas en español.
Non sei como non me deshidratei porque ao chegar a casa ben podía cantar iso de eu chorar, chorei o domingo á tarde...
Houbo prensa e todo.
Quero volver a facer o Camiño así que se a alguén lle leva idea, que avise (como dixo Elianinha, é unha proposición indecente)
Polo de agora a Mariam Agnetus esta que vos fala vai ir devotamente Camiño de San Antón da man desa escisión de RM chamada The Policarpo Sound Inc. que nos ofrece en primicia A Regueifa para petiscar xunto co Corpiño Xeitoso versionada por Mourente. Data clave para ese disco dobarrista tan agardado: 5 de xuño, estaremos atentos.
Tedhead, un policarpo, fala por aí dun coro final inédito que seica di así:
lévame, elévame, lévame,
lévame á pandeirar...
e-lévame meu xeitosiño
que eu non quero camiñar
Pois ata aquí chegou o meu Camiño de Swan, amigos, Bobby McGee mediante.
7 comentários:
Que de cousas te da tempo a facer nunha semana, eso si que é aproveitala ben...
Do concerto de Camera Obscura teño que subir algúns vídeos que grabei, pero a verdade é que vinos ó día seguinte en Santiago e estiveron moito mellor... máis divertidos, máis simpáticos... moito mellor "rollo" co público.
E eu que sendo de Compostela non fixen o Camiño... vergoña debería darme.
Fermosa crónica, case dan gañas de facer o Camiño.
Se xunto a gaña que ainda falla xa avisarei, ou se monta un grupo avise, igual é o que falla para animarme.
Eu apúntome a un bombardeo. Mólanme as proposicións indecentes.
O prazer foi meu, madame ;-) Próxima parada: Ladytron
Eu ia assinalar que me roubas-te a imagem do polvo à feira... quando lembrei que eu também a roubei de por ai (duma página duma cozinheira galega, se não lembro mal). Assim que estás perdoada. ;P
Ah! E o relato das tuas andainas pelo Caminho está muito bem.
zetxek sube vídeos e home, a verdade é que andaban así medio calmiños que noutros vídeos de directos no youtube que vira estaban ben máis animados. Sobre o camiño, se facemos algo xa avisamos :) e un gusto coñecerte e xa nos vemos para este martes, non?
ghanito, déixate de tanto ximnasio e chorraditas desas que andar é o máis sano que hai.
elianinha, ti si que sabes :), vémonos prontiño guapa.
Monsieur SugarKane, será un pracer voltar a velo :)
Parzival somos todos uns quitacousas e anque levase cámara para fotografiar o polvo á feira que nos puxeron non me ía dar tempo a sacala que o devoramos nun plis plas da fame que tiñamos.
Despois diso, o dito "con pan y vino se hace el camino" foi transmutado en "con polvo e viño faise o camiño" que xa falaban todos galego internacional daquela.
Un bico grande grande :)
Enviar um comentário