1/14/2006

Comezamos

Bos días, acabo de crearme unha nova necesidade. Creo que todos facemos iso tódolos días, a pesar de non ter falta de complicarnos máis a vida, pero como digo eu, todos temos necesidade de que alguén nos faga caso, e anque xa saibamos que sempre temos a alguén ao lado que si nos escoita, parece que temos que ampliar o círculo cada vez máis. Somos sociais ¿nonsí?
Pois eu non.
Se por min fora ás veces non quedaría con ninguén. Pero é unha necesidade, creo que vital, o ter relación cos demais. A ver se me vou curando, porque seica iso é un problema de conducta.
¿Alguén máis así? Si, supoño que todos nalgún momento da vida somos así, algo ariscos, algo fartos do mundo, algo rosmóns e algo autistas. Imos cos golfiños logo, parece que por aquí por Galiza si os hai. Eu aínda non os vin, e no canto de pensar en ir a velos preto de onde vivo (praia de Balieiros en Corrubedo polo que me contaron...bonitos días eses en Corrubedo), vou e penso nas baleas de Escocia.
Son curiosas esas ganas de ir lonxe. De feito estes días ando pensando en Bos Aires. Tranquilos todos que seguro que en marzal aínda ando por aquí. E máis tranquilos aínda, seguro que para o ano non terei nada novo que contar.
A vida é unha rutina, pero non está mal de todo.
Ben, seguro que ao longo do día se me ocorre algo máis, polo de agora deixarémolo aquí. Teño que ir a cubrir as necesidades doutra necesidade (véxase coche).
Un grande bico conxugado cunha forte aperta.

Sem comentários: