1/28/2006

Hai cousas que me disgustan

Coñezo a un rapaz de 14 anos. Agora mesmo anda aprendendo a afeitarse o bigote e baixando tías que che ensinan as tetas para o móbil. A min paréceme moi ben que trapicheen con cintas e revistas pornográficas, ao fin e ao cabo, todos andivemos curioseando no tema a esas idades, e creo que ninguén saiu malparado de todo.

O que a min xa non me parece tan ben é que a esas idades xa haxa rapaces aos que todos coñecen como "camellos". Está claro que os tempos cambian, e que cada un viviu o que lle tocou, e que ao mellor xa nos merecemos o calificativo de "carcas" ou "puretas". Pero nada diso xustifica que a unhas idades no que o único que tes que facer é preocuparte de que teus pais che deixen quedar ata un pouco máis tarde na rúa, de se lle gustas a fulanito ou a menganita, das excursións de fin de curso, da roupa que che quere mercar a mamá, do acné que che sae e de a ver cantas asignaturas vas a aprobar, estean roubando cartos da propia casa para mercar hachís.

Este rapaz xa fumou tabaco, este rapaz xa mercou hachís, a este rapaz ofrecéronlle xa éxtasis ao módico precio de 25 euros a pilula. E o peor de todo é que non é el só, que son máis, e para min que todos xuntos acaban formando unha maldita secta na que o pensamento individual non se manifesta.

Este rapaz xa anda cunha mariposa no peto, sabe quen lle podería conseguir un revólver, fanlle gracia os golpes que lles dan os seus amigos a rapaces que non son do grupo e ten un odio criminal aos rapaces que viñeron de Rumanía e Latinoamérica, so porque non coñece a ningún e pensa que todos son ladróns ou Latin Kings.

Na escola estanlle pasando uns vídeos sobre os efectos nocivos das drogas, ten toda a información que quere e aínda así quere probar.

A min todo iso dame noxo (e non tiro pedra ningunha porque ninguén está libre de pecado, eu polo menos non) e mírase de lado e deíxanse pasar as cousas porque "malo será". O peor é cando é malo, porque é moi malo.

Cando é así, non recoñeces a persoa que tes diante de ti, ben porque é agresiva, ben porque parece un neno de tres anos que non se vale por si mesmo. E cando te mira veslle nos ollos toda a soidade e a tristeza que gardou, todo o arrepentimento que non lle colle dentro porque se dá conta do mal que lle fixo aos que o queren. É neses momentos tan denigrantes cando te decatas de que xa sabe que os "colegas" non merecen unha fala, porque ninguén que te queira te deixa tirado na rúa cando peor estás, nin che siguen ofrecendo merda unha e outra vez sabendo que non che convén, nin se esquecen de ti cando estás no hospital, nin cando te internan no psiquiátrico, nin se toman a coña que un amigo se suicidara por culpa da intoxicación que tiña no corpo, nin se atreven a ir a túa casa e facer coma se nada pasase despois de todo.


E xa non sigo porque non poido. Estame doendo moito. Non quero que esto sexa o normal.

Sem comentários: